De conformidade co previsto no artigo 42.4, apartados a) e b), da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, publícase o extracto da Resolución do 24 de febreiro de 2026, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se denega a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción e se arquiva o expediente instruído do parque eólico Caroliño, situado nos concellos de Cervo e de Xove (Lugo) e promovido por Naturgy Renovables, S.L. (expediente IN408A 201/061).
Primeiro. Contido da resolución e condicións que a acompañan:
A antedita resolución dispón o seguinte:
1. Denegar a solicitude de autorización administrativa previa e de autorización administrativa de construción para o parque eólico Caroliño logo da declaración de impacto ambiental desfavorable formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 21.12.2023.
2. Arquivar o expediente do parque eólico Caroliño, situado nos concellos de Cervo e de Xove (Lugo) e promovido por Naturgy Renovables, S.L. (expediente IN408A 2019/061).
3. Cancelar a garantía depositada para asegurar o cumprimento das obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico Caroliño, constituída na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia o 4.6.2020, por importe de 1.980.000,00 € e número de rexistro 2020/90/533.
Segundo. Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:
1. O 19.7.2019, Naturgy Renovables, S.L., depositou unha garantía económica, por importe de 1.980.000,00€ e número de rexistro 2019/90/754, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de distribución do parque eólico Caroliño.
2. O 6.9.2019, a promotora presentou solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para o proxecto denominado parque eólico Caroliño.
3. O 17.1.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, unha vez verificado o cumprimento dos requisitos de capacidade do solicitante e revisada a solicitude de acordo cos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, comunicoulle á promotora o prazo para o pagamento da taxa de autorización administrativa e continuar así coa tramitación. O 16.3.2020, a promotora presentou o xustificante de aboamento da taxa de autorización administrativa do parque eólico de referencia.
4. O 4.6.2020, Naturgy Renovables, S.L., depositou unha segunda garantía económica, por importe de 1.980.000,00 € e número de rexistro 2020/90/533, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico Caroliño.
5. O 26.12.2022, a promotora solicitou unha modificación substancial do parque eólico Caroliño, admitida a tramite o 29.5.2023, que prevé, entre outras cuestións, a evacuación da enerxía xerada a través da rede de transporte en lugar de facelo pola rede de distribución.
6. O 19.6.2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en que se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 1.000 metros (cinco veces a altura do aeroxerador) ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano e urbanizable.
7. Mediante o Acordo do 12 de setembro de 2023, da Xefatura Territorial de Lugo, sometéronse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial das instalacións do parque eólico Caroliño.
8. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao cal que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Axencia Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio, Federación Ecoloxista Galega e Sociedade Galega de Historia Natural.
9. O 21.12.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou unha declaración de impacto ambiental desfavorable relativa ao parque eólico Caroliño.
10. O 10.1.2024, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á promotora o acordo polo que se inician os procedementos de denegación da solicitude de autorización administrativa previa e de autorización administrativa de construción, así como de arquivamento do expediente instruído do parque eólico Caroliño, e abriuse o trámite de audiencia previsto no artigo 82 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
11. O 23.1.2024, a promotora achegou escrito en que, en síntese, mostra a súa conformidade co arquivamento do expediente e solicita a cancelación da garantía económica depositada co número de rexistro 2020/90/533.
Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2026
Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
