DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 17 de marzo de 2026 Páx. 18577

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 2 de marzo de 2026, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, pola que se declara a Comunidade Autónoma de Galicia herdeira ab intestato de José Antonio Barbeito Rodríguez.

Antecedentes:

Mediante a Resolución desta dirección xeral, do 10 de abril de 2025, acordouse a incoación do procedemento administrativo para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato de José Antonio Barbeito Rodríguez (ABI/2018/0038).

A citada resolución publicouse no Boletín Oficial del Estado (supl. N. núm. 110, do 7.5.2025), no Diario Oficial de Galicia (DOG núm. 83, do 2.5.2025), na páxina web da Consellería de Facenda e Administración Pública, e foi exposta no taboleiro de anuncios dos concellos da Coruña e Culleredo por un prazo non inferior a trinta (30) días naturais.

Constan no expediente os correspondentes certificados de defunción e derradeiras vontades relativos á persoa causante, nos cales se acredita o seu falecemento o 16 de novembro de 2014 en Culleredo e que non outorgara testamento rexistrado. Así mesmo, figura igualmente incorporado certificado do seu empadroamento no concello da Coruña, quedando xustificada formalmente a súa veciñanza civil galega.

Durante a tramitación do procedemento non se recibiron alegacións, documentos ou outros elementos de xuízo que cuestionen a sucesión a favor da Administración autonómica, o que corrobora o informe emitido ao efecto pola Policía autonómica de Galicia e as manifestacións de terceiras persoas unidas ao expediente. Así mesmo, comprobouse que polos pais do causante –Julio Barbeito García, con DNI 32261810D (que figura incorrectamente nalgún Rexistro como 32267810D) e Antonia Rodríguez da Fonte, con DNI 32442517S, falecidos ambos os dous o 15.2.1997 sen teren outorgado testamento e que figuran aínda na actualidade como titulares dun inmoble– non se tiña constancia de que o Sr. Barbeito Rodríguez aceptase formalmente a súa herdanza, á cal tiña dereito, polo que, de conformidade co artigo 155.3, parágrafo segundo, da Lei 6/2023, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, se acorda tamén nesta resolución a declaración e aceptación da herdanza dos pais, incluíndo os seus bens e dereitos entre os da herdanza da persoa causante.

Das consultas efectuadas ante o Catastro inmobiliario, no Índice xeral informatizado de predios e dereitos do Rexistro da Propiedade e por outras fontes, determinouse, en principio, que polo menos forman parte dos bens hereditarios da persoa finada os bens e dereitos que se adxudican no punto terceiro desta resolución, que comprenden os dos seus pais premortos, sen prexuízo da inclusión daqueloutros que se identifiquen con posterioridade a esta declaración como tamén pertencentes á herdanza da persoa causante.

A Asesoría Xurídica da Consellería de Facenda e Administración Pública emitiu informe sobre a adecuación e suficiencia das actuacións efectuadas para a declaración da Comunidade Autónoma como herdeira ab intestato da persoa causante.

Fundamentos xurídicos:

Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia; artigo 267 e seguintes.

Código civil; artigo 657 e seguintes.

Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas; artigos 20.6 e 20.bis.8.

Lei 6/2023, do 2 de novembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia; título III, artigo 147 e seguintes.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Decreto 141/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública; artigos 14 e 16.

Segundo o anterior,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar a Comunidade Autónoma de Galicia única e universal herdeira ab intestato de José Antonio Barbeito Rodríguez, con DNI 32385405W, entendéndose legalmente aceptada a herdanza a beneficio de inventario.

Segundo. Acordar igualmente a declaración e aceptación da herdanza dos pais premortos de José Antonio Barbeito Rodríguez, Julio Barbeito García, con DNI 32261810D, e Antonia Rodríguez da Fonte, con DNI 32422517S.

Terceiro. Adxudicarlle á Administración autonómica os seguintes bens e dereitos identificados da herdanza de José Antonio Barbeito Rodríguez, na cal se inclúen os adquiridos dos seus finados pais:

a) Bens inmobles urbanos:

– Piso quinto esquerda do andar sexto ou quinto alto, da casa nº 2 do bloque nº 9 do soar nº 1 do polígono de Elviña, hoxe correspondente ao edificio nº 4 da rúa San José de Calasanz, da cidade da Coruña. Ten unha superficie aproximada de 88 m2.

Referencia catastral: 7795316NH4979N0011YB.

Valor catastral: 25.400,07 €.

Inscrición rexistral: Rexistro da Propiedade nº 2 da Coruña, tomo 798, libro 798, folla 7, inscrición 2ª.

b) Contratos e outros efectos bancarios:

– Abanca, conta de aforro: ES08 2080 0070 8830 0002 9649.

– Abanca, conta de aforro: ES31 2080 0070 8830 0004 3203.

– Abanca, fondo de investimento: FI 2080.0000.79.460005313/6.

Cuarto. Publicar esta resolución no Boletín Oficial del Estado, no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Facenda e Administración Pública, área temática de Patrimonio, Anuncios, que se pode consultar na seguinte ligazón:

http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/patrimonio/anuncios

A resolución será remitida para a súa exposición pública nos taboleiros de anuncios dos concellos da Coruña e Culleredo por un prazo non inferior a trinta días naturais.

Esta resolución poderá ser impugnada por infracción das normas sobre competencia e procedemento mediante recurso de alzada, no prazo dun mes, ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, de conformidade co artigo 112 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Os que se consideren prexudicados en canto ao seu mellor dereito á herdanza ou noutros dereitos de carácter civil por estas declaracións ou pola adxudicación de bens a favor da Comunidade Autónoma de Galicia que se contén nesta resolución poderán exercer as accións pertinentes ante o órgano da xurisdición civil correspondente.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2026

José María Barreiro Díaz
Director xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio