A Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, prevé no seu artigo 472.2 que por razóns de urxencia ou necesidade se poderán nomear funcionarios/as interinos/as que desenvolverán as funcións propias dos corpos de funcionarios/as ao servizo da Administración de xustiza, en canto non sexa posible o seu desempeño por funcionarios/as de carreira ou permanezan as razóns que motivaron o seu nomeamento.
O artigo 489.1 da dita lei orgánica determina que o Ministerio de Xustiza ou, se for o caso, os órganos competentes das comunidades autónomas que recibisen os traspasos de medios persoais para o funcionamento da Administración de xustiza serán competentes para o nomeamento de persoal funcionario interino, de acordo cos criterios obxectivos que se fixen na orde ministerial ou, se for o caso, na disposición da comunidade autónoma que recibise os traspasos de medios persoais para o funcionamento da Administración de xustiza.
Ao abeiro da dita norma, ditouse o Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, que, no seu artigo 1.2, dispón que en todo o non previsto na citada lei orgánica e no propio regulamento se aplicará, con carácter supletorio, o establecido nas normas do Estado sobre función pública, sen prexuízo das disposicións complementarias que, no exercicio das competencias recoñecidas na Lei orgánica do poder xudicial, diten nestas materias as comunidades autónomas con traspasos recibidos, que en todo caso deberán respectar o establecido polo dito regulamento.
En virtude do establecido no artigo 20.1 do Estatuto de autonomía de Galicia e da transferencia de funcións á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de medios persoais ao servizo da Administración de xustiza, realizada a través do Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro, e asumida pola Xunta de Galicia a través do Decreto 438/1996, o persoal funcionario dos corpos de médicos forenses e dos corpos de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e mais de auxilio xudicial dependen organicamente da comunidade autónoma. Esta dependencia instruméntase a través da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, á cal corresponden as competencias nesta materia, de conformidade co Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
De conformidade coa normativa citada, mediante a Orde do 4 de outubro de 2018 (DOG núm. 204, do 25 de outubro) regulouse a selección e o nomeamento de persoal interino para cubrir postos de persoal funcionario dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia, modificada pola Orde do 30 de novembro de 2021 pola que se modifica a Orde do 4 de outubro de 2018 sobre selección e nomeamento de persoal interino para cubrir postos de persoal funcionario dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia (DOG núm. 241, do 17 de decembro).
Neste marco legal correspóndelle, por tanto, á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes regular con criterios obxectivos a selección e o nomeamento do persoal interino dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia, criterios que deben estar baseados nos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade que tamén rexen na selección do persoal funcionario de carreira.
Polo exposto, tras informe do Consello Xeral do Poder Xudicial e logo de negociación coas organizacións sindicais con representación na Mesa sectorial de xustiza, e no exercicio das atribucións conferidas segundo o artigo 38 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto
1. O obxecto desta orde é a regulación do procedemento de selección, formación, nomeamento e cesamento do persoal interino ao servizo da Administración de xustiza en Galicia para desempeñar con carácter temporal as funcións legalmente reservadas aos corpos nacionais de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial.
2. A dita regulación comprende tamén a integración das persoas candidatas en bolsas de persoal interino.
Artigo 2. Ámbito de aplicación
1. Os preceptos desta orde serán aplicables ao nomeamento de persoal interino para prestar servizos en postos de traballo dos centros de destino da Administración de xustiza radicados na Comunidade Autónoma de Galicia desempeñando funcións dos corpos xerais de funcionarios/as ao servizo da dita Administración.
2. Queda excluído do ámbito de aplicación desta orde o nomeamento dos/das secretarios/as e persoal das oficinas de xustiza no municipio que non estean dotados con cadro de persoal ao servizo da Administración de xustiza.
Artigo 3. Normas xerais
1. Poderase nomear persoal interino, por necesidades do servizo, cando non sexa posible, coa urxencia exixida polas circunstancias, a prestación dos servizos por persoal funcionario de carreira, sempre que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 489.1 da Lei orgánica do poder xudicial, de acordo cos criterios obxectivos que se fixan nesta orde.
2. Tamén se poderá acordar o nomeamento de persoal interino de reforzo como medida de apoio cando, por causas obxectivas de carácter urxente e temporal, sexa necesario reforzar os cadros de persoal.
3. O nomeamento de persoal interino producirase de acordo coas necesidades do servizo e as dispoñibilidades orzamentarias.
4. A selección do persoal interino realizarase mediante convocatoria pública en que se garantirán os principios de igualdade, mérito, capacidade, publicidade e celeridade.
5. Ao persoal funcionario interino seralle de aplicación o réxime de dereitos do persoal funcionario de carreira na medida en que sexa adecuado á natureza da súa condición, e quedan integrados, para efectos de seguridade social, no réxime xeral da Seguridade Social.
Artigo 4. Participación, información e seguimento
1. Os sindicatos presentes na Mesa sectorial de negociación do persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia participarán en todo o proceso de selección das persoas integrantes da bolsa de interinos e na elaboración desa bolsa a través da Comisión Paritaria de Persoal Interino, integrada por representantes destes sindicatos e da dirección xeral competente en materia de xustiza e os departamentos territoriais competentes en materia de xustiza de cada provincia, que velará pola aplicación e desenvolvemento desta orde.
2. En cada departamento territorial constituirase, así mesmo, unha comisión de seguimento do funcionamento das bolsas, que deberá contar coa información actualizada polo menos unha vez ao mes para analizar as peticións e levar o control da correspondente bolsa. Estas comisións estarán compostas por representantes do departamento territorial e por un representante de cada un dos sindicatos que conformen a Mesa sectorial de negociación do persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.
3. A Comisión Paritaria de Persoal Interino será a encargada da vixilancia, control e seguimento da correcta aplicación do contido nesta orde. Así mesmo, resolverá as dúbidas interpretativas que poidan xurdir coa finalidade de aplicar criterios homoxéneos e evitar posibles contradicións.
4. As xuntas de persoal, como órganos colexiados, poderán solicitar a información que consideren precisa sobre os criterios seguidos nos expedientes de proposta e nomeamento de persoal interino, así como ter acceso informático ás bolsas ou, na falta deste acceso, obter as copias correspondentes.
5. Nas comisións a que se refire este artigo procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.
CAPÍTULO II
Formación das bolsas
Artigo 5. Bolsas de persoal interino
1. A selección das persoas que desexen ser chamadas para cubrir postos de persoal funcionario interino realizarase mediante a inclusión das persoas seleccionadas en bolsas de ámbito provincial. Os/as candidatos/as figurarán na zona de preferencia indicada na súa solicitude.
2. Cada bolsa estará integrada polas persoas candidatas seleccionadas, ordenadas nunha lista en función da puntuación que obtivesen de conformidade co previsto no artigo 8 desta orde.
3. Formarase unha bolsa de persoal interino para cada un dos corpos de persoal funcionario indicados no artigo 1.1 e, seguindo a orde de lista desta bolsa, produciranse os nomeamentos como persoal funcionario interino.
4. No caso de se esgotar a bolsa indicada no número anterior, e mentres non existan persoas dispoñibles, ofreceráselles a posibilidade de aceptar voluntariamente o nomeamento aos/ás integrantes da bolsa do corpo inmediatamente superior, e subsidiariamente aos/ás do corpo inmediatamente inferior que posúan os requisitos exixidos para o posto concreto. Se non hai persoas do corpo superior e/ou inferior da provincia, ofreceráselles a posibilidade de aceptar voluntariamente o nomeamento ás persoas integrantes das bolsas do mesmo corpo doutras provincias. En segundo lugar, ofreceráselles aos/ás integrantes da bolsa do corpo inmediatamente superior doutras provincias, e subsidiariamente aos/ás do corpo inmediatamente inferior doutras provincias que posúan os requisitos exixidos para o posto concreto.
Por último, poderase acudir ás listas do Servizo Público de Emprego da Comunidade Autónoma, que será baremado conforme o disposto no artigo 8 desta orde.
Artigo 6. Composición e vixencia das bolsas
As bolsas de persoal interino definitivamente constituídas manterán a súa vixencia ata a constitución dunhas novas bolsas.
Artigo 7. Condicións xerais do persoal aspirante
1. O persoal aspirante a formar parte das bolsas deberá reunir na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, de acordo coa resolución da convocatoria ou da resolución de apertura de novas solicitudes de inscrición ás bolsas, os seguintes requisitos:
a) Ter a nacionalidade española.
b) Ter 16 anos de idade, agás que na convocatoria se estableza a idade mínima de 18, e non ter alcanzada a idade de xubilación forzosa.
c) Posuír, ou estar en condicións de obter antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes, a titulación que se exixiu na última convocatoria publicada no BOE para acceder como persoal funcionario de carreira ao corpo de que se trate. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, débese estar en posesión da documentación que acredita a homologación.
d) Non ter sido condenado/a por delito doloso a penas privativas de liberdade maiores de tres anos, a menos que se obtivese a cancelación de antecedentes penais ou a rehabilitación.
e) Non ter sido inhabilitado/a para o exercicio das funcións públicas, salvo que fose debidamente rehabilitado.
f) Non ter sido separado/a, mediante expediente disciplinario, do servizo dunha Administración pública, agás que fose debidamente rehabilitado/a
g) Non estar incurso/a en causa de incompatibilidade para o exercicio da función pública na Administración de xustiza.
h) Posuír a capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do corpo. A este respecto, considerarase que existe esta capacidade cando se poida acadar mediante a adopción dos axustes razoables adecuados para as persoas con discapacidade.
i) Non ter a condición de persoal funcionario de carreira ou de persoal laboral fixo.
Os requisitos requiridos para formar parte da bolsa de interinos serán exixibles, así mesmo, desde o nomeamento, e ata o seu cesamento, como persoal interino.
No suposto de que non se reúnan estes requisitos, producirase o cesamento do persoal interino e a exclusión da correspondente bolsa.
2. Para a inclusión nas bolsas dos corpos de xestión procesual e administrativa e de tramitación procesual e administrativa deberase acreditar experiencia na utilización do procesador de tratamento informatizado de textos. Considérase acreditada esta experiencia para aquelas persoas que desempeñasen durante polo menos seis meses postos de xestión ou tramitación na Administración de xustiza, así como postos en prazas reservadas para persoal funcionario dos subgrupos A2 e C1 de calquera Administración. Así mesmo, considerarase acreditada esta experiencia para aquelas persoas que superaron probas sobre o procesador de tratamento informatizado de textos en procesos selectivos para o ingreso nas administracións públicas, así como para aquelas que presenten unha certificación ou un diploma acreditativo expedido por un centro de formación recoñecido oficialmente, ou por un organismo ou institución oficial ou organización sindical. Deberase indicar a norma de homologación ou recoñecemento e achegarse canda a instancia.
3. O persoal integrante das bolsas que teña recoñecida a condición legal de discapacidade deberá acreditar a compatibilidade para o desempeño das funcións que corresponden ao corpo a que se presenta mediante certificado ou informe expedido para o efecto polo órgano competente como condición indispensable para formar parte das bolsas e para poder ser nomeado como persoal interino. A este respecto, considerarase que existe esta capacidade cando se poida acadar mediante a adopción dos axustes razoables adecuados para as persoas con discapacidade.
4. As persoas solicitantes deberán pagar a taxa que estea vixente no momento de presentar a solicitude que exixe a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co procedemento recollido na resolución de convocatoria ou apertura das listas.
Artigo 8. Ordenación das persoas interesadas nas bolsas
1. Baremación.
O persoal aspirante que reúna as condicións establecidas nos artigos anteriores será seleccionado e ordenado na correspondente bolsa en función da baremación dos seus méritos na data da publicación da convocatoria ou da resolución de apertura de novas solicitudes de inscrición ás bolsas.
Valoraranse e baremaranse os seguintes méritos:
1º. Probas de acceso:
a) Superación de exercicios das últimas oposicións finalizadas polo sistema xeral de acceso libre realizadas para o corpo a que se opta, concepto polo cal se poderá obter unha puntuación máxima de 24 puntos:
– Para o corpo de xestión: 5 puntos por cada exercicio superado da última oposición. Puntuación máxima: 15 puntos.
– Para o corpo de tramitación procesual e administrativa: 5 puntos por cada exercicio superado da última oposición. Puntuación máxima: 15 puntos.
– Para o corpo de auxilio xudicial: 8 puntos por cada exercicio superado da última oposición. Puntuación máxima: 16 puntos.
– Para todos os corpos: 3 puntos por cada exercicio superado na penúltima oposición. Puntuación máxima: 9 puntos.
b) Superación de exercicios doutras oposicións da Administración de xustiza, concepto polo cal se poderá obter unha puntuación máxima de 5 puntos:
– Por calquera exercicio superado nas tres últimas oposicións finalizadas dos distintos corpos da Administración de xustiza, excepto se xa se valorou conforme o disposto na anterior letra a): 1 punto.
Puntuación máxima desta epígrafe 1ª: 29 puntos.
2º. Tempo de servizos prestados nos corpos de xestión procesual e administrativa, tramitación procesual e administrativa e auxilio xudicial:
– 0,25 puntos por cada mes completo de servizo como persoal interino da Administración de xustiza naquel corpo funcionarial onde solicite ser incluído.
– 0,15 puntos por cada mes completo de servizos como persoal interino da Administración de xustiza nun corpo funcionarial superior a aquel onde solicite ser incluído.
– 0,10 puntos por cada mes completo de servizos como persoal interino da Administración de xustiza nun corpo funcionarial inferior a aquel onde solicite ser incluído.
Puntuación máxima desta epígrafe 2ª: 40 puntos.
3º. Coñecemento da lingua galega:
– Certificado Celga 4 ou equivalente: 6 puntos.
– Curso de linguaxe xurídica de nivel medio: 12 puntos.
– Curso de linguaxe xurídica de nivel superior: 18 puntos.
Puntuación máxima desta epígrafe 3ª: 18 puntos.
Só se valorará o curso de maior nivel dos presentados. Tampouco se lles valorarán os cursos de iniciación e perfeccionamento aos solicitantes que acrediten o curso básico de linguaxe xurídica.
4º. Formación complementaria:
Cursos de formación, con contido principal de carácter xurídico e cursos de formación en informática relacionados coa Administración de xustiza, incluída a formación en materia de igualdade: 0,010 puntos por hora lectiva, ata un máximo de 4 puntos.
Puntuación máxima desta epígrafe 4ª: 4 puntos.
Para ser valorados os cursos deben reunir os seguintes criterios de valoración:
a) Non se valorarán os cursos cunha antigüidade superior aos 5 anos.
b) Os cursos de igual ou similar contido só se computarán unha vez e non se valorarán outros cursos da mesma área de coñecemento coa mesma ou similar denominación ou o mesmo ou similar contido, aínda que se trate de convocatorias diferentes.
c) Non se valorarán os cursos respecto dos cales non conste o número de horas, os de duración igual ou inferior a 10 horas lectivas, nin os derivados de procesos selectivos, diplomas de participación en xornadas, simposios, seminarios e similares.
d) Só se computarán os cursos recibidos e acreditados, homologados ou impartidos polo Ministerio de Xustiza ou consellerías competentes en materia de xustiza, polo ministerio e consellerías competentes en materia de educación, polo Sistema universitario español, polo Instituto Nacional da Administración Pública ou polos órganos competentes en formación das comunidades autónomas, por outros axentes promotores dentro do marco do Acordo de formación para o emprego ou polos servizos públicos de emprego.
5º. Titulación académica:
a) Pola licenciatura en Dereito ou polo grao en Dereito cun máster con contido de carácter xurídico en Dereito: 6 puntos.
b) Polo grao en Dereito: 5 puntos.
c) Pola licenciatura en Ciencias do Traballo, Ciencias Políticas e da Administración, Criminoloxía, ou polo grao en Ciencias do Traballo, Ciencias Xurídicas e das Administracións Públicas, Ciencias Políticas e da Administración, Relacións Laborais e Recursos Humanos ou en Criminoloxía cun máster relacionado cos contidos do correspondente grao: 4 puntos.
d) Polo grao en Ciencias do Traballo, Ciencias Xurídicas e das Administracións Públicas, Ciencias Políticas e da Administración, Relacións Laborais e Recursos Humanos ou en Criminoloxía: 3 puntos.
e) Pola superación dos tres primeiros cursos da licenciatura en Dereito ou pola obtención de 180 créditos de grao en Dereito: 2 puntos.
f) Por outras licenciaturas ou graos cun máster relacionado cos contidos do correspondente grao: 1 punto.
g) Por outras diplomaturas, graos, título universitario oficial de Mestre, Arquitectura Técnica ou Enxeñaría Técnica: 0,5 puntos.
Puntuación máxima desta epígrafe 5ª: 6 puntos.
2. No suposto de empate, desfarase pola maior puntuación obtida seguindo a orde establecida neste artigo. De continuar o empate, terase en conta a puntuación obtida no primeiro exercicio das últimas oposicións realizadas para o corpo a que se opta, e, na súa falta, ou de persistir o empate, observarase a prioridade alfabética comezando pola letra correspondente á última oferta de emprego para os corpos da Administración de xustiza.
Artigo 9. Convocatoria das bolsas
1. A dirección xeral con competencias en materia de xustiza é o órgano competente para a convocatoria e constitución das bolsas.
2. A convocatoria para a formación das bolsas efectuarase mediante resolución da dirección xeral a que se refire o punto anterior e publicarase no Diario Oficial de Galicia, na web da consellería con competencias en materia de xustiza e mais na intranet de Xustiza.
3. As solicitudes presentaranse en todo caso telematicamente, no prazo e forma que se indicará na resolución da convocatoria.
4. As persoas solicitantes deberán contar cos mecanismos de identificación e sinatura electrónica admitidos pola Comunidade Autónoma de Galicia. Ademais, deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia (Notifica.gal: https://www.xunta.gal/notifica). Tamén deberán incluír na solicitude un número de teléfono móbil para os efectos de comunicación.
5. O persoal interino que se atope traballando no momento en que se realice a convocatoria de constitución inicial das bolsas terá a obriga de presentar a correspondente solicitude aos corpos a que queira optar, incluído o corpo en que estea prestando servizos, se posúe a titulación e demais requisitos exixidos.
Artigo 10. Composición das listas e aprobación das bolsas
1. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a dirección xeral con competencias en materia de xustiza puntuará as solicitudes conforme o baremo establecido no artigo 8 desta orde.
2. Publicarase unha lista provisional das persoas admitidas e das non admitidas seguindo a orde alfabética na cal figurará a puntuación da baremación. No caso da lista de persoas non admitidas indicarase a causa da exclusión.
3. As listas provisionais publicaranse na páxina web da consellería con competencias en materia de xustiza e mais na intranet de Xustiza, mediante resolución asinada electronicamente.
4. As persoas interesadas terán dez días hábiles desde a publicación das listas provisionais para reclamar, de conformidade co establecido na resolución da convocatoria, sobre calquera dos datos contidos na lista ante o órgano que realizou a convocatoria, pero sen poder invocar nin acreditar outros méritos distintos aos alegados na solicitude.
5. Cando finalice o prazo previsto no punto anterior, a dirección xeral competente en materia de xustiza publicará na forma e lugares establecidos no número 3 deste artigo as correspondentes listas resultantes para cada corpo e provincia, ordenadas por puntuación.
6. Cada aspirante só poderá formar parte dunha única bolsa, corpo e provincia, polo que, no caso de que un aspirante, tras a publicación das listas previstas no número 5, estea incluído en bolsas de distinto corpo, ou en varias provincias da mesma bolsa, deberá seleccionar aquela única en que desexe quedar. Se non o fai, entenderase que desiste de todas as súas solicitudes. A dita elección deberá realizarse no prazo, forma e lugar que indicará a resolución da convocatoria.
7. Cando finalice o prazo previsto no número 6, a dirección xeral competente en materia de xustiza aprobará por resolución as bolsas definitivas de persoas seleccionadas para cada corpo e provincia, ordenadas por puntuación, que se publicarán na forma e lugares establecidos no número 3 deste artigo.
Os nomeamentos de persoal interino que estean vixentes no momento da constitución das novas bolsas manteranse ata que se produza o seu cesamento. Se o persoal interino que cesa forma parte dunha nova bolsa constituída ao abeiro desta orde, pasará a ocupar o posto que lle corresponda nesta, de acordo coa puntuación obtida na baremación de méritos.
Artigo 11. Apertura das bolsas e actualización dos méritos
1. Mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Xustiza, logo de negociación na Mesa sectorial, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, abrirase periodicamente o prazo para a presentación de solicitudes de incorporación de novas persoas ás bolsas e para a actualización dos méritos das persoas integrantes das bolsas. Na dita resolución establecerase o procedemento para a presentación de novas solicitudes e a actualización dos méritos.
Se unha determinada lista está saturada porque non se produzan nomeamentos ou ben porque haxa un excesivo número de inscritas/os, poderá establecerse que só poidan presentar novas solicitudes de inscrición aquelas persoas que superasen algunha proba do último proceso selectivo ou teñan prestado servizos do corpo de que se trate.
2. As persoas integrantes das bolsas poderán solicitar o cambio da zona de preferencia durante o período de apertura e actualización de méritos das bolsas en que se integren.
3. As persoas integrantes das bolsas poderán solicitar o cambio de bolsa provincial do mesmo corpo durante o período de apertura e actualización de méritos das bolsas. Pasará a formar parte da bolsa da nova provincia solicitada cando se produza a publicación das novas listaxes e será excluída da bolsa da provincia anterior.
Se ten un nomeamento vixente manterase ata que se produza o seu cesamento, conforme a normativa establecida nesta orde. Cando cese pasará a ocupar o lugar que lle corresponda da bolsa da nova provincia, de acordo coa puntuación obtida na baremación de méritos.
4. No caso de mulleres vítimas de violencia de xénero de conformidade co previsto no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero, poderán cambiar de zona de preferencia ou provincia cando diso dependa a súa protección en calquera momento que se precise, así como por motivos de conciliación e/ou sanitarios en que sexa preciso o cambio de localización.
5. As persoas integrantes das bolsas que desexen formar parte das bolsas doutro corpo distinto deberán presentar unha solicitude de incorporación ao novo corpo durante o período de apertura das bolsas. De resultar admitidas no novo corpo, pasarán a formar parte da bolsa do dito corpo cando se produza a publicación das novas listaxes e serán excluídas das bolsas do corpo anterior.
No caso de que dispoñan dun nomeamento vixente, este manterase ata que se produza o seu cesamento, conforme a normativa establecida nesta orde. Cando cesen pasarán a ocupar o lugar que lles corresponda da bolsa do novo corpo, de acordo coa puntuación obtida na baremación de méritos.
Artigo 12. Cursos de formación
1. Aqueles/as integrantes das bolsas que non completasen, polo menos, seis meses de servizos efectivos como persoal interino no respectivo corpo dentro dos últimos cinco anos inmediatamente anteriores á data do correspondente nomeamento deberán realizar un curso de formación, que constará dunha proba que se cualificará de apto ou non apto.
A non realización do curso suporá a exclusión do persoal interino da correspondente bolsa en que estea incluído.
A non superación da proba suporá a necesidade de repetila por unha única vez máis.
De non superala, a persoa interina será excluída da correspondente bolsa.
2. Os cursos, que poderán ser en liña, presenciais ou mixtos, serán gratuítos; no entanto, serán por conta dos participantes, de ser o caso, os gastos de locomoción e similares, sen que en ningún caso a obrigatoria asistencia aos cursos orixine ningunha indemnización ao seu favor.
Artigo 13. Período de prácticas
1. Os/as aspirantes das bolsas que non completasen, polo menos, seis meses de servizos efectivos no respectivo corpo nos cinco anos inmediatamente anteriores á data de nomeamento e que sexan nomeados terán a consideración de interinos en prácticas.
2. O período de prácticas terá unha duración de catro meses desde o nomeamento, tempo que se computará de forma continuada ou en períodos acumulables. Durante este período de prácticas terán os mesmos dereitos retributivos ca o resto de persoal interino.
3. Finalizado o período de prácticas, o/a responsable funcional (o/a letrado/a director/a, fiscal xefe/a, director/a ou subdirector/a do Imelga e o/a secretario/a de Goberno), nas súas funcións de colaboración coa dirección xeral competente en materia de xustiza, emitirá un informe dentro dos dez días inmediatamente posteriores á finalización do período de prácticas sobre o rendemento do persoal interino. O informe favorable implicará a superación do período de prácticas e o/a aspirante quedará daquela integrado/a con carácter definitivo na bolsa correspondente ou, no caso de que continúe prestando servizos, producirase a renovación automática do seu nomeamento como persoal interino.
De non emitirse o dito informe no período establecido, entenderase favorable.
4. No momento en que se formalice un novo nomeamento sen que transcorrese o período máximo de catro meses, o correspondente departamento territorial comunicará ao/á responsable funcional a existencia do dito período de prácticas, coa extensión e alcance destas.
5. No caso de que o informe do/da responsable funcional sexa desfavorable, o departamento territorial iniciará o correspondente expediente contraditorio, no cal se poderán solicitar outros informes, e o/a aspirante a interino/a afectado/a poderá presentar as alegacións e propoñer as probas que conveñan ao seu dereito no prazo de cinco días hábiles desde que lle sexa notificado o inicio do expediente. O departamento territorial, con base no expediente iniciado, resolverá a superación, ou non, do período de prácticas.
CAPÍTULO III
Solicitudes, nomeamentos e cesamentos de interinos
Artigo 14. Criterios para o nomeamento de persoal interino
1. Poderá nomearse persoal interino para ocupar temporalmente postos vacantes ou que provisionalmente non poidan ser desempeñados pola persoa titular.
2. Tamén se poderá acordar o nomeamento de persoal interino de reforzo como medida de apoio de acordo co establecido no artigo 3.2.
3. En todo caso, o nomeamento de persoal interino terá un carácter excepcional e subsidiario, ao cal se poderá recorrer cando non exista outra medida máis efectiva para paliar as consecuencias de situacións de ausencia de funcionariado titular ou cando haxa necesidade de nomear reforzos.
Artigo 15. Procedemento de solicitude de nomeamento de persoal funcionario interino
Cando se produza a necesidade de cubrir interinamente un posto de traballo, o/a superior funcional do órgano deberá formular a correspondente solicitude de cobertura a través da OPAX (http://opax.xunta.es), seleccionando a opción que corresponda e gravándoa, logo de cubrir todas as súas epígrafes. Unha vez gravada a solicitude, pasará automaticamente a estar dispoñible na bandexa de entrada do correspondente departamento territorial, que a rexistrará e lle dará continuidade ao trámite. O estado de tramitación de todas as peticións estará, desde a súa gravación, dispoñible para o órgano solicitante na epígrafe de consulta de solicitudes do/da superior funcional na OPAX.
Artigo 16. Peticións e nomeamento de persoal interino de reforzo
1. Cando, por circunstancias conxunturais, un órgano, servizo ou unidade da Administración de xustiza soporte unha carga de traballo extraordinaria, ou unha demora excepcional nos procedementos que non aconsellen acordar prolongacións de xornada aceptadas voluntariamente polo persoal funcionario, a dirección xeral competente en materia de xustiza poderá autorizar o nomeamento de persoal interino de reforzo, sempre que o permitan as dispoñibilidades orzamentarias por tempo determinado e con base en obxectivos concretos e medibles.
2. A solicitude de persoal interino de reforzo deberá ser formulada polo/a superior funcional do órgano ou servizo peticionario a través da OPAX. Na solicitude deberá cubrirse un plan de actuación, no cal se indicarán expresamente os obxectivos cualitativos e cuantitativos que hai que cumprir e mais o tempo de duración solicitado do reforzo en relación coa situación actual da unidade.
3. Para os efectos de valorar a concesión da medida de reforzo, a dirección xeral competente en materia de xustiza utilizará principalmente os seguintes criterios:
a) Xustificación da carga de traballo que soporta a unidade solicitante e comparanza con outro órgano equivalente.
b) Acreditación dunha específica situación conxuntural que xustifique a medida.
c) Existencia de indicadores de verificación que permitan avaliar os resultados da medida de reforzo.
d) Existencia de anteriores medidas de reforzo e resultado destas.
O plan de actuación do órgano solicitante deberá expoñer, como mínimo, o indicado nas letras a), b) e c).
4. O nomeamento do persoal interino de reforzo será por unha duración máxima de seis meses, con posibilidade de prórroga para o suposto de que non se cumpran os obxectivos fixados no plan de actuación, o que deberá ser xustificado debidamente polo/a responsable funcional do órgano, servizo ou unidade.
En ningún caso a duración do reforzo, incluídas as posibles prórrogas, poderá superar o prazo de 3 anos.
5. O nomeamento de persoal de reforzo farase de igual modo ca o nomeamento de persoal interino do artigo 17.
Artigo 17. Procedemento para o nomeamento de persoal funcionario interino
1. A dirección xeral competente en materia de xustiza autorizará, se é o caso, o nomeamento de persoal interino de acordo coas necesidades do servizo e as dispoñibilidades orzamentarias.
2. O procedemento de selección e chamamento de candidatos/as, así como da aceptación por estes das prazas ofertadas, será telemático. Este procedemento divídese en tres fases:
a) Anuncio da oferta de prazas e chamamento de candidatos/as. Os mércores, ata as 13.00 horas, publicarase a relación de prazas autorizadas para a dotación con persoal interino, coa indicación de se se trata dunha praza vacante, de reforzo ou desocupada, así como tamén do motivo da desocupación. Así mesmo, publicarase a relación de persoas preseleccionadas para cubrir aquelas segundo a orde de prelación que resulta do artigo 8 desta orde, cunha proporción con carácter xeral de dúas persoas por cada praza ofertada, sempre e cando sexa posible atendendo ao número de persoas dispoñibles na bolsa. Esta proporción de dúas persoas por praza poderá ser maior debido ás características das prazas ofertadas co obxecto de garantir a súa cobertura.
Non serán preseleccionadas aquelas persoas que estean traballando como persoal interino na Administración de xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia, que conservarán o mesmo posto na bolsa, e serán preseleccionadas as seguintes persoas dispoñibles na bolsa segundo a orde de prelación.
A proporción de dúas persoas só se respectaría no caso de que haxa cando menos unha persoa candidata da zona de preferencia correspondente para cada unha das prazas ofertadas. Nos demais casos, e para garantir a cobertura das prazas, o sistema informático seleccionará as seguintes persoas dispoñibles dentro da respectiva bolsa de acordo coa súa posición, ata chegar á primeira que asegure o chamamento.
De se esgotaren dentro dunha bolsa as persoas integrantes dunha zona concreta de preferencia, as pertencentes dentro da mesma provincia a outra zona de preferencia estarán obrigadas, coas consecuencias que se sinalan nesta orde, a aceptar o chamamento para a outra zona de preferencia, ata que se regularice a situación. Neste caso advertirase da situación na respectiva oferta.
No caso de non existiren persoas dispoñibles, serán preseleccionadas coa posibilidade de aceptar voluntariamente o nomeamento as persoas integrantes das bolsas que corresponda segundo o disposto no artigo 5.4, que non sexan preseleccionadas para a oferta de prazas da bolsa de que forman parte.
A publicación realizarase a través do portal de servizos web OPAX, accesible desde a web da consellería competente en materia de xustiza na forma prevista no número 3 deste artigo. As persoas preseleccionadas recibirán un aviso por SMS da publicación da oferta. A falta deste aviso non escusará o incumprimento da obriga de comunicación e aceptación das prazas a través da OPAX, nos casos en que a súa aceptación sexa obrigatoria.
b) Aceptación de prazas ofertadas. As persoas incluídas na relación de preseleccionadas disporán dun período, que irá desde a publicación ata as 14.00 horas do día seguinte hábil, para cumprir coa obriga de comunicar a aceptación de prazas (establecendo entre elas a orde de preferencia no caso de aceptar varias) ou para manifestar expresamente o seu rexeitamento da oferta. A comunicación de cada participante deberá conter, como mínimo, todas as prazas que sexan da súa zona de preferencia. A aceptación será obrigatoria para a zona de preferencia e soamente será posible modificar a orde de preferencia na elección. De non comunicar a súa participación, e aínda que as prazas sexan cubertas polas outras persoas participantes, entenderase que rexeita a oferta e, polo tanto, será excluído/a da bolsa. Esta comunicación realizarase electronicamente a través do portal de servizos web OPAX, accesible desde a web da consellería competente en materia de xustiza na forma prevista no número 3 deste artigo. De non se efectuar a comunicación da aceptación antes de que venza o dito período, considerarase que a persoa preseleccionada non acepta ningunha das prazas ofertadas.
c) Publicación da lista das persoas seleccionadas. Os luns –ou, de non poder ser, o día seguinte hábil–, ata as 13.00 horas, publicarase, na forma prevista no número 3 deste artigo, a relación de prazas que foron autorizadas para dotación de persoal interino e as persoas que resultaron seleccionadas.
3. Para o desenvolvemento do procedemento previsto no número anterior, tanto as publicacións coma as comunicacións dirixidas ás persoas interesadas se realizarán a través do portal de servizos web OPAX, accesible desde a web da consellería competente en materia de xustiza. Para tal fin, facilitaráselles a todos os compoñentes da bolsa de persoal interino, de non o teren xa, un usuario de acceso. Os códigos de identificación da conta de usuario e do contrasinal serán de uso persoal e intransferible. As persoas usuarias poderán obter da aplicación informática a confirmación dos trámites realizados.
No caso de avaría xeneralizada da aplicación OPAX poderán enviar as súas solicitudes por correo electrónico, e non será admisible o seu emprego no caso de que a avaría sexa un problema informático do usuario/a.
Segundo o permita o desenvolvemento da tecnoloxía que soporta este procedemento, a dirección xeral competente en materia de xustiza poderá aprobar o establecemento doutros mecanismos de acceso electrónico e telecomunicación.
4. As prazas non cubertas serán incluídas, se é o caso, na seguinte oferta de prazas, salvo que se considere necesario aplicar o previsto no número 6 deste artigo.
5. Desde a publicación da lista das persoas seleccionadas, estas disporán dun prazo máximo de tres días hábiles para tomaren posesión ante o departamento territorial competente, en cuxo momento presentarán, como requisito inescusable, os seguintes documentos:
a) Declaración responsable ou documento xustificativo de non teren sido condenadas por delito doloso a penas privativas de liberdade maiores de tres anos, a non ser que obtivesen a cancelación dos antecedentes penais ou a rehabilitación.
b) Declaración responsable ou documento xustificativo de non teren sido separadas, mediante expediente disciplinario, do servizo de calquera Administración pública, e de non estaren inhabilitadas para o desempeño das funcións públicas, agás que fosen debidamente rehabilitadas.
c) Declaración responsable de non se acharen incursas en causa de incompatibilidade para o exercicio da función pública na Administración de xustiza.
d) Certificado médico, emitido en data non anterior aos tres meses precedentes, que acredite que posúen a capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do corpo do posto de traballo a que se opta. A este respecto, considerarase que existe esta capacidade cando se poida acadar mediante a adopción dos axustes razoables adecuados para as persoas con discapacidade.
e) Para aqueles postos en que así se determine, certificación negativa do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais de que non foron condenadas en sentenza firme por ningún delito contra a liberdade e indemnidade sexuais.
6. Nos supostos en que a necesidade de cobertura dun posto non sexa previsible coa antelación suficiente, ou cando polas circunstancias concorrentes no procedemento de chamamentos debidamente acreditadas sexa necesaria a súa cobertura de forma urxente para evitar graves prexuízos no funcionamento e/ou prestación do servizo público, o chamamento poderase realizar telefonicamente desde o momento en que se produza a necesidade.
O chamamento seguirá a orde da bolsa. O prazo para tomar posesión nestes nomeamentos urxentes será de 24 horas desde a comunicación telefónica coa persoa interesada, quen deberá presentar, no prazo de tres días contados desde a toma de posesión, a documentación a que fai referencia o número 5 deste artigo; de non cumprir con este requisito, poderá ser cesada e excluída da correspondente bolsa.
Na OPAX quedarán rexistrados os datos das chamadas efectuadas, incluíndo o número de reintentos de chamada en distintos horarios á mesma persoa, respecto dos cales se gardará o día e horas das chamadas. O sistema permitirá a consulta de todos os nomeamentos urxentes realizados, con indicación da causa que os motivou.
Artigo 18. Cesamento do persoal interino
1. O persoal interino nomeado ao abeiro do disposto no artigo 17 desta orde cesará cando se provexa definitivamente a vacante, se incorpore efectivamente o/a titular da praza ou sexa provisto temporalmente o posto de traballo por outro/a funcionario/a de carreira de acordo cos procedementos de provisión legalmente establecidos. Así mesmo, cesará por finalización das necesidades do servizo ou urxencia que motivaron o seu nomeamento, por supresión dunha praza no centro de destino, por desdotación orzamentaria ou calquera outra causa prevista na normativa vixente.
En todo caso, producirase o cesamento na data en que se cumpra o prazo máximo de 3 anos desde o nomeamento.
2. O cesamento terá efectos no momento da incorporación efectiva do/da funcionario/a de carreira, de ser o caso.
3. O persoal interino nomeado ao abeiro do disposto no artigo 16 desta orde cesará por expiración do prazo ou da causa pola cal foi nomeado.
En ningún caso a duración do nomeamento do persoal de reforzo, incluídas as posibles prórrogas, poderá superar o prazo de 3 anos.
No caso de se reducir unha medida de reforzo nun órgano no cal haxa máis dun funcionario interino de reforzo con idéntica data de finalización de nomeamento, para determinar que persoa/s deben cesar aplicaranse os seguintes criterios, tendo en conta a situación das persoas interinas no momento de producirse o cesamento:
a) As persoas que non formen parte das respectivas bolsas cesarán con preferencia ás integrantes das ditas bolsas.
b) As persoas que formen parte das bolsas doutro corpo cesarán con preferencia ás integrantes das do mesmo corpo.
c) As persoas que formen parte das bolsas do mesmo corpo pero doutra provincia cesarán con preferencias ás persoas integrantes da bolsa da provincia correspondente.
d) Se hai persoal interino que leve máis de 18 meses traballando no mesmo órgano, cesará quen leve un tempo superior.
e) Se non hai persoal interino que leve máis de 18 meses traballando no mesmo órgano, cesará quen leve un tempo inferior.
En caso de producirse un empate na aplicación dos criterios anteriores, cesará a persoa que teña peor posición na bolsa no momento do cesamento.
4. As persoas integrantes da bolsa non perderán a posición que en cada momento lles corresponda nela ata que prestasen servizos durante un ano. Mentres isto non ocorra, retornarán á posición que lles corresponda na bolsa de acordo coa súa puntuación.
As persoas integrantes da bolsa que prestasen servizos durante un ano pasarán a ocupar a última posición na bolsa durante catro meses ao remate do nomeamento. Transcorridos os catro meses volverán automaticamente á posición que lles corresponda na bolsa de acordo coa súa puntuación.
Artigo 19. Causas de exclusión das bolsas e penalizacións
1. Para o persoal interino nomeado ao abeiro tanto do artigo 16 coma 17 desta orde acordarase o cesamento e a exclusión definitiva das bolsas:
a) Por falta ou falsidade inicial ou sobrevida dalgún dos requisitos exixidos ou das circunstancias alegadas para a súa inclusión na bolsa.
b) Por sanción de falta grave ou moi grave imposta por vía disciplinaria, de acordo co previsto na Lei orgánica do poder xudicial e mais no Regulamento xeral de réxime disciplinario do persoal ao servizo da Administración de xustiza, aprobado polo Real decreto 796/2005, do 1 de xullo. O persoal interino que se atope nunha situación diferente á de servizo activo pero forme parte das bolsas pode incorrer en responsabilidade disciplinaria nos mesmos supostos que o persoal funcionario de carreira, por faltas cometidas cando se atopaba en servizo activo. Nestes casos, poderá incoarse o expediente disciplinario ata a súa finalización. De non ser posible o cumprimento da sanción no momento en que se dite a resolución, por atoparse o persoal interino en situación que o impida, a sanción farase efectiva cando o cambio de situación o permita, agás que transcorrese o prazo de prescrición.
c) Por adquirir a condición de persoal funcionario de carreira ou laboral fixo.
d) Por alcanzar a idade legal forzosa de xubilación, excepto que se acorde a prolongación de permanencia no servizo activo.
e) Pola declaración de incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez.
f) Pola falta de reincorporación do persoal interino, unha vez esgotada a duración máxima da situación de incapacidade temporal ou cando se emitise informe do servizo de inspección competente en que se acorde a súa incorporación.
g) Por renuncia voluntaria a formar parte das bolsas.
h) Por renuncia ao posto desempeñado.
i) Por non acreditar cada tres meses que persiste a situación que xustificou a suspensión ou pola falta de comunicación da desaparición da causa da suspensión ao departamento territorial no prazo máximo de cinco días hábiles para os efectos de solicitar a reincorporación ao seu posto na bolsa respectiva tras a suspensión.
j) Por estar en situación de suspensión máis de 2 anos.
k) Por non realizar ou non superar o curso de formación obrigatorio ou non superar o período de prácticas.
l) Cando a persoa á cal lle corresponde o chamamento para un posto concreto coincidente coa zona de preferencia non acepta o seu nomeamento, non presenta en prazo a documentación prevista nesta orde ou non se presenta para tomar posesión, entenderase que renuncia ao nomeamento e quedará excluída/penalizada da bolsa, agás o previsto no artigo 20 en relación coa suspensión.
m) Cando as persoas preseleccionadas non cumpran coa obriga de comunicar a súa participación na oferta de prazas da súa zona de preferencia, aínda que as prazas ofertadas sexan cubertas polos outros preseleccionados, xa que se entenderá que rexeitan o chamamento.
n) Por non presentar a certificación negativa do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais, no caso de que sexa necesaria para o posto.
ñ) Por supostos de violencia sobre a muller, acoso e de acoso laboral acreditados.
o) Por calquera outra causa prevista nesta orde e no resto de normativa vixente.
2. Os departamentos territoriais da consellería competente en materia de xustiza notificaranlles, por resolución motivada, electronicamente, a través de Notifica.gal a súa exclusión das bolsas de persoal interino.
3. A exclusión da bolsa terá carácter definitivo, agás nas causas das letras f), g), h), i), j), k), en relación co corpo no cal non se superou o período de prácticas, l) e m), en que as persoas excluídas poderán volver presentar unha solicitude de inscrición nas bolsas cando transcorra o prazo dun ano desde a data da exclusión logo de solicitude de inscrición cando se produza a apertura das bolsas.
Artigo 20. Suspensión nas bolsas de persoal interino
1. Non procederá a exclusión da bolsa nos supostos previstos no artigo 19.1, letras l) e m), cando a persoa seleccionada demostre e poña en coñecemento do correspondente departamento territorial as seguintes situacións:
a) Incapacidade temporal xustificada mediante parte de baixa médica ou documento similar, expedido por persoal facultativo da Seguridade Social que acredite a situación de incapacidade o día en que se produce o chamamento. Este documento debe presentarse o día seguinte hábil a aquel en que se produza o chamamento.
b) Maternidade, se a renuncia se produce entre o quinto mes de embarazo e a fin do período de permiso que recoñeza para estes efectos a lexislación vixente.
Persoa proxenitora diferente á nai biolóxica, se a renuncia se produce durante o período de permiso que recoñeza para estes efectos a lexislación vixente.
c) Coidado de fillos/as menores de tres anos de idade ou dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade que, por razóns de idade, enfermidade ou accidente non se poida valer por si mesmo e non desempeñe actividade retribuída, sempre que se acredite a convivencia cos/coas devanditos/as fillos/as ou familiar.
d) Adopción ou acollida, se a renuncia se produce durante o período permiso que recoñeza para estes efectos a lexislación vixente.
e) Mulleres vítimas de violencia de xénero acreditada de conformidade co previsto no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero.
f) Actividade profesional no sector público ou privado. Neste caso o dereito á suspensión do chamamento só se poderá exercer unha vez.
2. En todos os supostos relacionados no número anterior, agás os casos previstos nas letras a), b) e d), a persoa interesada deberá ter solicitada electronicamente e autorizada a suspensión de chamamentos con anterioridade a que estes se produzan, para o cal deberá presentar ante o departamento territorial correspondente a documentación acreditativa necesaria. Os efectos da suspensión produciranse desde o día seguinte hábil ao da presentación da correspondente solicitude electrónica ante o departamento territorial, momento en que, de non ter denegada expresamente a súa solicitude, entenderase autorizada.
As persoas en situación de suspensión temporal previstas nas letras a) e f) deberán acreditar cada tres meses, computados desde a última comunicación, que persiste a situación que xustificou a suspensión, de non o faceren, serán expulsadas da bolsa.
En todos os supostos relacionados no número 1 deste artigo, cando desapareza a causa da suspensión temporal, a persoa interesada comunicarallo electronicamente ao departamento territorial no prazo máximo de cinco días hábiles para os efectos de solicitar a súa reincorporación ao seu posto na bolsa respectiva. Esta reincorporación producirase de modo efectivo o quinto día seguinte hábil ao da presentación da correspondente solicitude electrónica.
Artigo 21. Vinculación e eficacia temporal dos nomeamentos
1. A vinculación xurídica e económica do persoal interino coa consellería competente en materia de xustiza comeza desde o momento da súa toma de posesión e extinguirase na data do seu cesamento.
2. Os nomeamentos realizados segundo o disposto no artigo 17 desta orde non vinculan a persoa seleccionada co posto concreto que orixinou o seu nomeamento, salvo que este se atope incluído nunha relación de postos de traballo.
3. A regra prevista no número anterior non será de aplicación ao persoal interino de reforzo.
Disposición adicional primeira. Zonas de preferencia
1. Estableceranse na correspondente convocatoria as seguintes zonas de preferencia dentro da mesma provincia, zonas ás cales poden optar os/as solicitantes e que estes/as deberán sinalar na súa solicitude, xa que, en caso contrario, esta solicitude será rexeitada sen máis trámites:
• Provincia da Coruña:
– Zona 1: comprende A Coruña, Betanzos, Carballo, Ferrol e Ortigueira.
– Zona 2: comprende Santiago de Compostela, Ordes, Arzúa, Negreira, Corcubión, Muros, Noia, Ribeira e Padrón.
• Provincia de Lugo:
– Zona 1: comprende Lugo, Viveiro, Vilalba, Mondoñedo e A Fonsagrada.
– Zona 2: comprende Lugo, Chantada, Sarria, Becerreá e Monforte de Lemos.
• Provincia de Ourense:
– Zona 1: comprende Ourense, O Carballiño, Ribadavia, Celanova e Bande.
– Zona 2: comprende Ourense, Xinzo de Limia, Verín, A Pobra de Trives e O Barco de Valdeorras.
• Provincia de Pontevedra:
– Zona 1: comprende Pontevedra, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Cambados, Marín, A Estrada e Lalín.
– Zona 2: comprende Vigo, Cangas, Redondela, Ponteareas, Tui e O Porriño.
Disposición adicional segunda. Obrigatoriedade de relacionarse coa Administración a través de medios electrónicos
O persoal interino e as persoas que figuren incluídas nas bolsas estarán obrigadas a relacionarse coa Administración a través de medios electrónicos, así como a recibir por medios electrónicos as notificacións e comunicacións que se lles dirixan, para o que deberán formalizar as correspondentes altas nos sistemas habilitados pola Administración para estes efectos.
Para dar cumprimento ás obrigas derivadas desta orde, tanto o persoal interino que estea prestando servizos coma as persoas que figuran incluídas nas vixentes bolsas disporán do prazo de 10 días, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta norma no Diario Oficial de Galicia, para formalizaren a alta no sistema Notifica.gal. Finalizado o dito prazo, a Administración creará, de oficio, o enderezo habilitado único daquel persoal que non tramitase a alta no sistema Notifica.gal.
Disposición transitoria única. Réxime provisional do nomeamento do persoal interino
Mentres non sexan aprobadas e publicadas as bolsas de persoal interino definitivas con suxeición ás normas contidas nesta orde, seguirase nomeando persoal interino para os postos dos corpos xerais de funcionarios/as ao servizo da Administración de xustiza das bolsas constituídas consonte a Orde do 4 de outubro de 2018.
Disposición derrogatoria
Queda derrogada a Orde do 4 de outubro de 2018 sobre selección e nomeamento de interinos para cubrir postos de funcionarios dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia, agás respecto do previsto na disposición transitoria única desta orde.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento
Facúltase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de xustiza para ditar cantas instrucións e resolucións sexan necesarias para a aplicación desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2026
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
