Na sesión que tivo lugar o 13 de marzo de 2026, o tribunal nomeado para cualificar o proceso selectivo, pola quenda de acceso libre e de promoción interna, para o ingreso no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala operativa do Servizo de Gardacostas de Galicia, especialidade de patrón e mecánico, convocado pola Resolución do 14 de maio de 2025 (DOG núm. 98, do 23 de maio), acordou, de conformidade co disposto na base II.1.1.2 da convocatoria, que o segundo exercicio terá lugar o día 27 de marzo de 2026, na Academia Galega de Seguridade Pública-Agasp, sita na rúa da Cultura, s/n, 36380 A Estrada (Pontevedra). As tres probas de aptitude física das que consta o exercicio son:
Primeira proba (subida escala de vento): terá lugar no polideportivo da Academia Galega de Seguridade Pública, en chamamento único que se iniciará ás 9.30 horas.
Segunda proba (carreira de 1.000 metros): terá lugar nas pistas de atletismo do Concello da Estrada, situadas na Academia Galega de Seguridade Pública, en chamamento único que terá lugar ás 11.00 horas.
Terceira proba (natación): terá lugar na piscina da Academia Galega de Seguridade Pública, en chamamento único que terá lugar ás 14.00 horas.
As persoas aspirantes deberán ir provistas de NIF, NIE, pasaporte, permiso de condución ou outro documento fidedigno acreditativo que, a xuízo do tribunal, acredite a súa identidade.
Deberán presentarse para a realización do exercicio coa roupa e co calzado axeitado e cun certificado médico oficial ou un informe sobre o estado de saúde, asinado por un médico colexiado en exercicio, no cal se faga constar que a persoa aspirante non presenta enfermidade ou discapacidade que impida o correcto desenvolvemento dunha proba de esforzo físico, expedido dentro dos tres (3) meses inmediatamente anteriores á data de realización da primeira proba deste exercicio. A non presentación do dito documento suporá a exclusión da persoa aspirante do proceso selectivo.
O chamamento para cada proba do exercicio será único, de xeito que as persoas aspirantes que non comparezan serán excluídas.
A execución das probas será pública, pero non se permitirá a súa gravación por ningún medio audiovisual que puider afectar a súa seguridade, o dereito á intimidade persoal e á propia imaxe das persoas intervenientes nestas.
Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2026
José Antonio Baliñas Pazos
Presidente do tribunal
