DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 9 de marzo de 2026 Páx. 16879

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 27 de febreiro de 2026, da Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro da Consellería de Facenda e Administración Pública, pola que se publica o convenio do 23 de febreiro do 2026 entre o Ministerio de Facenda e a Xunta de Galicia para a coordinación de actuacións en materia de contratación pública.

Con data do 23 de febreiro de 2026 asinouse o convenio entre o Ministerio de Facenda e a Xunta de Galicia para a coordinación de actuacións en materia de contratación pública.

A cláusula sexta do convenio dispón a súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Tendo en conta o exposto e en virtude das competencias conferidas,

RESOLVO:

Publicar o convenio entre o Ministerio de Facenda e a Xunta de Galicia para a coordinación de actuacións en materia de contratación pública, como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2026

David Cabañó Fernández
Secretario xeral técnico e do Tesouro
da Consellería de Facenda e Administración Pública

Convenio entre o Ministerio de Facenda e a Xunta de Galicia para a coordinación de actuacións en materia de contratación pública

Reunidos:

– Dunha parte, Lidia Sánchez Milán, subsecretaria de Facenda, nomeada polo Real Decreto 357/2024, do 2 de abril, con competencias para asinar este convenio, de conformidade co artigo 7.4.a) da Orde HFP/1500/2021, do 29 de decembro, de delegación de competencias e pola que se fixan os límites das competencias de xestión orzamentaria e concesión de subvencións e axudas dos titulares das Secretarías de Estado.

– Doutra parte, Miguel Corgos López-Prado, conselleiro de Facenda e Administración Pública, en representación da Xunta de Galicia, nomeado polo Decreto 44/2024, do 14 de abril (DOG núm. 73, do 14 de abril), con competencias para asinar este convenio.

EXPOÑEN:

De acordo cos principios da contratación pública, e como continuación do convenio subscrito o 10 de decembro de 2015, ambas as administracións manifestan o seu interese en proseguir a colaboración nos dous ámbitos relacionados coa lexislación de contratos do sector público en que existen competencias concorrentes: a xestión da publicidade contractual por medios electrónicos, informáticos e telemáticos pola Plataforma de contratación do sector público e o Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Sector Público.

O artigo 347 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014 (en diante, LCSP) regula a Plataforma de contratación do sector público como unha plataforma electrónica que a Dirección Xeral do Patrimonio do Estado do Ministerio de Facenda pon á disposición de todos os órganos de contratación do sector público para difundir a través da internet os seus perfís de contratante, así como prestar outros servizos complementarios asociados ao tratamento informático destes datos.

O número 3 do citado artigo, no seu parágrafo primeiro, prevé que «As comunidades autónomas e as cidades autónomas de Ceuta e Melilla poderán establecer servizos de información similares á Plataforma de contratación do sector público nos cales deberán aloxar os seus perfís de contratante de forma obrigatoria, tanto os seus propios órganos de contratación como os dos seus entes, organismos e entidades vinculados ou dependentes, xestionaranse e difundiranse exclusivamente a través deles e constituirán estes servizos un punto de acceso único aos perfís de contratante dos entes, organismos e entidades adscritos á comunidade autónoma correspondente».

No parágrafo terceiro do número 3 do artigo 347 da LCSP prevese igualmente que, independentemente da opción elixida polas comunidades autónomas ou as cidades autónomas sobre a creación dunha plataforma propia, estas deberán publicar, ben directamente ou por interconexión con dispositivos electrónicos de agregación da información no caso de que contasen cos seus propios servizos de información, a convocatoria de todas as licitacións e os seus resultados na Plataforma de contratación do sector público, e por tanto é necesaria a colaboración entre ambas as plataformas.

De conformidade co disposto no artigo 347.3 da LCSP, a Xunta de Galicia ten establecido un servizo de información similar á Plataforma de contratación do sector público en que aloxa de maneira obrigatoria os perfís de contratante dos seus propios órganos de contratación e os dos seus entes, organismos e entidades vinculados ou dependentes e, voluntariamente, os perfís de varias entidades locais galegas. Estes perfís xestiónanse e difúndense exclusivamente a través da Plataforma autonómica denominada Contratos Públicos de Galicia (CPG), que constitúe un punto de acceso único aos perfís de contratante dos entes, organismos e entidades adscritos á devandita comunidade autónoma e os das entidades locais galegas alí aloxados.

No ano 2015, ambas as administracións públicas, no marco de colaboración mutua que debe presidir as relacións administrativas, asinaron un convenio sobre diversas actuacións de coordinación en materia de contratación pública, publicado pola Resolución do 11 de decembro de 2015 da Dirección Xeral do Patrimonio do Estado (BOE núm. 304, do 21 de decembro de 2015 e DOG núm. 242, do mesmo día). Nel coincidían en que unha boa forma de dar cumprimento á obrigación de transparencia exixida pola normativa contractual, conforme os principios de eficacia e eficiencia que igualmente deben inspirar as súas actuacións, é mediante a interconexión con dispositivos electrónicos de agregación da información existente na Plataforma de contratación do sector público e na Plataforma de contratos públicos de Galicia (CPG), como vehículos idóneos para cumprir os principios de liberdade de acceso ás licitacións, publicidade, concorrencia, transparencia, igualdade de trato e non discriminación.

Consolidada a interconexión de información entre plataformas desde agosto de 2018, é conveniente que ambas as administracións públicas avancen na coordinación da información de tal forma que os axentes económicos ou licitadores teñan coñecemento certo e completo de todas as licitacións publicadas por calquera órgano de contratación situado en Galicia, sexa cal for a Administración de procedencia (estatal, autonómica ou local), de xeito que ambas as plataformas faciliten aos cidadáns e empresas a procura global de toda a información publicada vinculada a Galicia e o acceso ás publicacións das plataformas interconectadas.

Pola súa banda, os artigos 337 a 345 da LCSP regulan os rexistros oficiais de licitadores e empresas clasificadas. A este respecto, o artigo 340.2 prevé que «Os órganos competentes das comunidades autónomas que opten por non levar o seu propio rexistro de licitadores e empresas clasificadas practicarán no Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Sector Público as inscricións de oficio a que se refiren o primeiro parágrafo do apartado 1 do artigo 341 e o segundo inciso do primeiro parágrafo do número 1 do artigo 338. Poderán practicar igualmente no Rexistro as inscricións indicadas no punto segundo do artigo 341 cando se refiran a empresarios domiciliados no seu ámbito territorial e así llelo solicite o interesado. As inscricións no rexistro polos órganos competentes das comunidades autónomas exixirá a subscrición previa dun convenio para ese efecto co Ministerio de Facenda e Función Pública».

En consecuencia, ambas as administracións, co obxecto de mellorar a eficiencia da xestión pública, facilitar a utilización conxunta de medios e servizos públicos, contribuír á realización de actividades de utilidade pública e cumprir coa lexislación de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira no ámbito da contratación do sector público, acordan subscribir este convenio de colaboración de acordo coas seguintes

CLÁUSULAS:

Primeira. Obxecto do convenio

O convenio ten por obxecto a colaboración entre o Ministerio de Facenda e a Xunta de Galicia, en materia de contratación pública nos seguintes ámbitos, de acordo co previsto na LCSP:

1) Interconexión da Plataforma de contratación do sector público coa Plataforma de contratos públicos de Galicia para que, mediante un intercambio de información entre os portais ou sistemas informáticos similares entre a Xunta de Galicia e a Administración xeral do Estado, se consolida na Plataforma de contratación do sector público a información sobre os procedementos de contratación, competencias de ambas as administracións públicas.

2) As inscricións no Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Sector Público polos órganos da Xunta de Galicia, de acordo co previsto no artigo 340.2 da LCSP.

Este convenio non supón, en ningún caso, a cesión da titularidade da competencia que é propia de cada unha das partes signatarias.

Segunda. Colaboración en relación coa Plataforma de contratación do sector público

De conformidade co disposto no artigo 347.3 da LCSP, a Xunta de Galicia ten establecido desde o ano 2008 un servizo de información denominado Contratos Públicos de Galicia (CPG) en que aloxa de maneira obrigatoria os perfís de contratante dos seus propios órganos de contratación e os dos seus entes, organismos e entidades vinculados ou dependentes e, voluntariamente, os perfís de varias entidades locais galegas. Estes perfís xestiónanse e difúndense exclusivamente a través da Plataforma autonómica, que constitúe un punto de acceso único aos perfís de contratante dos entes, organismos e entidades adscritos á devandita comunidade autónoma e ás entidades locais aloxadas.

Consolidada a interconexión de información entre plataformas desde agosto de 2018, é conveniente que ambas as administracións públicas avancen na coordinación da información de tal forma que os axentes económicos ou licitadores teñan coñecemento certo e completo de todas as licitacións publicadas por calquera órgano de contratación situado en Galicia, sexa cal for a Administración de procedencia, de xeito que ambas as plataformas faciliten aos cidadáns e empresas a procura global de toda a información publicada vinculada a Galicia e o acceso ás publicacións das plataformas interconectadas.

Para iso, ambas as administracións públicas se comprometen a tramitar os procedementos legalmente previstos, adoptar os acordos necesarios e realizar os desenvolvementos informáticos que sexan precisos da forma máis dilixente posible co obxecto de lograr o fin previsto, no ámbito competencial de cada Administración.

Con base no anterior, as partes acordan que a Xunta de Galicia continúe publicando na Plataforma de contratación do sector público polo mecanismo de interconexión con dispositivos electrónicos de agregación da información, a convocatoria de todas as licitacións e os seus resultados.

Pola súa vez, a Administración do Estado comunicará á Plataforma de contratos públicos de Galicia (CPG), para os únicos efectos de facilitar a procura ou consulta de información, as publicacións relativas a convocatorias de licitacións e os seus resultados, dos órganos de contratación situados en territorio galego que estean aloxados na Plataforma de contratación do sector público.

O conxunto de datos que se comparten, especificacións técnicas dos formatos, protocolos e mecanismos de intercambio de información serán acordados entre a Dirección Xeral do Patrimonio do Estado e a Xunta de Galicia.

Ambas as administracións acordarán un procedemento para comunicar as incidencias que se produzan nas respectivas plataformas e serán responsables de garantir a consistencia dos datos correspondentes aos procedementos de contratación que remiten á outra plataforma para a súa publicación. Se, por calquera circunstancia, se detecta un erro ou inconsistencia na información publicada por agregación, requirirase o seu exame e, se é o caso, a súa corrección por parte da Administración de orixe da información.

Os servizos da Plataforma de contratación do sector público ofrecerallos a Administración xeral do Estado á Xunta de Galicia de forma totalmente gratuíta.

Terceira. Colaboración en relación co Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Sector Público

A Xunta de Galicia conta desde 1993 co seu propio Rexistro Xeral de Contratistas cuxo obxecto é deixar constancia das condicións de aptitude para contratar dos empresarios que así o soliciten, que fosen clasificados pola Xunta Consultiva de Contratación Pública do Estado ou que incorresen nalgunha prohibición de contratación cuxa declaración corresponde a órganos da Administración autonómica ou das entidades locais incluídas no ámbito territorial da Xunta de Galicia.

A integración do Rexistro Xeral de Contratistas da Xunta de Galicia co Rexistro de Licitadores e Empresas Clasificadas do Sector Público alcanzarase a través das seguintes actuacións:

a) Revisión, comparación e conciliación dos modelos de información e de xestión do Rolece e do Rexistro Xeral de Contratistas da Xunta de Galicia.

b) Conciliación e consolidación nun único sistema de rexistro dos asentos que figuran no Rolece e do Rexistro Xeral de Contratistas da Xunta de Galicia.

c) Definición das características formais específicas e demais requirimentos institucionais que deberán cumprir as interfaces, modelos e formularios do Rexistro.

d) A achega de documentación aos expedientes por parte dos interesados efectuarase de conformidade coa normativa específica que, se é o caso, resulte de aplicación en función do órgano competente para a tramitación do expediente, e instrumentaranse os mecanismos necesarios para o acceso compartido á documentación acreditativa dispoñible por todos os órganos que a necesiten. A cooperación no ámbito das administracións públicas configúrase como un principio esencial para garantir o dereito dos cidadáns de relacionarse con elas por medios electrónicos e de non achegar documentos xa elaborados polas administracións públicas e, para iso, avanzarase en materia de interoperabilidade entre administracións evitando as persoas demandantes de inscrición ou modificación de datos do Rexistro, a presentación de documentos que xa figuren en poder da Administración galega ou que sexan xerados por esta.

Para tal fin non se requirirán dos solicitantes de inscrición os documentos de identidade, de solvencia ou de capacidade dos cales a Administración autonómica dispoña a través do portal de interoperabilidade Pasaxe por convenio cos órganos emisores.

A Xunta de Galicia comprométese a subir a documentación obtida á aplicación Rolescp para deixar constancia dela durante a tramitación do expediente.

e) Formación dos usuarios se é necesario.

Unha vez integrados ambos os rexistros, os órganos competentes da Xunta de Galicia efectuarán no Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Sector Público as prohibicións de contratar que sexan declaradas polos seus órganos competentes, polos das entidades locais do seu ámbito territorial ou polos dos organismos e entidades dependentes dunha ou outras.

Así mesmo, os órganos competentes da Xunta de Galicia poderán practicar no Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Sector Público as inscricións solicitude do interesado a que se refiren os artigos 339 e 341.2 da Lei de contratos do sector público, cando se refiran a empresarios domiciliados no ámbito territorial da Xunta de Galicia e así lles sexa solicitado polo interesado.

Os custos derivados das actuacións relativas aos desenvolvementos informáticos, modificacións destes, e operación e mantemento das plataformas informáticas de soporte do Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Sector Público serán asumidos pola Administración Xeral do Estado, por medio da Dirección xeral do Patrimonio do Estado.

Cuarta. Mecanismo de seguimento, vixilancia e control

I. Para velar pola adecuada execución das cláusulas recollidas neste convenio constitúese unha comisión de seguimento que estará integrada por catro vogais, dous en representación do Ministerio de Facenda, que serán designados pola dirección xeral do Patrimonio do Estado e outros dous designados pola dirección xeral competente en materia de patrimonio e contratación da Xunta de Galicia. A Presidencia da Comisión corresponderá alternativamente, cada ano, á representación dunha ou outra Administración pública e comezando pola da Comunidade Autónoma.

II. A Comisión de Seguimento terá as seguintes funcións:

– Realizar o seguimento, vixilancia e control da execución do convenio e dos compromisos adquiridos polos asinantes.

– Resolver os problemas de interpretación e cumprimento que se deriven deste convenio.

III. Serán de aplicación á actuación da comisión de seguimento as normas de constitución e actuación dos órganos colexiados establecidas na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Quinta. Protección de datos

Ambas as partes se comprometen a tratar os datos persoais que se recollen neste convenio, ou aqueles aos que as partes poidan ter acceso en desenvolvemento deste, conforme o disposto no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (en diante, RXPD) e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, ou en calquera outra lexislación que poida substituír, modificar ou complementar a mencionada en materia de protección de datos de carácter persoal durante a vixencia deste convenio.

II. O tratamento dos datos persoais con motivo do obxecto deste convenio é necesario, se é o caso, para o cumprimento dunha obriga legal aplicable ao responsable do tratamento (artigo 6.1.c) do RXPD) ou en exercicio de poderes públicos conferidos ao responsable do tratamento (artigo 6.1.e) do RXPD), e a súa base legal é a LCSP.

III. Se é o caso, se como consecuencia da execución deste convenio se produce tratamento de datos persoais, derivados da xestión de accesos a usuarios, da Comunidade Autónoma á Plataforma de contratación do sector público ou ao Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Sector Público, serán responsables do devandito tratamento a Subdirección Xeral de Coordinación da Contratación Electrónica e a Subdirección Xeral de Clasificación de Contratistas e Rexistro de Contratos, respectivamente, ambas pertencentes á Dirección Xeral de Patrimonio do Estado.

IV. En caso de utilización da Plataforma de contratación do sector público ou de inscrición no Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Sector Público por parte dos órganos da Comunidade Autónoma, iso pode implicar o tratamento de datos de persoas físicas, en relación cos cales os órganos de contratación da Comunidade Autónoma terán a condición de responsables do tratamento e as Subdireccións antes aludidas serán encargadas do tratamento. Este tratamento rexerase polo establecido no artigo 28.3 do RXPD e, en concreto, as subdireccións encargadas do tratamento:

a) Tratarán os datos persoais unicamente seguindo instrucións do responsable recollidas neste convenio.

b) Garantirán que as persoas autorizadas para tratar datos persoais se comprometen a respectar a confidencialidade, garden segredo profesional sobre estes e non os comuniquen a terceiros, salvo naqueles casos en que deba facerse en estrito cumprimento da lei.

c) Tomarán todas as medidas necesarias para garantir a seguridade do tratamento, de conformidade co artigo 32 do RXPD.

d) Asistirán ao responsable para que este poida cumprir coa súa obriga de responder as solicitudes que teñan por obxecto o exercicio dos dereitos dos interesados.

e) A elección do responsable, suprimirán ou devolverán todos os datos persoais, unha vez que finalice a prestación dos servizos de tratamento, e suprimirán as copias existentes a menos que se requira a conservación dos datos persoais en virtude do dereito da Unión ou dos Estados membros.

f) Poñerán á disposición do responsable toda a información necesaria para demostrar o cumprimento das obrigas establecidas neste artigo, así como para permitir e contribuír á realización de auditorías, incluídas inspeccións, por parte do responsable ou doutro auditor autorizado por este responsable.

V. A Comunidade Autónoma presta a través deste convenio autorización xeral para que os encargados de tratamento poidan recorrer a outros encargados do tratamento para a execución das finalidades previstas neste convenio sempre que se lles impoñan as mesmas obrigas aquí estipuladas, mediante contrato ou outro acto xurídico vinculante. A información relativa aos encargados do tratamento estará dispoñible na Plataforma de contratación do sector público e no Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Sector Público.

VI. No caso de que se produzan incidentes de seguridade que afecten os sistemas obxecto deste convenio, as partes comprométense a informarse coa máxima celeridade posible co obxecto de identificar se o incidente é susceptible de comunicación á autoridade de control e ás persoas concernidas, sen exceder o límite de 72 horas previsto no artigo 33 do RXPD. Pola súa vez, ambas as partes se comprometen a colaborar para resolver o incidente e a poñer os medios necesarios para a non repetición de incidentes similares.

Sexta. Eficacia e vixencia

I. Este convenio perfecciónase co consentimento das partes e resultará eficaz unha vez rexistrado, no prazo de cinco días hábiles desde a súa formalización, no Rexistro Electrónico Estatal de Órganos e Instrumentos de Cooperación do Sector Público Estatal. Así mesmo, será publicado no prazo de dez días hábiles desde a súa formalización no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 48.8 da Lei 40/2015, do 1 de outubro.

II. O período de vixencia deste convenio será de catro anos a partir da data en que este adquira eficacia e pode prorrogarse por un período de ata catro anos adicionais. Esta prórroga requirirá inscrición no Rexistro Electrónico Estatal de Órganos e Instrumentos de Cooperación do Sector Público Estatal e publicación no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Sétima. Modificación

A modificación do contido do convenio requirirá acordo unánime dos asinantes e recollerase expresamente mediante a sinatura da correspondente addenda, que será tramitada conforme o artigo 50 da Lei 40/2015, do 1 de outubro. Unha vez asinada, a modificación será efectiva desde que se realice a inscrición da addenda no Rexistro Electrónico Estatal de Órganos e Instrumentos de Cooperación do Sector Público Estatal. A addenda deberá ser publicada no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Oitava. Extinción do convenio

I. O convenio extínguese polo cumprimento das actuacións que constitúen o seu obxecto ou por incorrer en causa de resolución.

II. Son causas de resolución as seguintes:

a) O transcurso do prazo de vixencia do convenio sen acordarse a súa prórroga.

b) O acordo unánime de ambas as partes.

c) O incumprimento por algunha das partes das obrigas e compromisos asumidos.

Neste caso, a parte que detectase o incumprimento poderá notificar á parte incumpridora un requirimento para que cumpra nun determinado prazo coas obrigas ou compromisos que se consideran incumpridos. Este requirimento será comunicado á Comisión de Seguimento do convenio. Se, transcorrido o prazo indicado no requirimento, persistise o incumprimento, a parte que o dirixiu notificará á incumpridora a concorrencia da causa de resolución e entenderase resolvido o convenio, con eficacia desde a comunicación da devandita resolución ao Rexistro Electrónico Estatal de Órganos e Instrumentos de Cooperación do Sector Público Estatal. A resolución do convenio por esta causa poderá comportar a indemnización dos prexuízos causados cuxa cuantificación corresponderá á Comisión de Seguimento do convenio.

d) Por decisión xudicial declaratoria da nulidade do convenio.

e) Por calquera outra causa prevista na lexislación vixente.

III. Se, cando concorra calquera das causas de resolución do convenio, existen actuacións en curso de execución, as partes, por proposta da comisión de seguimento do convenio, deberán acordar as actuacións pertinentes para os efectos de velar pola continuación e finalización das actuacións en curso que consideren oportunas, establecendo un prazo adecuado e viable para a súa finalización.

Novena. Natureza xurídica e réxime de resolución de conflitos

Este convenio ten natureza administrativa e rexerase polo disposto no capítulo VI do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro.

As partes comprométense a tentar resolver de maneira amigable calquera desacordo que puidese xurdir no desenvolvemento, interpretación ou cumprimento deste convenio a través da Comisión de Seguimento do convenio. En caso de non ser posible unha solución amigable, e resultar procedente litixio xudicial, a xurisdición competente para coñecer e resolver estas cuestións será a xurisdición contencioso-administrativa, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

E, en proba de conformidade, asinan este convenio nas datas que se indican en cada unha das sinaturas, tomándose como data de perfeccionamento do convenio a do último asinante.

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública
da Xunta de Galicia

Lidia Sánchez Milán
Subsecretaria de Facenda da
Administración xeral do Estado