A Xunta de Goberno Local do Concello de Ponteareas, na sesión ordinaria que tivo lugar o 4 de xuño de 2024, acordou a aprobación inicial do Plan especial de reforma interior do Plan especial de ordenación do núcleo rural (PEONR) nº 1 A Portela e dispuxo o seu sometemento a información pública durante o prazo de dous meses, conforme o establecido no artigo 75.1.a) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG). O correspondente anuncio foi publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 123, do 26 de xuño de 2024.
Como consecuencia da estimación total ou parcial das alegacións presentadas e da adaptación do documento aos informes sectoriais emitidos, introducíronse modificacións respecto do documento inicialmente aprobado. Á vista do seu alcance, e co fin de garantir os principios de participación pública e seguridade xurídica, considerouse procedente someter o documento a un novo trámite de información pública, ao abeiro do artigo 75.1.c) da LSG.
En virtude do anterior, a Xunta de Goberno Local do Concello de Ponteareas, na sesión que tivo lugar o 20 de febreiro de 2026, adoptou o seguinte acordo:
«Primeiro. Someter ao trámite de información pública o documento para a aprobación definitiva do PEONR nº 1 A Portela do PXOM de Ponteareas, presentado na data do 2.2.2026 mediante o rexistro de entrada 2026-E-RE-396 por Francisco Javier Rivas Barros en representación de Ordenación Territorial, Infraestruturas e Medio Ambiente, S.L., por prazo de dous (2) meses, mediante anuncio, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e nun dos xornais de maior difusión da provincia. Así mesmo, deberáselle notificar ás persoas titulares catastrais dos terreos afectados polo ámbito do PEONR nº 1 A Portela do PXOM de Ponteareas.
Segundo. Dar cumprimento ao resto de trámites legalmente exixidos para alcanzar a aprobación definitiva e entrada en vigor do plan especial».
O expediente poderá ser examinado nas dependencias municipais do Concello de Ponteareas, en horario de atención ao público, durante o prazo de dous (2) meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, co fin de que calquera persoa interesada poida consultalo e formular as alegacións que considere oportunas; igualmente poderá consultarse de forma dixital a través do Portal de transparencia do Concello de Ponteareas no seguinte enlace:
https://ponteareas.sedelectronica.gal/transparency/683aec0e-4c58-4c76-b086-d97740bf3d52/
Ponteareas, 25 de febreiro de 2026
María Nava Castro Domínguez
Alcaldesa
