Unha vez examinado o expediente de extinción da Fundación Santiago Centro, Área Comercial presentado ante este protectorado, resultan os seguintes
Feitos:
1. O 29 de decembro de 2025, o presidente do Padroado da Fundación solicitou a ratificación polo Protectorado do acordo de extinción adoptado por este órgano de goberno.
2. A Fundación Santiago Centro, Área Comercial constituíuse en escritura pública outorgada o 1 marzo de 2004 ante o notario de Santiago de Compostela por Manuel Julio Reigada Montoto, co número de protocolo 622; clasificouse de interese social pola Orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 17 de novembro de 2004 (DOG núm. 231, do 26 de novembro); declarouse de interese galego pola Orde da Consellería de Innovación, Industria e Comercio do 3 de decembro de 2004 (DOG núm. 249, do 24 de decembro) e está inscrita co número 2004/21 no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Emprego, Comercio e emigración.
3. Consonte o artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten como obxectivo a dinamización socioeconómica e cultural do espazo urbano de Santiago de Compostela coñecido como o ensanche.
4. Xunto coa solicitude, a Fundación presenta o certificado da reunión do Padroado do 15 de decembro de 2025, en que consta a aprobación do acordo de extinción por unanimidade, así como a memoria xustificativa da extinción da Fundación por imposibilidade de cumprir cos fins fundacionais, por insuficiencia de medios económicos, as contas da Fundación na data en que o Padroado adoptou o acordo de extinción e o proxecto de distribución dos bens e dereitos resultantes da liquidación.
5. O 25 de febreiro de 2026, o persoal encargado do rexistro emitiu un informe favorable á ratificación do acordo de extinción, por considerar cumpridos os requisitos previstos na normativa vixente.
Consideracións legais e técnicas:
1. Esta consellería é competente para ratificar o acordo de extinción consonte o Decreto 147/2024, do 20 de maio de 2024, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración (DOG núm. 101, do 27 de maio), en relación co artigo 7.2.b) do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
2. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, establece entre as causas de extinción das fundacións, a imposibilidade material ou xurídica para a realización do fin fundacional, sendo necesario para tal efecto acordo favorable do Padroado, ratificado polo Protectorado. O mesmo artigo establece que o acordo de extinción inscribirase no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
3. O acordo de extinción adoptouse de conformidade cos requisitos establecidos na normativa vixente e nos estatutos da fundación, e foi aprobado polo acordo do Padroado, coas maiorías previstas no Regulamento de fundacións de interese galego. No expediente tramitado consta a memoria xustificativa da causa de extinción e demais documentación establecida no artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, e no artigo 48 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro.
Polo exposto, e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, e demais normativa de xeral aplicación,
RESOLVO:
Ratificar o acordo de extinción adoptado polo Padroado da Fundación Santiago Centro, Área Comercial e ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e poderase interpoñer previamente, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2026
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
P.D. (Orde do 29.9.2021; DOG núm. 195, do 8 de outubro)
Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería de Emprego,
Comercio e Emigración
