Para os efectos de establecer en Galicia o procedemento de solicitude para a asignación de dereitos de axuda básica á renda para a sustentabilidade procedentes da reserva nacional da campaña 2025, no marco establecido polo Real decreto 1045/2022, do 27 de decembro, sobre dereitos de axuda básica á renda para a sustentabilidade da política agraria común, publicouse a Orde da Consellería do Medio Rural do 25 de febreiro de 2025 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control.
O Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), con base no disposto nos artigos 20 a 29 do Real decreto 1045/2022, tramitou e informou sobre as solicitudes de acceso á reserva nacional, dando traslado dos expedientes á persoa titular da presidencia do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) para a súa resolución.
De acordo co disposto no artigo 28.1 de devandito Real decreto 1045/2022, a persoa titular da presidencia do FEGA comunicou ao Fogga, para a súa notificación ás persoas solicitantes, a resolución sobre a asignación de solicitudes de dereitos de axuda básica á renda para a sustentabilidade da reserva nacional.
Conforme co anterior, esta dirección
RESOLVE:
Primeiro. Facer pública e notificar na páxina web do Fogga (https://fogga.xunta.gal/gl/pac/dereitos/dereitos-abrs-23-27) a resolución da persoa titular da presidencia do FEGA de asignación de dereitos de pagamento básico da reserva nacional da campaña 2025.
Segundo. Contra a resolución da persoa titular da presidencia do FEGA, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta notificación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2026
Juan José Cerviño Varela
Director do Fondo Galego de Garantía Agraria
