DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 9 de marzo de 2026 Páx. 17101

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 12 de febreiro de 2026, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, pola que se autoriza administrativamente o peche definitivo e desmantelamento da planta de coxeración de enerxía eléctrica que Top Wash, S.L. posúe no concello de Arteixo (A Coruña) e se cancela a súa inscrición no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia.

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Top Wash, S.L. en relación coa autorización administrativa de peche e desmantelamento dunha central de coxeración situada no concello de Arteixo (A Coruña) e a cancelación da súa inscrición no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 23 de outubro de 1997, a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio resolveu autorizar a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica á empresa Top Wash, S.L. no concello de Arteixo (A Coruña) e incluíla no réxime especial creado polo Real decreto 2366/1994 (expediente 97/265).

Segundo. O 28 de novembro de 1997, a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio resolveu incluír no réxime especial creado polo Real decreto 2366/1994 a ampliación da planta de coxeración de enerxía eléctrica prevista nas instalacións da empresa Top Wash, S.L. no concello de Arteixo (A Coruña).

Terceiro. O 10 de setembro de 1998, a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio resolveu autorizar a ampliación da planta de coxeración de enerxía eléctrica á empresa Top Wash, S.L. no concello de Arteixo (A Coruña) e aprobar o seu proxecto de execución (expediente 97/265).

Cuarto. O 16 de xuño de 1999, a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio resolveu inscribir a planta de coxeración de referencia no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do recollido no Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre produción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración, cunha potencia total de 2.135 kW, outorgándolle o número RE-99-27.

Quinto. O 8 de xullo de 2009, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria resolveu autorizar administrativamente e recoñecer a condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica da modificación da planta de coxeración que Top Wash, S.L. posúe no concello de Arteixo (A Coruña), coas seguintes características técnicas:

– Substitución da coxeración actual (expediente 97/265) por un grupo motor-alternador de 495 kW, alimentado a gas natural, e modificación das correspondentes instalacións auxiliares.

– Modificación da aparellaxe eléctrica de mando, protección, sinalización e medida.

Sexto. O 16 de outubro de 2009, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria resolveu aprobar o proxecto de execución e o proxecto de desmantelamento parcial da modificación da planta de coxeración que Top Wash, S.L. posúe no concello de Arteixo (A Coruña), de acordo co recollido no antecedente de feito quinto desta resolución.

Sétimo. O 11 de decembro de 2009, a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria emitiu a autorización de posta en servizo da modificación da planta de coxeración.

Oitavo. O 26 de abril de 2010, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria resolveu modificar a inscrición no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia da modificación da planta de coxeración de 495 kW titularidade de Top Wash, S.L. situada no concello de Arteixo (A Coruña).

Noveno. O 6 de marzo de 2025, Top Wash, S.L. solicitou a autorización administrativa de peche definitivo da planta de coxeración da súa titularidade situada no concello de Arteixo (A Coruña).

Décimo. O 13 de marzo de 2025 requiríuselle a Top Wash, S.L. documentación adicional necesaria para continuar coa tramitación do procedemento. A solicitante presentou na mesma data a documentación requirida incluíndo unha solicitude asinada de cancelación da inscrición da planta de coxeración de referencia no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia.

Décimo primeiro. O 11 de abril de 2025, a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CMNC) informou sobre a solicitude de autorización administrativa de peche definitivo da planta de coxeración sen formular observacións en relación coa citada solicitude.

Décimo segundo. O 2 de novembro de 2025, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria informou sobre a solicitude de peche da planta de coxeración presentada por Top Wash, S.L. indicando que non se atopou ningún impedimento para a emisión da autorización administrativa para o peche das instalacións electromecánicas e eléctricas existentes, de acordo co proxecto técnico de execución denominado Proxecto de desmantelamento da planta de coxeración con motor de gas natural de Top Wash, S.L., asinado o 25 de febreiro de 2025 polo enxeñeiro industrial Alejandro Allegue Alvedro, colexiado núm. 871 do ICOIGG, e visado o 27 de febreiro de 2025 co núm. 20233105.

Décimo terceiro. O 8 de xaneiro de 2026, Red Eléctrica de España, S.A. informou sobre a solicitude de peche da planta de coxeración, facendo constar que non ten incidencia na garantía de cobertura da demanda nin na seguridade do sistema na rede de transporte.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.

Segundo. O artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que a transmisión e o peche definitivo de instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas, así como o peche temporal das instalacións de produción requirirán a autorización administrativa previa.

Terceiro. O peche e desmantelamento do sistema de coxeración non precisa someterse ao trámite de avaliación ambiental ao non estar incluído nos supostos recollidos na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

Cuarto. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, no Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproban o Regulamento electrotécnico para baixa tensión e as súas instrucións complementarias, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a Top Wash, S.L. a autorización administrativa de peche definitivo e desmantelamento da planta de coxeración de enerxía eléctrica que posúe no concello de Arteixo (A Coruña), segundo o proxecto técnico de execución denominado Proxecto de desmantelamento da planta de coxeración con motor de gas natural de Top Wash, S.L., asinado o 25 de febreiro de 2025 polo enxeñeiro industrial Alejandro Allegue Alvedro, colexiado núm. 871 do ICOIGG, e visado o 27 de febreiro de 2025 co núm. 20233105.

Segundo. Cancelar a inscrición da planta de coxeración de enerxía eléctrica titularidade de Top Wash, S.L., debido ao seu peche, obxecto desta autorización administrativa, no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia, co número de rexistro autonómico RE-99-27.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

1. O peche definitivo e desmantelamento da instalación terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución referido no punto primeiro da parte dispositiva desta resolución.

2. Deberá cumprirse, en todo momento, canto establecen o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproban o Regulamento electrotécnico para baixa tensión e as súas instrucións complementarias, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

3. Para introducir modificacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deberá comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.

4. O prazo para o peche e desmantelamento da instalación será de dous anos contados a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución. Se, transcorrido o dito prazo, aquel non tivo lugar, producirase a caducidade desta autorización.

Unha vez rematado o desmantelamento, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de acta de peche ante o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria, quen deberá emitila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

5. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

6. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra este acto, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2026

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas