DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 17 de marzo de 2026 Páx. 18458

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 9 de marzo de 2026 pola que se convoca o curso de prevención de riscos laborais, nivel básico, para persoal empregado público, traballadores/as por conta allea ou autónomos/as, empresarios/as e aquelas persoas con inquedanzas no ámbito da prevención de riscos laborais.

De acordo co Convenio de colaboración subscrito entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócase un curso en materia de prevención de riscos laborais.

RESOLVO:

Convocar o curso de prevención de riscos laborais que figura no anexo II, que se deberá desenvolver segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2026

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos do persoal participante

Poderán participar nesta actividade formativa empregados/as públicos/as, traballadores/as por conta allea ou autónomos/as, traballadores/as designados/as e delegados/as de prevención, empresarios/as que asuman as funcións de prevención e aquelas persoas con inquedanzas no ámbito da prevención de riscos laborais.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para estas actividades se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será do 20 ao 30 de marzo de 2026.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só se poderán realizar mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 9.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil e, ao tratarse de actividades impartidas na modalidade de teleformación, deberán dispor dun equipo informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un ordenador con conexión á internet.

– Un navegador web actualizado.

6. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 53, 981 54 62 54, 981 54 62 73 e 981 54 63 35, en horario de atención ao público (das 9.00 ás 14.00 horas), e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>

Cuarta. Criterios de selección

1. Unha vez recibidas as solicitudes correctamente, asignaranse as prazas no curso solicitado por orde de inscrición ata esgotar o total de prazas; terán prioridade aquelas persoas que posúan a condición de delegado/a de prevención, traballador/a designado/a e/ou empresario/a que asuma as funcións de prevención de riscos laborais na súa empresa (deberán achegar a documentación que o acredite ao enderezo <issga.cursoprl@xunta.gal> dentro do prazo de presentación de solicitudes) e reservarase o 50 % das prazas do curso para o persoal empregado público.

Todo isto sen prexuízo da aplicación dos criterios de reserva de prazas para persoas con discapacidade, así como das medidas de promoción da igualdade e da conciliación establecidas na normativa autonómica vixente.

2. No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos do curso, poderá completarse o número de participantes asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

1. A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas admitidas, en reserva e excluídas para participar no dito curso, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación, de acordo co artigo 82.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Logo de transcorrer o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso. Contra esta listaxe poderase interpor recurso de alzada, no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sexta. Cambios ou substitucións na selección. A renuncia e o seguimento das actividades formativas e desenvolvemento das probas de avaliación

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

Non obstante, aqueles/as alumnos/as que non superen a actividade do módulo 1 no prazo establecido non poderán continuar o curso e serán substituídos/as por novos/as alumnos/as de acordo coa orde da lista de espera.

2. A renuncia.

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP. Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para formalizar a renuncia poderase utilizar, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>

O prazo para presentar escrito de renuncia iniciarase a partir da publicación da listaxe de persoas admitidas, en reserva e excluídas, e finalizará tres días antes do inicio da actividade formativa.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. Seguimento das actividades de teleformación:

As persoas que non completen o 50 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

4. Desenvolvemento das probas de avaliación:

A proba final do curso realizarase de xeito telemático a través da aula virtual.

Sétima. Superación da actividade formativa

Para poder superar a actividade de teleformación é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– A adecuada realización de todas as actividades que o/a titor/a propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no exame final.

– A superación das probas de avaliación que para os efectos se establezan. Para superaren as probas de avaliación, os/as alumnos/as deberán responder de forma correcta un 50 % das preguntas da proba. As respostas incorrectas non descontarán acertos. As datas e o horario de realización destas serán os indicados no anexo II.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento, o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Novena. Facultades da EGAP e do Issga

1. A EGAP e o Issga poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e o Issga reservan para si o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso en que empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas, previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e o Issga garantirán, nas actividades derivadas desta convocatoria, a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código

Edición

Denominación

Persoal destinatario

Prazas

Horas

Modalidade

Data de inicio

Data de remate

Data e hora do exame final

(en liña)

CV26066

T01

Prevención de riscos laborais. Nivel básico. Issga

Empregados/as públicos/as, traballadores/as por conta allea ou autónomos/as, traballadores/as designados/as e delegados/as de prevención, empresarios/as que asuman as funcións de prevención e aquelas persoas con inquedanzas no ámbito da prevención de riscos laborais.

100

60

Teleformación

21.4.2026

19.6.2026

19.6.2026

ás 10.00 horas

CV26066

T02

Prevención de riscos laborais. Nivel básico. Issga

Empregados/as públicos/as, traballadores/as por conta allea ou autónomos/as, traballadores/as designados/as e delegados/as de prevención, empresarios/as que asuman as funcións de prevención e aquelas persoas con inquedanzas no ámbito da prevención de riscos laborais.

100

60

Teleformación

21.4.2026

19.6.2026

19.6.2026

ás 10.00 horas

CV26066

T03

Prevención de riscos laborais. Nivel básico. Issga

Empregados/as públicos/as, traballadores/as por conta allea ou autónomos/as, traballadores/as designados/as e delegados/as de prevención, empresarios/as que asuman as funcións de prevención e aquelas persoas con inquedanzas no ámbito da prevención de riscos laborais.

100

60

Teleformación

21.4.2026

19.6.2026

19.6.2026

ás 10.00 horas