O 27.1.2026 o Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático acorda someter a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e o estudo de impacto ambiental (EIA) conxunto dos parques eólicos Margarita 18 (expediente IN408A 2024/012), Cote 25 (expediente IN408A 2024/013), Nao 19 (expediente IN408A 2024/011), Galera 25 (expediente IN408A 2024/014), situados no concello de Oia (Pontevedra), e da súa infraestrutura de evacuación LSAT 20 kV CS Alto das Veigas-SE UFD Gondomar (expediente IN408A 2024/026), situada nos concellos de Oia, Baiona e Gondomar (Pontevedra).
O dito acordo foi publicado no DOG núm. 23, do 4 de febreiro de 2026, tanto en galego como en castelán. Detectado erro na versión en galego, fíxose unha corrección de erros no DOG núm. 25, do 6 de febreiro.
O 24.2.2026 e o 6.3.2026 entrou no Departamento Territorial nova documentación ambiental ampliada relativa aos expedientes parque eólico Cote 25 (IN408A 2024/013), parque eólico Galera 25 (IN408A 2024/014), parque eólico Margarita 18 (IN408A 2024/012), parque eólico Nao 19 (IN408A 2024/011) e LSAT 20 kV CS Alto das Veigas-SE UFD Gondomar (IN408A 2024/026), que tamén debe ser obxecto do trámite de información pública.
Así, en cumprimento do disposto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental; na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e nas demais normas vixentes de aplicación, sométense de maneira conxunta a información pública as solicitudes relacionadas coas instalacións obxecto este acordo, así como o estudo de impacto ambiental compartido por todas elas:
– Con respecto á descrición das instalacións que forman parte deste expediente, mantéñense inalteradas (xa que só se modifica o estudo de impacto ambiental), polo que, de acordo co principio de conservación de actos e trámites do artigo 51 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, é preciso declarar a conservación de actos e trámites respecto da publicación da descrición das instalacións xa realizada no Acordo do 27 de xaneiro de 2026 publicado no DOG núm. 23, do 4 de febreiro de 2026.
– Polo anterior (a descrición das instalacións mantense inalterada) non será necesario volver presentar as alegacións ou observacións relativas a esta documentación, previamente presentadas ao abeiro do trámite de información pública anunciado no DOG núm. 23, do 4 de febreiro de 2026.
En calquera caso, o acceso a toda esta información que xa foi publicada correctamente, queda garantida nos concretos termos previstos neste acordo, que inclúen tanto o acceso á información a través do DOG (que permite o acceso ao contido xa publicado) como a través da web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, evitando calquera posible indefensión de todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos.
Polo tanto, en cumprimento do disposto na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental; na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e nas demais normas vixentes de aplicación, sométense novamente a información pública tanto a documentación dos proxectos técnicos (que non variaron), como a nova documentación ambiental que anula e substitúe a que foi publicada no DOG núm. 23, do 4 de febreiro de 2026:
– Proxecto de execución parque eólico PE Margarita 18, asinado o 18.3.2024 (expediente IN408A 2024/012).
– Proxecto de execución parque eólico PE Cote 25, asinado o 18.3.2024 (expediente IN408A 2024/013).
– Proxecto de execución parque eólico PE Nao 19, asinado o 18.3.2024 (expediente IN408A 2024/011).
– Proxecto de execución parque eólico PE Galera 25, asinado o 18.3.2024 (expediente IN408A 2024/014).
– Proxecto de execución LSAT 20 kV CS Alto das Veigas-SE UFD Gondomar 20 kV, asinado o 10.4.2025 (expediente IN408A 2024/026).
– Estudo de impacto ambiental PE Cote 25, PE Margarita 18, PE Galera 25, PE Nao 19 e LSAT 20 kV CS Alto das Veigas-SE UFD Gondomar 20 kV. Xullo de 2025. Versión 2.1 asinado o 10.7.2025.
Esta documentación poderá consultarse no portal web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático a través da seguinte ligazón:
https://medioambiente.xunta.gal/enerxias-renovables/documentos-exposicion-publica
De xeito específico, a descrición das instalacións, que se manteñen inalteradas, atópase dispoñible:
– No Diario Oficial de Galicia (DOG) núm. 23, do 4 de febreiro de 2026, ao cal se pode acceder a través da seguinte ligazón:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260204/AnuncioG0760-270126-0003_gl.pdf
– No Diario Oficial de Galicia (DOG) núm. 25, do 6 de febreiro de 2026 (corrección de erros), ao cal se pode acceder a través da seguinte ligazón:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260206/AnuncioG0760-040226-2_gl.pdf
Esta documentación tamén estará á disposición das persoas interesadas nas dependencias do Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático de Pontevedra (avda. Mª Victoria Moreno, 43, 4º, 36071 Pontevedra, teléfonos: 986 80 52 12, 986 80 52 11 e 986 80 52 34, das 9.00 ás 14.00 horas, de luns a venres, con cita previa, así como nos concellos de Oia (rúa Vista Alegre, s/n, 36794 Oia, Pontevedra), Baiona (rúa Lorenzo de la Carrera, 17, 36300 Baiona, Pontevedra) e Gondomar (praza Doutor Latino Salgueiro, 1, 36380 Gondomar, Pontevedra).
Órganos competentes: consonte o establecido no Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, modificado polo Decreto 192/2024, do 9 de decembro, e polo Decreto 106/2025, do 11 de novembro, o órgano competente para autorizar os proxectos dos parques eólicos Cote 25, Margarita 18, Galera 25 e Nao 19 é a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático. No caso da súa infraestrutura común de evacuación, proxecto LSAT 20 kV CS Alto das Veigas-SE UFD Gondomar, o órgano competente para autorizar é o Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático de Pontevedra.
O que se fai público para coñecemento xeral e para que as persoas interesadas poidan examinar a documentación técnica anteriormente relacionada, e, de ser o caso, presentar as alegacións ou as observacións que consideren oportunas dentro do prazo de trinta (30) días, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia.
Pontevedra, 10 de marzo de 2026
Nicolás Lorenzo Montes
Director territorial de Pontevedra
