Visto o expediente para o outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica que se describe a seguir, tal e como se recollen no proxecto asinado o día 18.11.2025 polo enxeñeiro técnico industrial Rubén Francisco Fernández Vayo, colexiado núm. 2880 do COITIVigo, e visado o día 19.11.2025 polo citado Colexio Profesional co número 22501748.
Solicitante: San Miguel 2000 Distribución Eléctrica, S.L.
Enderezo: rúa Coruña, 20, 36700 Tui (Pontevedra).
Denominación: LMTS en CT Lapela.
Situación: lugar da Lapela, concello de Padrenda.
Orzamento: 16.934,50 €.
Características técnicas:
– Desmonte do tramo de LMTA existente entre o apoio núm. 1 e o apoio CT Lapela.
– Soterramento do último van da liña de media tensión aérea no CT Lapela, coa instalación dunha nova LMTS, a 20 kV, de 33 m de lonxitude, en condutor RHZ1-OL-12/20 kV-3×95 Al, con orixe no paso A/S proxectado no citado apoio núm. 1 e final no paso A/S proxectado no apoio CT Lapela.
Cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no capítulo II, título VII, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Resolución da Consellería de Economía e Industria, do 19 de febreiro de 2014, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG núm. 54, do 19 de marzo), así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), esta dirección territorial
RESOLVE:
Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción á devandita instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.
Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten de aplicación e en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.
O prazo de posta en marcha da instalación que se autoriza será de seis meses, contado a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.
Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Ourense, 11 de febreiro de 2026
Alicia María López Míguez
Directora territorial de Ourense
