Expediente: IN407A 2025/151-1.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación do proxecto: Ret. Escultor Camilo Otero, 22.
Concello: Santiago de Compostela.
Feitos:
1. O día 1.8.2025, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica mencionada. Co obxecto de atender unha petición de recuamento da AXI por mor da nova rúa a facer no contorno da rúa Escultor Camilo Otero, 22, concello de Santiago de Compostela, proxéctase o desmantelamento de dous tramos soterrados paralelos de dúas liñas de distribución de media tensión SNT804 (IN407A 05/228) e SNT823 (IN407A 2016/2235-1), procedentes da subestación Santiago, e a súa substitución por outros dous paralelos á nova rúa.
Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, presentan o proxecto de execución denominado Ret. Escultor Camilo Otero, 22 asinado o día 24.7.2025 por Antonio Javier Sabín Vázquez, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, con número de colexiado 2.233.
2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: concello de Santiago de Compostela e Augas de Galicia.
No día desta resolución, non consta no expediente resposta de ditos organismos á solicitude de informe.
4. O día 10.2.2025 emitiuse o informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
Segunda. Lexislación de aplicación:
• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
• Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
Terceira. Características técnicas:
As instalacións obxecto deste expediente están situadas na rúa Escultor Camilo Otero, 22, concello de Santiago de Compostela, e as súas características técnicas son as seguintes:
– LMTS (Actuación 1) a 20 kV, de 36 m, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×240) mm² Al, con orixe nos empalmes a realizar en arqueta (1) proxectada na LMT SNT823 (IN407A 2016/2235-1), procedente da Subestación Santiago, e remate nos empalmes para realizar en arqueta proxectada (3). Desmantelamento do tramo da mesma liña, de 30 m, comprendido entre as citadas arquetas.
– LMTS (Actuación 2) a 20 kV, de 36 m, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×240) mm² Al, con orixe nos empalmes a realizar en arqueta (1) proxectada na LMT SNT804 (IN407A 05/228), procedente da Subestación Santiago, e remate nos empalmes para realizar en arqueta proxectada (3). Desmantelamento do tramo da mesma liña, de 30 m, comprendido entre as citadas arquetas.
Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.
De acordo con todo o exposto,
RESOLVO:
A) Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.
B) A instalación executarase no prazo de dous anos, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
C) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude á cal xuntará a seguinte documentación:
• De ser o caso, acreditación ou declaración de que o proxecto se atopa dentro dalgunha das excepcións de aplicación do Regulamento (UE) nº 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro de 2024, ou das indicadas na Guía técnica de interpretación do Regulamento (UE) nº 2024/573 nos puntos relativos á aparamenta électrica.
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado do/da director/a da montaxe no que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
D) Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao interesado, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.
A Coruña, 13 de febreiro de 2026
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
