DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 9 de marzo de 2026 Páx. 17107

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 13 de febreiro de 2026, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción da infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente a unha nova posición de 15 kV na subestación Sidegasa-Teixeiro 220/66/15 kV, no termo municipal de Curtis (A Coruña), que promove UFD Distribución Electricidad, S.A. (expediente IN407A 2025/174-1).

Feitos:

1. O 25.9.2025, UFD Distribución Electricidad, S.A. (en diante, UFD) presentou, ante o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria (en diante, departamento territorial), a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente a unha nova posición de 15 kV na subestación Sidegasa-Teixeiro 220/66/15 kV, no termo municipal de Curtis (A Coruña), á que se lle asignou o número de expediente IN407A 2025/174-1.

Esta solicitude acompañouse (ou completouse posteriormente) da seguinte documentación técnica:

– Proxecto de execución denominado Subestación Sidegasa-Teixeiro 220/66/15 kV-ampliación parque de 15 kV-Pos. 718 liña, asinado o 15.9.2025 polo enxeñeiro técnico industrial David Rabuñal Martínez (colexiado núm. 3.481 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña –Coeticor–) e visado por este colexio, con núm. 2686/25-CO e data 15.9.2025, no cal figura un orzamento total de 67.471,00 euros.

– Declaración responsable asinada polo técnico proxectista e integrada no anexo II do proxecto, exixida no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Escrito de UFD, asinado o 22.9.2025, en que fai constar o seguinte: «[...] non procede remitir a declaración responsable a que fai referencia o artigo 46.e) da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, para as instalacións eléctricas incluídas neste proxecto, ao non se afectaren novos bens e dereitos de propiedade particular. En canto á documentación precisa en función das afeccións sectoriais, e dado que no proxecto non se prevén afeccións a bens e dereitos a cargo das distintas administracións, organismos, empresas de servizo público ou de interese xeral, non se presentan separatas para o efecto».

Segundo consta no proxecto de execución, na subestación Sidegasa-Teixeiro 220/66/15 kV proxéctase a ampliación dunha nova posición de liña no parque blindado de 15 kV (Pos. 718 liña), coa montaxe dunha nova cela blindada con illamento por gases naturais (Clean Air), en configuración de simple barra en interior de edificio existente, comprendendo a subministración e montaxe da cela NXPLUS C 24 blue GIS e incluíndo as probas, ensaios e posta en servizo da nova aparellaxe instalada.

2. O 15.9.2025, o departamento territorial, logo de rematada a instrución do referido expediente, deu traslado del á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas (en diante, DXPEM) para os efectos de ditar a oportuna resolución, incorporando ao expediente o informe emitido o 9.2.2026 polos seus servizos técnicos, en que se conclúe o seguinte: «Desde un punto de vista técnico non se atopa ningún impedimento para emitir a autorización administrativa previa e de construción das instalacións electromecánicas e eléctricas proxectadas...».

Consideracións legais e técnicas:

1. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites do procedemento establecidos na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

2. A respecto da tramitación do referido expediente, cómpre salientar que está exenta do trámite de información pública, de conformidade coa excepción recollida no artigo 50.b) da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, para as solicitudes de autorización administrativa de modificacións de instalacións de distribución de calquera tensión, sempre que non se solicite a declaración de utilidade pública nin sexa preceptiva a avaliación ambiental ordinaria.

3. En canto á avaliación de impacto ambiental dos proxectos, no artigo 7 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, defínense os proxectos que terán que someterse a unha avaliación de impacto ambiental, ordinaria ou simplificada. A este respecto, no proxecto de execución da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, na epígrafe 1.18.1 da súa memoria recóllese que, segundo a lexislación vixente de avaliación ambiental, incluída a última modificación dos anexos I, II e III do Real decreto 445/2023, o presente proxecto non se atopa sometido a ningún trámite de avaliación de impacto ambiental.

4. A competencia para resolver este expediente correspóndelle á DXPEM, ao tratarse dunha subestación cunha potencia superior aos 75 MVA, de conformidade co disposto no artigo único (punto 1.b.2º para as autorizacións administrativas previa e de construción) do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1.2.2017), así como no Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 73, do 14.4.2024), no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 81, do 24.4.2024), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27.5.2024).

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

1. Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente a unha nova posición de 15 kV na subestación Sidegasa-Teixeiro 220/66/15 kV, no termo municipal de Curtis (A Coruña), que promove UFD Distribución Electricidad, S.A.

2. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, denominado Subestación Sidegasa-Teixeiro 220/66/15 kV-Ampliación parque de 15 kV-Pos. 718 liña.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado Subestación Sidegasa-Teixeiro 220/66/15 kV-ampliación parque de 15 kV-Pos. 718 liña, asinado o 15.9.2025 polo enxeñeiro técnico industrial David Rabuñal Martínez (colexiado núm. 3.481 do Coeticor) e visado por este colexio, con núm. 2686/25-CO e data 15.9.2025, no cal figura un orzamento total de 67.471,00 euros.

2. A empresa promotora (UFD) asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberán cumprirse as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establecen o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.

3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPEM; non obstante, o departamento territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante o departamento territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

5. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

6. Estas autorizacións adóptanse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

7. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2026

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas