A Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e a Fundación Amancio Ortega convocan trinta (30) bolsas para cursar o máster universitario en Produción Xornalística e Audiovisual da Universidade da Coruña durante o curso académico 2026/27. Estas bolsas cubrirán o importe correspondente á matrícula do máster para todos os participantes.
Dez das trinta (30) bolsas convocadas están destinadas a estudantes latinoamericanos que acrediten a súa residencia habitual nun país dese continente no momento da presentación da solicitude. Para estes alumnos existe, ademais, unha dotación económica adicional de 4.000 euros cada unha, como axuda aos gastos de desprazamento desde o país de orixe ata a cidade da Coruña, así como para os gastos derivados da estadía durante a realización do máster.
Esta dotación económica adicional está condicionada ao cumprimento dos requisitos
académicos xerais establecidos nas bases da convocatoria e na acreditación documental da residencia no país de orixe. Así mesmo, o mantemento destas axudas quedará supeditado á acreditación dun aproveitamento académico satisfactorio durante o desenvolvemento do programa formativo.
Establécense dous prazos para o envío de solicitudes: do 5 de febreiro ao 30 de abril de 2026 (prazo anticipado) e do 11 de xuño ao 13 de xullo de 2026 (prazo ordinario).
As bases da convocatoria, así como o formulario de solicitude, estarán dispoñibles na páxina web https://mpxa.net
A Coruña, 19 de febreiro de 2026
Xosé Luís Vilela Conde
Director da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre
