DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 11 de marzo de 2026 Páx. 17515

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 16 de febreiro de 2026, do Departamento Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello da Pobra do Caramiñal (expediente IN407A 2022/366-1).

Expediente: IN407A 2022/366-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación do proxecto: Modificado ao proxecto de regulamentación LMT BOI804-apoios 9KLLWCC5//74 e 9KMADLQD//75.

Concello: A Pobra do Caramiñal.

Feitos:

1. O día 8.11.2022, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e de construción e a declaración de utilidade pública do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica mencionada, co obxecto de realizar obras de regulamentación na liña de distribución LMT BOI804.

Ao abeiro dos artigos 123 e 143 do Real decreto 1955/2000, presentan o proxecto de execución denominado Regulamentación LMT BOI804-apoios 9KLLWCC5//74 e 9KMADLQD//75, asinado o día 4.10.2022 por Rubén Maceiras Sánchez, enxeñeiro técnico industrial, especialidade Electrónica Industrial, nº colexiado 3.191 do Coeticor.

O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante un acordo do 2.3.2023, sen que se presentasen alegacións. Así mesmo, solicitouse o informe preceptivo ás entidades afectadas e contouse coa conformidade da empresa promotora cos informes emitidos no prazo outorgado para o efecto. Finalmente, este departamento territorial autorizou o proxecto mediante Resolución do 1.7.2024.

2. Posteriormente, ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, a promotora presenta un modificado ao proxecto e solicita autorización administrativa previa e de construción, co obxecto de reflectir as modificacións respecto ao proxecto orixinal debido ás necesidades da ampliación da variante subterránea pola dificultade de provisión para algún dos apoios proxectados. Con ese fin, achega o proxecto denominado Modificado ao proxecto de regulamentación LMT BOI804-apoios 9KLLWCC5//74 e 9KMADLQD//75, do 7.7.2025, máis un anexo do 5.2.2026, asinados polo devandito enxeñeiro Rubén Maceiras Sánchez.

3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Concello da Pobra do Caramiñal, Deputación Provincial da Coruña e Telefónica. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos informes emitidos no prazo outorgado para ese efecto.

4. O día 13.2.2026 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).

Segunda. Lexislación de aplicación

• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

• Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

Terceira. Características técnicas

As instalacións obxecto deste expediente están situadas no lugar de Roupión, no concello da Pobra do Caramiñal, e as súas características técnicas son as seguintes:

• LMTS a 20 kV, de 517 m, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×240) mm2 Al, con orixe no PA/S proxectado no apoio 9KKOHQCK//72 que se vai substituír por tipo C-4500/14 da LMT BOI804 Montaña-Pobra 4 (expediente 50.315) e remate no PA/S proxectado no apoio 9KMADLQD//75 que se vai substituír por tipo C-3000/16.

• Debido á localización do apoio 9KKOHQCK//72, cómpre substituír o tramo de condutor entre o apoio proxectado en substitución do apoio 9KKOHQCK//72 e o apoio existente de chapa 9KJU2WE2//72-1, en condutor LA-110 cunha lonxitude de 44 m.

• Desmontaxe do tramo aéreo comprendido entre os apoios 72 e 75. Novas cadeas con alongadores no apoio 9KNMR2X6//76 existente.

Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

A) Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica indicada.

B) A instalación executarase no prazo de dous anos, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

C) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude á cal xuntará a seguinte documentación:

• Se é o caso, acreditación ou declaración de que o proxecto se atopa dentro dalgunha das excepcións de aplicación do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro de 2024, ou das indicadas na Guía técnica de interpretación do Regulamento (UE) 2024/573 nos puntos relativos á aparellaxe électrica.

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

D) Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao interesado, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Mediante este documento notifícaselles ás persoas interesadas esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.

A Coruña, 16 de febreiro de 2026

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña