DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 16 de marzo de 2026 Páx. 18361

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 2 de marzo de 2026, do Departamento Territorial de Pontevedra, polo que se dá publicidade á Resolución do 25 de febreiro de 2026, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, que modifica o acordo de concentración parcelaria da zona de Codeseda (A Estrada-Pontevedra).

O 25 de febreiro de 2026, a directora xeral de Desenvolvemento Rural ditou resolución de modificación do acordo de concentración parcelaria da zona de Codeseda (A Estrada, Pontevedra), que se transcribe a seguir:

«O acordo de concentración parcelaria da zona de Codeseda (A Estrada-Pontevedra) foi aprobado pola dirección xeral competente na materia con data do 15.6.2012. Publícase na forma legalmente prevista e deuse a toma de posesión o 2.2.2017. Na actualidade está pendente de declaración de firmeza.

Con posterioridade a estes actos solicitouse por parte do Concello da Estrada a cesión da titularidade de diversos predios do Fondo de terras da zona para:

1. Predio 853-2 para usos na contorna da igrexa.

2. Predio 1496-2 para carga e descarga de madeira.

3. Predio 1479 para zona verde de usos recreativos.

4. Predio 1481 para depósito de augas e rehabilitación da contorna do muíño.

5. Predio 1511 para carga e descarga de madeira.

6. Predio 1512 para carga e descarga de madeira.

7. Predio 1758 por situarse nel a ETAP de Codeseda e para o seu mantemento e conservación.

Visto o informe emitido polo Servizo Provincial de Infraestruturas Agrarias de Pontevedra, a Lei de reforma e desenvolvemento agrario, do 12 de xaneiro de 1973, a Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro, a disposición transitoria primeira da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais disposicións legais de aplicación ao caso, esta dirección xeral, ao abeiro da lexislación vixente,

RESOLVE:

Modificar o acordo de concentración parcelaria da zona no sentido de:

1. Ceder a titularidade dos predios números 853-2, 1496-2, 1479, 1481, 1511, 1512 e 1758, procedentes do Fondo de terras da zona, ao Concello da Estrada (prop. 143), para seren destinados aos fins que se indican na parte expositiva desta resolución.

2. Se os predios non fosen destinados aos fins para os que se adxudican, a titularidade dos referidos predios reverterá no Fondo de terras da zona, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) ou entidade que corresponda, ou no patrimonio da Comunidade Autónoma, segundo o caso.

3. Ordenar que a esta resolución se lle dea a oportuna publicidade, sen prexuízo da súa notificación ao Concello da Estrada».

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse un recurso de alzada ante a conselleira do Medio Rural no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación.

Pontevedra, 2 de marzo de 2026

Antonio Crespo Iglesias
Director territorial de Pontevedra