Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Serra de Santa Eufemia, pertencente á CMVMC da parroquia de Manín, no concello de Lobios, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 15.10.2014 a CMVMC da parroquia de Manín presentou un escrito no rexistro do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Ourense (núm. 33645/RX 1197011), no que solicitaba a revisión do esbozo do MVMC Serra de Santa Eufemia, no concello de Lobios.
Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:
– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 14.6.2014.
– Planos.
– Certificacións catastrais das parcelas afectadas.
– Documentación de permutas.
Segundo. Posteriormente, en xuño de 2015, a mesma comunidade achegou a seguinte documentación complementaria:
– Documento de Revisión do esbozo do monte veciñal en man común de Santa Eufemia, parroquia de Manín, municipio de Lobios (Ourense).
– Arquivos xeográficos en formato vectorial.
Terceiro. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 19 de decembro de 2024 en relación coa citada solicitude. A proposta de revisión, ademais da parte do perímetro que constitúe fronteira con Portugal (ventos sur e oeste), abrangue a totalidade das estremas con particulares, incluíndo nestas os terreos afectados por varias permutas.
O citado informe considera oportuno modificar levemente a proposta da comunidade no sentido de regularizar os terreos afectados por unha serie de permutas máis recentes e non recollidas na proposta da comunidade, ademais doutras dúas non incluídas na solicitude por razóns que se descoñecen, consonte a liña perimetral do monte trazada no plano elaborado polo Servizo de Montes.
Finalmente, respecto do tramo lindeiro con Portugal, considérase tamén procedente modificar a proposta da comunidade no sentido de axustala ao trazado da liña fronteiriza (autonómica) oficial segundo o IGN.
O Xurado Provincial, tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes, aprobou a solicitude de revisión de esbozo.
Consideracións legais e técnicas:
Único. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser revisados axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 19 de decembro de 2024, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 23 de febreiro de 2026:
Aprobar a proposta de revisión do esbozo do MVMC Serra de Santa Eufemia, pertencente á CMVMC da parroquia de Manín, no concello de Lobios.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 9 de marzo de 2026
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
