BDNS (Identif.): 890826.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/890826
Primeiro. Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os requisitos establecidos nestas bases, os concellos de Galicia de ata 10.000 habitantes, segundo as cifras de poboación acordes co establecido no Real decreto 1117/2025, do 3 de decembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do Padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2025.
Segundo. Obxecto e réxime
As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o fomento da recuperación, da accesibilidade e da sinalización dos recursos turísticos en concellos de ata 10.000 habitantes cara á consolidación da oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.
Terceiro. Bases reguladoras
Resolución do 20 de febreiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento TU503D).
Cuarto. Importe
1. As subvencións obxecto desta resolución imputaranse á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.760.0, proxecto 2015 00005, por un crédito de 2.000.000 €, dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2026, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, o que poderá dar lugar á posibilidade de atender novas solicitudes que poderán implicar a subvención oportuna.
Nestes casos, o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios en que publicou a convocatoria sen que esta publicación implique unha apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo dos prazos para resolver.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes e iniciarase ás 12.00 horas do quinto día hábil seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
O prazo finalizará ás 20.00 horas do día en que se cumpra un mes desde a data de inicio do prazo, excepto cando se produza o esgotamento do crédito. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
Sexto. Prazo de xustificación da subvención
A entrega da documentación xustificativa terá de prazo ata o 3 de novembro de 2026.
Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2026
José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia
