O artigo 27.23 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.
A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no seu artigo 18.1.c) inclúe as prestacións económicas orientadas a satisfacer necesidades pecuniarias no catálogo de servizos sociais e o artigo 21.1 establece que son prestacións económicas do sistema galego de servizos sociais as achegas en diñeiro, de carácter periódico ou de pagamento único, que teñan por finalidade, entre outras, paliar situacións transitorias de necesidade.
Con base na referida habilitación legal, de conformidade coa disposición adicional décimo terceira da Lei 4/2025, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, recolle que as persoas beneficiarias de pensións e subsidios non contributivos terán dereito á percepción dunha prestación única non superior a douscentos vinte con cincuenta euros (220,50 €), nas condicións que estableza o Consello da Xunta por proposta da consellería con competencias en materia de benestar social.
En cumprimento do previsto na disposición adicional citada, o Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia entende que as persoas beneficiarias das pensións non contributivas da Seguridade Social de incapacidade e de xubilación e as do subsidio de garantía de ingresos mínimos se encontran nunha situación xeneralizada de precariedade económica, tendo en conta a contía da prestación que perciben e o seu baixo nivel de renda.
Por todo iso, e coa finalidade de contribuír á mellora da súa renda, considérase oportuno o establecemento de axudas sociais de carácter extraordinario e anual para as persoas que perciban en Galicia as devanditas pensións. Esta axuda será distinta das do Sistema da Seguridade Social e das que poida outorgar a Administración xeral do Estado, e será compatible con elas.
Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Política Social e Igualdade, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaseis de febreiro de dous mil vinte e seis,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
Este decreto ten por obxecto o establecemento de axudas sociais extraordinarias a favor das persoas beneficiarias de pensións de xubilación e incapacidade nas súas modalidades non contributivas e as do subsidio de garantía de ingresos mínimos.
Artigo 2. Carácter
Estas axudas sociais, persoais e intransferibles, teñen carácter extraordinario e non se consolidarán para o futuro.
Artigo 3. Contía e pagamento
A contía individual destas axudas fíxase en 218 euros, que se aboarán mediante un pagamento único, que se realizará de oficio, sen que se precise solicitude da persoa interesada. Este pagamento efectuarase mediante transferencia bancaria na conta en que as persoas beneficiarias teñen domiciliado o percibo ordinario da súa pensión.
Artigo 4. Financiamento
As obrigas que se recoñezan como consecuencia da aplicación deste decreto serán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria 2026.08.03.312A.480.5 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.
Artigo 5. Requisitos
Serán persoas beneficiarias destas axudas sociais de carácter extraordinario as que perciban pensións de incapacidade e xubilación na súa modalidade non contributiva e as do subsidio de garantía de ingresos mínimos, en que concorran os seguintes requisitos:
a) Estar en situación de alta en nómina en data do 1 de xaneiro de 2026 ou estar en situación de alta en nómina con posterioridade á dita data pero con efectos económicos desde o 1 de xaneiro de 2026 e permanecer nesta mesma situación de alta na data de entrada en vigor deste decreto.
b) Ter a residencia habitual no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2026 e a data de entrada en vigor deste decreto. Igualmente terán dereito ás axudas aquelas persoas que teñan devindicado o dereito a percepción e falezan durante o mes de publicación deste decreto, sempre que tivesen a súa residencia habitual en Galicia no momento do seu falecemento.
Artigo 6. Suspensión e perda
A suspensión e perda do dereito á percepción destas axudas de carácter extraordinario producirase nos mesmos supostos previstos para as pensións a que se refire o artigo 1, correspondendo á persoa titular do Departamento Territorial da Consellería de Política Social e Igualdade a declaración das ditas situacións.
Disposición derradeira primeira. Habilitación de desenvolvemento
Facúltase a persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade para ditar os actos necesarios para o desenvolvemento deste decreto, dentro do ámbito das súas competencias.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, dezaseis de febreiro de dous mil vinte e seis
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
