DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 10 de marzo de 2026 Páx. 17294

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

EXTRACTO da Resolución do 24 de febreiro de 2026, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se denega a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción e se arquiva o expediente instruído do parque eólico Ampliación Graiade, situado no concello de Porto do Son (A Coruña) e promovido por Eólica de Graiade, S.L. (expediente IN408A 2020/091).

De conformidade co previsto no artigo 42.4, alíneas a) e b), da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, publícase o extracto da Resolución do 24 de febreiro de 2026, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se denega a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción e se arquiva o expediente instruído do parque eólico Ampliación Graiade, situado no concello de Porto do Son (A Coruña) e promovido por Eólica de Graiade, S.L. (expediente IN408A 2020/091).

Primeiro. Contido da resolución e condicións que a acompañan:

A antedita resolución dispón o seguinte:

1. Denegar a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para o parque eólico Ampliación Graiade logo da declaración de impacto ambiental desfavorable formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 17.1.2023.

2. Arquivar o expediente do parque eólico Ampliación Graiade situado no concello de Porto do Son (A Coruña) e promovido por Eólica de Graiade, S.L. (expediente IN408A 2020/091).

Segundo. Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 27.3.2019, Eólica de Graiade, S.L., depositou unha garantía económica por importe de 240.000,00 € e número de rexistro 292/19, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de distribución do parque eólico.

2. O 3.6.2020, Eólica de Graiade, S.L., presentou solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para o proxecto denominado parque eólico Ampliación Graiade ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

3. O 1.12.2020, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, unha vez verificado o cumprimento dos requisitos de capacidade do solicitante e revisada a solicitude de acordo cos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, comunicoulle á promotora o prazo para o pagamento da taxa de autorización administrativa e continuar así coa tramitación. O 2.12.2020, a promotora presentou no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia o xustificante de aboamento da taxa de autorización administrativa do parque eólico de referencia.

4. O 21.4.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en que se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

5. Mediante o Acordo do 10 de decembro de 2021, da Xefatura Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa e o estudo de impacto ambiental do proxecto de execución do parque eólico Ampliación Graiade.

6. O 17.1.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou unha declaración de impacto ambiental desfavorable relativa ao parque eólico Ampliación Graiade, que a fixo pública mediante o Anuncio do 18 de xaneiro de 2023. Durante a tramitación do procedemento recibíronse informes dos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública e do Instituto de Estudos do Territorio.

7. O 4.7.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle a Eólica de Graiade, S.L., o acordo polo que se iniciaban os procedementos de denegación da solicitude de autorización administrativa previa e de autorización administrativa de construción, así como de arquivamento do expediente instruído do parque eólico Ampliación Graiade, e abriuse o trámite de audiencia previsto no artigo 82 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

8. O 28.7.2023, a promotora achegou escrito de alegacións en relación coa tramitación ambiental do expediente, en que basicamente se solicita a anulación do acordo notificado polo órgano substantivo e a emisión dunha nova declaración de impacto ambiental favorable para o proxecto.

9. O 6.11.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais deulle traslado das alegacións á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, que remitiu informe en resposta deles o 14.11.2023.

Neste informe indícase textualmente o seguinte:

«[...]

– O período para a presentación de alegacións na avaliación de impacto ambiental ordinaria restrínxese ao período de información pública establecido no artigo 36 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, polo tanto os escritos recibidos encóntranse fóra do prazo establecido.

– No caso do referido proxecto, a avaliación de impacto ambiental ordinaria encóntranse xa finalizada coa formulación da declaración de impacto ambiental (DIA) por parte do órgano ambiental.

– O artigo 41.4 da antedita Lei 21/2013, do 9 de decembro, establece que a DIA non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, se é o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

– A avaliación de impacto ambiental ordinaria é un procedemento administrativo instrumental que se integra dentro do procedemento substantivo de autorización dun proxecto cuxa competencia recae no órgano substantivo por razón de materia, neste caso a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Consellería de Economía, Industria e Innovación, polo que unha vez finalizado o trámite, se é o caso, o promotor terá que iniciar unha nova tramitación do expediente.

– De optarse por unha nova tramitación terase en conta o establecido no parágrafo 4.c) do artigo 39 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental».

10. O 21.11.2023, a promotora achegou novo escrito en que se solicita a declaración de caducidade dos procedementos de denegación da solicitude de autorización administrativa previa e de autorización administrativa de construción e de arquivo do expediente así, como o outorgamento das devanditas autorizacións.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2026

Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático