O procedemento de aprobación dos proxectos de interese autonómico para planificar e proxectar actuacións de creación de solo destinado maioritariamente á construción de vivendas sometidas a algún réxime de protección pública regúlase na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia (LOT), coas especialidades recollidas nos artigos 62 e seguintes da Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.
O artigo 64 da Lei 5/2024, do 27 de decembro, prevé a aplicación ao dito procedemento da tramitación de urxencia, o que suporá a redución á metade dos prazos establecidos para os procedementos ordinarios, salvo os relativos á presentación de solicitudes, recursos e, en xeral, aqueles prazos taxados por normativa estatal básica que non poidan ser obxecto de redución.
De acordo co establecido no artigo 55.5 da LOT, en relación co artigo 64 da Lei 5/2024, do 27 de decembro, a consellería tramitadora do instrumento de ordenación do territorio procederá á súa aprobación inicial e o someterá a información pública durante o prazo de 15 días naturais, mediante anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia, no boletín oficial da provincia correspondente e no Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia. A documentación sometida a información pública abarcará todos os documentos integrantes do expediente tramitado.
En atención ao exposto e para os efectos previstos no artigo 55.5 da LOT, sométese a información pública, durante o prazo de 15 días naturais, contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, os documentos integrantes do expediente relativo á aprobación inicial do proxecto de interese autonómico para a creación de solo destinado maioritariamente á construción de vivendas sometidas a algún réxime de protección pública en Ourense (Escorial-O Vinteún).
Durante o prazo referido, calquera persoa poderá examinar a devandita documentación no Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia (https://transparencia.xunta.gal/procedementos-de-informacion-publica) e na páxina web do Instituto Galego da Vivenda e Solo (https://igvs.xunta.gal/gl/areas/solo-residencial) e presentar ante o dito organismo as alegacións, documentos e xustificacións que estime pertinentes.
Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2026
Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo
ANEXO
Memoria resumo
Promotor: Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas. Instituto Galego da Vivenda e Solo.
Localización: concello de Ourense.
Ámbito do proxecto: ámbito identificado como SU1 Escorial-O Vinteún.
Obxecto: creación de solo destinado maioritariamente á construción de vivendas sometidas a algún réxime de protección pública en Ourense.
Descrición: o proxecto de interese autonómico ten por obxecto a creación de solo residencial destinado maioritariamente a vivenda protexida, con capacidade estimada para unhas 1.435 vivendas, maioritariamente protexidas, incorporando, ademais, usos comerciais e equipamento.
O ámbito de actuación abrangue aproximadamente 134.345 m² e está situado ao norte do núcleo urbano da cidade de Ourense, completando o barrio coñecido como O Vinteún no espazo existente entre a estrada N-525, a rúa do Vinteún e a zona industrial dos Coíñas. O sector limita co desenvolvemento existente da cidade ao norte da estación de tren.
