Mediante a Resolución do 26 de maio de 2025 (DOG núm. 103, do 2 de xuño) a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocou un concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia: escalas de arqueoloxía; técnica de restauración; técnica de delineantes; de facultativos de arquivos, bibliotecas e museos; de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos; técnica de arquivos, bibliotecas e museos; auxiliar de arquivos, bibliotecas e museos.
Á vista da proposta da comisión encargada de valorar os méritos alegados polas persoas concursantes e de conformidade coa base IX da convocatoria, esta dirección xeral, no uso da competencia delegada pola Consellería de Facenda e Administración Pública en virtude do disposto no artigo 1 da Orde do 8 de xaneiro de 2020 (DOG núm. 16, do 24 de xaneiro),
RESOLVE:
Primeiro. Publicar as puntuacións provisionais das persoas concursantes admitidas para cada un dos postos solicitados no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, na epígrafe de concurso de traslados https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados/consulta
Segundo. As persoas interesadas poderán formular unha reclamación contra as puntuacións provisionais no prazo de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, concretamente ata o 8 de abril de 2026. O formulario de reclamación estará á disposición das persoas interesadas no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal e deberá cubrirse e presentarse electronicamente, segundo o establecido na base IV da convocatoria (Tramitación electrónica) https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados/xeracion-de-reclamacions/
A reclamación deberá especificar a alínea ou alíneas da base III sobre as cales se reclama, con indicación expresa daqueles méritos que se consideran erroneamente puntuados e a causa concreta obxecto de reclamación.
Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2026
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal
