Feitos:
1. O 8.10.2024, a empresa Nedgia, S.A. (en diante, promotor) presentou ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas (DXPEM) a solicitude de autorización administrativa previa e aprobación do proxecto de execución das instalacións para a distribución de gas natural ao polígono Pena Partida e dar subministración á industria Cortizo no termo municipal de Coirós (A Coruña), e achegou a seguinte documentación:
• Proxecto denominado Proxecto de autorización administrativa e execución de instalacións para a distribución de gas natural ao polígono de Pena Partida e dar subministración á industria Cortizo no termo municipal de Coirós (A Coruña), asinado o 3.10.2024 pola enxeñeira técnica industrial Alejandra Risco Barba (colexiada núm. 25.430 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Madrid –COITIM–), no que figura un orzamento de 18.496,92 €.
• Declaración responsable asinada o 3.10.2024 polo técnico proxectista, a respecto do dito proxecto, exixida no artigo 19 do Decreto 51/2022, do 17 de marzo, polo que se actualiza a normativa en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior (DOG núm. 65, do 1 de abril).
• Separatas técnicas do proxecto de execución para as entidades afectadas, asinadas o 3.10.2024 polo técnico proxectista.
2. Ante esta solicitude, o 11.11.2024, a DXPEM resolveu iniciar o trámite de competencia para o outorgamento da dita autorización administrativa, para os efectos previstos no artigo 5 do Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP).
A dita resolución foi publicada no Diario Oficial de Galicia do 29.11.2024 e durante o prazo establecido (30 días) non se presentaron outras solicitudes en concorrencia, polo que procede continuar co procedemento de outorgamento de autorización administrativa solicitada por Nedgia, S.A.
En consecuencia, á referida solicitude de Nedgia, S.A., asignóuselle o número de expediente IN627A 2024/1-0, iniciándose o correspondente procedemento de autorización administrativa previa e aprobación do proxecto de execución. Segundo consta no proxecto de execución presentado, proxéctase unha acometida de gas natural á industria Cortizo no termo municipal de Coirós (A Coruña). As instalacións obxecto da solicitude son as seguintes:
• Canalización de gas natural en aceiro 6” en MOP 16 bar, de 182 m de lonxitude, con orixe na futura posición I014X (obxecto doutro proxecto) do Gasoduto Vilalba-Tui de Enagás e final na ERM do cliente, situada na parcela de referencia catastral 0378202NH7807N0001ST.
• Instalacións auxiliares: 3 válvulas de seccionamento DN 6”.
3. O 3.2.2025, a DXPEM ditou a resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución das instalacións para a distribución de gas natural ao polígono Pena Partida e dar subministración á industria Cortizo no termo municipal de Coirós (A Coruña), promovido pola empresa Nedgia, S.A. (expediente IN627A 2024/1-0).
Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia (6.3.2025), no Boletín Oficial da provincia da Coruña (11.2.2025) e nos xornais La Voz de Galicia (13.2.2025) e La Opinión da Coruña (13.2.2025). Tamén estivo exposta nas dependencias do Departamento Territorial da Coruña desta consellería (en diante, departamento territorial), así como no Portal de transparencia desta consellería.
Durante o período de información pública legalmente establecido para este proxecto de execución non se presentaron alegacións.
4. O 5.2.2025, a DXPEM trasladou o referido proxecto de execución (instalacións para a distribución de gas natural ao polígono Pena Partida e dar subministración á industria Cortizo) ao departamento territorial, para os efectos de obter o seu informe exixido nos artigos 81 e 84 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural.
5. O 6.2.2025, a DXPEM trasladou as separatas técnicas do referido proxecto de execución (instalacións para a distribución de gas natural ao polígono Pena Partida e dar subministración á industria Cortizo), para os efectos de obter o seu informe ao respecto, ás seguintes entidades titulares de bens ou dereitos afectados por el: Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Subdelegación do Goberno na Coruña, Enagás Transporte, S.A.U. e Concello de Coirós.
A respecto das entidades que presentaron informes manifestando a súa conformidade e/ou fixando o seu condicionado técnico (Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Subdelegación do Goberno na Coruña e Enagás Transporte, S.A.U.), a DXPEM deu traslado deles ao promotor, quen presentou a súa conformidade.
A respecto das entidades que non contestaron a petición de informe nin a súa reiteración (Concello de Coirós), sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade coa autorización da infraestrutura gasista proxectada, de acordo co disposto nos artigos 80 e 84 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.
6. O 6.2.2026, o departamento territorial remitiu á DXPEM a seguinte documentación para incorporar ao referido expediente:
• Documentación complementaria do proxecto de execución, presentada polo promotor en contestación a dous requirimentos do departamento territorial, con datas do 10.7.2025 e 24.9.2025:
– Contestación ao 1º requirimento, asinada o 30.07.2025 pola enxeñeira técnica industrial Alejandra Risco Barba (colexiada núm. 25.430 do COITIM).
– Contestación ao 2º requirimento, asinada o 23.10.2025 pola enxeñeira técnica industrial Alejandra Risco Barba (colexiada núm. 25.430 do COITIM).
• Informe emitido o 6.2.2026 polos servizos técnicos do departamento territorial, de carácter favorable sobre a documentación técnica.
7. O 10.2.2026, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico resolveu outorgar á empresa Enagás Transporte, S.A.U. a autorización administrativa, aprobación de proxecto de execución e recoñecemento, en concreto, de utilidade pública das instalacións correspondentes ao proxecto denominado Anexo ao gasoduto Vilalba-Tui. Nova posición I-14X con ERM G-160 (80/16 bar), no termo municipal de Coirós (A Coruña). Segundo se recolle nesta resolución:
• Este proxecto ten por obxecto levar a cabo as obras correspondentes ao novo punto de conexión transporte-distribución (PCTD) I-14X no gasoduto Vilalba-Tui e as instalacións asociadas necesarias para levar gas natural ao termo municipal de Coirós. Estas instalacións resultan necesarias debido á solicitude dun novo punto de entrega de gas natural pola compañía distribuidora Nedgia, S.A., para a subministración no dito termo municipal.
• O prazo máximo para a construción destas instalacións e presentación da solicitude de levantamento da acta de posta en servizo, pola empresa Enagás, será de 18 meses, contados a partir da data de efectos da resolución (data de publicación no BOE).
Consideracións legais e técnicas:
1. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites do procedemento establecidos no Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, en cumprimento do establecido na disposición adicional primeira do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).
2. A competencia para resolver este expediente correspóndelle á DXPEM, ao tratarse da primeira rede de distribución de gas natural que se implantará no concello de Coirós, de conformidade co disposto no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30.11.1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas (DOG núm. 244, do 21 de decembro), así como no Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 73, do 14 de abril), no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 81, do 24 de abril), e no Decreto 140/2024, de 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
3. Informe emitido o 6.2.2026 polos servizos técnicos do departamento territorial, de carácter favorable sobre a documentación técnica e no que se recolle o seguinte:
«[...]
Consideracións legais e técnicas:
[...]
Terceira. En relación coa solicitude de autorización administrativa, o proxecto contén unha delimitación concreta da zona en que a empresa distribuidora solicita a autorización, segundo se especifica no artigo 81.7 do Real decreto 1434/2002, que comprende o polígono industrial de Pena Partida.
Así mesmo, no proxecto o promotor concreta os compromisos de expansión da rede: “En relación coa solicitude de autorización administrativa do expediente de referencia, infórmase que os compromisos de expansión da rede na zona obxecto do proxecto prevén unha ampliación progresiva da infraestrutura de distribución, en función do crecemento da demanda enerxética, ata cubrir toda a superficie do polígono industrial de Pena Partida. No anexo I xúntase o plano que delimita o ámbito previsto para o desenvolvemento da infraestrutura de distribución, conforme a evolución da demanda enerxética”.
Estes compromisos de expansión non inclúen ningunha fase concreta, limítanse a indicar que a rede irá ampliándose de xeito progresivo en función das solicitudes de demanda.
A rede prevista neste proxecto son as infraestruturas necesarias para atender unha petición de subministración de Aluminios Cortizo, e instalaranse tamén dúas válvulas en previsión de futuras ampliacións.
[...]
Cuarta. Consta no expediente a declaración do proxectista en que manifesta o seguinte en relación coa aplicabilidade da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, ao proxecto: En relación co proxecto do gasoduto obxecto do presente expediente, infórmase que o seu trazado se localiza integramente dentro do ámbito do polígono de Coirós, o cal está catalogado como zona urbanizada conforme á normativa urbanística vixente. En virtude do anterior, e de acordo co establecido na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, o proxecto non está suxeito ao procedemento de avaliación de impacto ambiental, ao tratarse dunha infraestrutura de gas subterránea localizada en solo urbanizado. Neste caso concreto, non concorren circunstancias adicionais que poidan modificar a dita condición, polo que non resulta exixible a tramitación ambiental.
De acordo con todo o indicado, informo que:
Desde un punto de vista técnico non se atopa ningún impedimento para emitir a autorización administrativa previa e a aprobación do proxecto de execución das instalacións proxectadas, que non se entra a valorar a ausencia de plans concretos de expansión da rede de distribución por parte de Nedgia, S.A., na zona de distribución solicitada.
Consideracións:
1) O presente é un informe que avalía a documentación técnica, relacionada no feito segundo, relativa ás instalacións de gas proxectadas.
2) Non se realizou ningunha valoración en relación co trámite de separatas nin con calquera posible alegación presentada, dado que a información pública foi realizada pola dirección xeral.
3) Non é obxecto deste informe determinar a necesidade de someter o proxecto a trámites relacionados coa lexislación ambiental.
[...]».
De acordo con todo o anterior,
RESOLVO:
1. Outorgar a autorización administrativa previa das instalacións para a distribución de gas natural ao polígono Pena Partida e dar subministración á industria Cortizo no termo municipal de Coirós (A Coruña), promovido pola empresa Nedgia, S.A.
2. Aprobar o proxecto de execución da citada infraestrutura gasista, conformado polos seguintes documentos técnicos, asinados pola enxeñeira técnica industrial Alejandra Risco Barba (colexiada núm. 25430 do COITIM):
• Proxecto denominado Proxecto de autorización administrativa e execución de instalacións para a distribución de gas natural ao polígono de Pena Partida e dar subministración á industria Cortizo no termo municipal de Coirós (A Coruña), no cal figura un orzamento de 18.496,92 €.
• Contestación ao 1º requirimento do departamento territorial, asinada o 30.7.2025.
• Contestación ao 2º requirimento do departamento territorial, asinada o 23.10.2025.
Todo isto de acordo coas seguintes condicións:
1. O promotor deberá constituír, no prazo de dous meses contado desde o momento do outorgamento da autorización, unha fianza por valor de 369,94 € (2 % do orzamento das instalacións), para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro. A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.
2. As instalacións que se autorizan realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran nos tres documentos técnicos que conforman o proxecto de execución titulado Proxecto de autorización administrativa e execución de instalacións para a distribución de gas natural ao polígono de Pena Partida e dar subministración á industria Cortizo no termo municipal de Coirós (A Coruña).
3. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os complementan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.
4. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPEM; non obstante, o departamento territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicarlle á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.
5. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de dezaoito meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, o promotor deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante o departamento territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.
6. En canto aos bens e dereitos afectados polas instalacións que se autorizan e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor realizará os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.
7. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 73.6 da Lei 34/1998, do 7 de outubro.
8. Esta resolución adóptase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura gasista, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título IV do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.
9. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia da Coruña, de acordo co establecido no artigo 81.5 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, e na disposición adicional primeira do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria.
Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2026
Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas
