DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 10 de marzo de 2026 Páx. 17178

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 25 de febreiro de 2026 pola que se concede a renovación da acreditación do Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol e se procede ao nomeamento dos seus membros.

O Decreto 63/2013, do 11 de abril, polo que se regulan os comités de ética da investigación en Galicia, ten por obxecto determinar os fins, obxectivos, funcionamento, composición e procedemento de acreditación do Comité Autonómico de Ética da Investigación de Galicia e dos comités territoriais de ética da investigación como órganos colexiados encargados da valoración ética, metodolóxica e legal dos estudos de investigación con seres humanos, o seu material biolóxico ou os seus datos de carácter persoal no seu respectivo ámbito de actuación.

O capítulo III do citado Decreto 63/2013 –artigos 7 a 10– regula os comités territoriais de ética de investigación, e prevé a súa constitución, previa acreditación, para tres ámbitos xeográficos de actuación; un deles é o da Coruña-Ferrol (que inclúe as áreas sanitarias da Coruña-Cee e de Ferrol).

Mediante a Resolución do 11 de abril de 2022 (DOG núm. 77, do 22 de abril) concedeuse a renovación da acreditación do Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol e procedeuse ao nomeamento dos seus membros.

Unha vez transcorrido o período de catro anos, Isaac Martínez Bendayán, presidente do Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol presentou escrito no cal, ao abeiro do que dispón o artigo 11 do Decreto 63/2013, do 11 de abril, solicita a renovación da acreditación dese comité territorial.

Unha vez examinada a documentación presentada xunto coa dita solicitude, e logo da comprobación do cumprimento do disposto nos artigos 9 e 11.4 do Decreto 63/2013, do 11 de abril, o 24 de febreiro de 2026 a secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade efectuou, con base no disposto no artigo 11.7 do dito decreto, unha proposta favorable á renovación da acreditación daquel comité, así como unha proposta de designación dos seus membros.

Por todo o anterior, de conformidade co disposto no número 5 do artigo 9, e nos números 1, 8 e 9 do artigo 11, do Decreto 63/2013, do 11 de abril, e de acordo coa proposta efectuada pola secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade,

RESOLVO:

Primeiro. Conceder a renovación da acreditación do Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol, a cal se outorga por un período de catro anos, contados a partir da data desta resolución.

Segundo. A súa sede coincidirá coa do Comité Autonómico de Ética da Investigación con medicamentos de Galicia (CEIm-G) en Santiago de Compostela, no Edificio Administrativo de San Lázaro, s/n, da Consellería de Sanidade.

Terceiro. Nomear como membros do Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol as persoas que se relacionan no anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2026

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Membros do Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol

1. Isaac Martínez Bendayán. Licenciado en Medicina e Cirurxía e en Dereito. Facultativo especialista en Cardioloxía.

2. Belén López Viñas. Licenciada en Medicina e Cirurxía. Facultativa especialista en Obstetricia e Xinecoloxía.

3. Sonia Pértega Díaz. Licenciada en Matemáticas. Membro independente dos centros onde se realiza a investigación.

4. Francisco Javier Afonso Afonso. Licenciado en Medicina e Cirurxía. Facultativo especialista en Oncoloxía Médica.

5. Daniel Llamas Gómez. Titulado en Enxeñaría Informática. Técnico Superior de Sistemas e Tecnoloxías da Información.

6. Ana Moreno Álvarez. Licenciada en Medicina e Cirurxía. Facultativa especialista en Pediatría e das súas áreas específicas.

7. Gonzalo Peña Pérez. Licenciado en Medicina e Cirurxía. Membro independente dos centros onde se realiza a investigación.

8. Antón Fernández García. Licenciado en Medicina e Cirurxía. Facultativo da Unidade de Criobioloxía-Banco de Tecidos.

9. Tamara Vallejo Martínez. Licenciada en Dereito.

10. Ana Estefanía Fernández Lorenzo. Licenciada en Farmacia.

11. Vicente Javier Prieto Cebreiro. Licenciado en Medicina e Cirurxía. Médico de Familia de atención primaria.

12. María Gema García Rivera. Diplomada en Enfermaría.