DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Venres, 20 de marzo de 2026 Páx. 19025

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 5 de marzo de 2026, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a resolución relativa á revisión do esbozo do monte veciñal en man común Penouzos, Valdegrande e Touza, Fraga e Arnela e Bermui, no concello de Porqueira.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes dos MVMC Penouzos, Valdegrande e Touza, Fraga e Arnela e Bermui, pertencentes á CMVMC de Paradela de Abeleda, no concello de Porqueira, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Con data do 14.7.2025, a CMVMC de Parada de Abeleda (Porqueira) presentou, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (Rexel 2025/2000127), unha solicitude de revisión de esbozo dos montes veciñais da súa titularidade Penouzos, Valdegrande e Touza, Fraga e Arnela e Bermui.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 21.6.2025.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 6 de outubro de 2025 en relación coa citada solicitude. A revisión de esbozo solicitada afecta os tres montes clasificados para a CMVMC Paradela de Abeleda no perímetro que linda con propiedades particulares.

Considérase admisible, no monte Fraga e Arnela, a redución nun 22 % da superficie obtida na actualización solicitada con respecto á obtida na dixitalización do esbozo da carpeta ficha.

Consensuadas as estremas na asemblea da comunidade e co estudo do Catastro anterior á clasificación, é posible aceptar a redución da superficie clasificada do monte Penouzos, Valgrande e Touza (das 140 ha pasou a 45,1 ha), porque non existe na Sección Provincial do Rexistro de Montes Veciñais en Man Común ningunha documentación que avale a superficie clasificada de 140 ha clasificada.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo solicitada.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser revisados axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 6 de outubro de 2025, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade, o día 23 de febreiro de 2026:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo dos MVMC Penouzos, Valdegrande e Touza, Fraga e Arnela e Bermui, pertencentes á CMVMC de Paradela de Abeleda, no concello de Porqueira.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 5 de marzo de 2026

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense

ANEXO

missing image file
missing image file
missing image file