DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Mércores, 25 de marzo de 2026 Páx. 19742

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 6 de marzo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a proxectos de dinamización e promoción do Xacobeo 2027 (programa O teu Xacobeo), e se procede á súa convocatoria con carácter plurianual (2026-2027) (código de procedemento TU300A).

BDNS (Identif.): 893970.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/893970

Primeiro. Persoas beneficiarias

As subvencións obxecto destas bases divídense en dúas categorías ou liñas, en atención ás entidades solicitantes:

Liña 1. Persoas físicas (traballadores autónomos) e persoas xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que están comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme).

Así mesmo, poderán presentar solicitudes as agrupacións de persoas físicas e/ou xurídicas, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Liña 2. Entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro (excepto entidades locais).

Así mesmo, poderán presentar solicitudes as agrupacións de entidades sen ánimo de lucro, de conformidade co disposto no citado artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Segundo. Obxecto e réxime

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto incentivar proxectos de promoción e dinamización dos valores e da cultura xacobea, promovendo a riqueza cultural, natural e humana do Camiño de Santiago dentro do Xacobeo 2027 (código de procedemento TU300A).

Os proxectos deberán fomentar o diálogo ao redor deste grande itinerario cultural europeo, dando a coñecer o patrimonio cultural xacobeo como fonte de inspiración para a creación artística contemporánea; impulsar o desenvolvemento das áreas rurais do Camiño de Santiago ou fomentar o coñecemento do patrimonio relacionado co Camiño de Santiago entre os máis novos a través da celebración de mostras, publicacións, creacións artísticas ou audiovisuais, obradoiros, xornadas, encontros, foros, actividades deportivas, mostras gastronómicas, festivais e eventos de formación e intercambio de pensamento, entre outros.

2. Os proxectos que se van subvencionar ao abeiro desta convocatoria deberán desenvolverse no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e deberán executarse e xustificarse do seguinte modo:

– Gastos de 2026: desde o 1 de xullo de 2026 ata o 30 de novembro de 2026.

– Gastos de 2027: desde o 1 de xaneiro ata o 30 de novembro de 2027.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 6 de marzo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a proxectos de dinamización e promoción do Xacobeo 2027 (programa O teu Xacobeo), e se procede á súa convocatoria con carácter plurianual (2026-2027) (código de procedemento TU300A).

Cuarto. Importe

1. As subvencións previstas nesta resolución financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 04.A2.761A.770.0, proxecto 2015 00005 (liña 1) e 04.A2.761A.781.0, proxecto 2015 00005 (liña 2), previstas nos orzamentos da Axencia de Turismo de Galicia para os anos 2026 e 2027, co seguinte detalle:

Liñas

Aplicación orzamentaria

2026

2027

Total

Liña 1

04.A2.761A.770.0

700.000 €

1.300.000 €

2.000.000 €

Liña 2

04.A2.761A.781.0

300.000 €

700.000 €

1.000.000 €

1.000.000 €

2.000.000 €

3.000.000 €

Poderá alterarse a distribución entre os créditos establecidos para cada unha das liñas sen que tal alteración precise dunha nova convocatoria. Para estes efectos deberán realizarse as modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que na convocatoria, segundo se dispón no artigo 31 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será, para a anualidade de 2026, dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Para a anualidade de 2027, o prazo de presentación de solicitudes será desde o 1 de outubro ata o 31 de outubro de 2026.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

Non se permitirá a presentación de máis dun proxecto por solicitante e por anualidade.

Sexto. Prazo de xustificación da subvención

A data límite para presentar a xustificación das actuacións subvencionables será, para a anualidade de 2026, o 30 de novembro de 2026 e, para as actividades da anualidade de 2027, será o 30 de novembro de 2027.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2026

José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia