O Xacobeo 21-22 foi un evento histórico que, a pesar das dificultades iniciais derivadas da pandemia de COVID-19, se consolidou como un fito histórico na celebración dos anos santos compostelanos, fomentando valores universais como a solidariedade, a hospitalidade e a tolerancia, ao mesmo tempo que se constituíu en motor de recuperación para o sector turístico e hostaleiro, contribuíndo a situar Galicia como un destino de referencia internacional baseado na natureza, no patrimonio e na gastronomía.
A celebración foi tamén un éxito da sociedade galega no seu conxunto, e permitiu a xeración de novas oportunidades para o desenvolvemento sostible, con especial atención ás zonas rurais, ao tempo que se promoveron iniciativas culturais, deportivas e sociais en toda a rexión. Neste impulso xogou un papel relevante a posta en marcha do programa O teu Xacobeo, orientado tanto ao sector público coma ao privado, cos obxectivos de promover os valores do Camiño de Santiago a través de proxectos que xurdisen da propia sociedade galega. A iniciativa articulouse sobre principios de participación, descentralización, igualdade, transversalidade, calidade e sostibilidade, e a través de diferentes edicións que facilitasen a celebración de iniciativas e proxectos en toda a xeografía galega nunha variedade moi ampla de ámbitos, desde o cultural e artístico ao deportivo, pasando polo gastronómico, patrimonial ou social.
O Plan director dos Camiños de Santiago 2022-2027, elaborado como folla de ruta para abordar os retos do Camiño de Santiago ata a celebración do seguinte Ano Santo, en 2027, recolle na súa análise a importancia de reforzar a cultura xacobea e os valores esenciais do Camiño, implicando a poboación local, así como a oportunidade de seguir adaptando a peregrinación aos valores de igualdade, sostibilidade e conservación do ambiente e do patrimonio natural, á vez que se dá resposta ás necesidades actuais do peregrino coa creación de novas experiencias arredor do Camiño e ofertas/servizos diversos centrados na excelencia e na calidade.
Neste sentido, o Plan director fai fincapé na importancia de fortalecer as iniciativas que demostraron o seu bo funcionamento nos anos que transcorren entre a celebración excepcional do Xacobeo 2021-2022 e a celebración dun novo Ano Santo 2027, así como innovar e apostar por criterios de sostibilidade e dixitalización que permitan compatibilizar a peregrinación coa convivencia coa poboación local e a conservación da contorna natural.
Cómpre lembrar, ademais, que o artigo 9 do Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, establece, entre as súas funcións e competencias, a dirección e a coordinación das actuacións relacionadas coa posta en valor cultural e turístico do Camiño de Santiago, a súa promoción, a xestión da imaxe corporativa do Xacobeo e da rede de albergues, e o mantemento e a conservación dos camiños e da súa sinalización, así como calquera outra acción que redunde en beneficio do Camiño de Santiago. Así mesmo, e conforme o establecido no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 15 de decembro de 2025, a Axencia de Turismo de Galicia é a entidade encargada do exercicio das facultades para a execución material dos plans e programas relacionados co Xacobeo 2027.
Esta convocatoria enmarcarase nos obxectivos de actuación da Axencia de Turismo de Galicia e os recollidos no Plan director dos Camiños de Santiago 2022-2027, máis concretamente, nos obxectivos 6 e 7 deste plan director nos cales se recollen específicamente «Implicar poboación, territorio e produtos de proximidade na promoción da singularidade local» e a «Preservación e potenciación dos valores dos Camiños de Santiago», mentres que na liña de actuación 13 Dinamización dos Camiños a Santiago, se recolle como obxectivo a «preparación da programación de actividades con motivo do Xacobeo 2027», reto en que se enmarca a presente convocatoria cuxo obxectivo é a promoción de actividades dirixidas á difusión, divulgación e promoción do Camiño de Santiago, e do patrimonio material e inmaterial vinculado a el, prestando especial atención ás actividades culturais que promovan a participación, a reflexión e o debate cidadán.
Trátase dunha convocatoria aberta a entidades privadas e a entidades sen ánimo de lucro, coa intención de fomentar a participación de todos os axentes da sociedade; impulsando proxectos que permitan fomentar os valores e a cultura xacobea a través de iniciativas que conecten a sociedade e o territorio baixo os principios de desenvolvemento sostible do territorio a través da cultura, o turismo, o patrimonio, a investigación e o respecto ao ambiente; promovendo o afianzamento dos valores que definen a cultura xacobea e procurando transcender a propia celebración do Ano Santo a través de accións que se consoliden no tempo e que permitan promover o intercambio cultural e a reflexión en relación co Camiño de Santiago, mediante accións responsables co emprego dos recursos públicos e o retorno económico sobre o territorio, respondendo ás demandas da sociedade actual.
Para lograr estes obxectivos establécense dúas liñas diferenciadas, unha para persoas físicas (traballadores autónomos) e persoas xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que están comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme), e outra para entidades sen ánimo de lucro, que poden presentar novos proxectos no ámbito artístico, gastronómico, de patrimonio, de pensamento, deportivo e social que contribúan á dinamización de Santiago de Compostela como punto de chegada dos camiños, así como de Galicia no seu conxunto.
En consecuencia, e con cargo aos créditos da Axencia de Turismo de Galicia asignados para esta finalidade, e todo isto consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 95 da dita lei e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da devandita lei, e de conformidade coa competencia conferida polo artigo 19 dos estatutos da Axencia de Turismo de Galicia, aprobados polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro,
RESOLVO:
1. Convocatoria e bases reguladoras.
1.1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases específicas, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a proxectos de dinamización e promoción do Xacobeo 2027 (programa O teu Xacobeo) (código de procedemento TU300A), e proceder á súa convocatoria con carácter plurianual (2026-2027).
1.2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro, serie L).
2. Solicitudes.
2.1. Para poder ser persoa beneficiaria das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá xunto cos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.
2.2. As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos no artigo 5 das bases reguladoras.
3. Prazo de duración do procedemento de concesión.
Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.
O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos catro (4) meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
4. Información ás persoas interesadas.
Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia de Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:
a) A páxina web oficial da Axencia de Turismo de Galicia: https://www.turismo.gal/canle-profesional/promocion-do-sector/axudas-e-subvencions
b) A páxina web https://sede.xunta.gal/portada, introducindo no buscador o código de procedemento TU300A.
c) Os teléfonos 981 54 63 64 e 981 54 74 05.
d) O enderezo electrónico: fomento.turismo@xunta.gal
5. Réxime de recursos.
Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia de Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.
6. Base de datos nacional de subvencións.
De conformidade co establecido nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
7. Entrada en vigor.
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2026
José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia
ANEXO I
Bases reguladoras específicas para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a proxectos de dinamización e promoción do
Xacobeo 2027 (programa O teu Xacobeo) (código de procedemento TU300A)
Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto incentivar proxectos de promoción e dinamización dos valores e da cultura xacobea, promovendo a riqueza cultural, natural e humana do Camiño de Santiago dentro do Xacobeo 2027 (código de procedemento TU300A).
Os proxectos deberán fomentar o diálogo ao redor deste grande itinerario cultural europeo, dando a coñecer o patrimonio cultural xacobeo como fonte de inspiración para a creación artística contemporánea, impulsar o desenvolvemento das áreas rurais do Camiño de Santiago ou fomentar o coñecemento do patrimonio relacionado co Camiño de Santiago entre os máis novos a través da celebración de mostras, publicacións, creacións artísticas ou audiovisuais, obradoiros, xornadas, encontros, foros, actividades deportivas, mostras gastronómicas, festivais e eventos de formación e intercambio de pensamento, entre outros.
2. Os proxectos que se van subvencionar ao abeiro desta convocatoria deberán desenvolverse no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e deberán executarse e xustificarse do seguinte modo:
– Gastos de 2026: desde o 1 de xullo de 2026 ata o 30 de novembro de 2026.
– Gastos de 2027: desde o 1 de xaneiro de 2027 ata o 30 de novembro de 2027.
3. As actividades desenvolveranse dentro dos seguintes ámbitos e disciplinas:
• Ámbito artístico:
– Artes visuais.
– Deseño e moda.
– Cinema e documental.
– Música: clásica, popular, tradicional, músicas do mundo e outras.
– Artes escénicas: teatro, danza, novo circo e outras.
• Ámbito de patrimonio e pensamento:
– Patrimonio material: arquitectura, arqueoloxía, etnografía, xeografía, topografía e outras, sempre e cando se trate de proxectos de divulgación académica, quedando excluídos aqueles que consistan na realización de obras propiamente ditas ou traballos de campo.
– Patrimonio inmaterial: antropoloxía, tradicións, oficios, artesanía, gastronomía, enoloxía e outros.
– Cultura científica e editorial: publicacións, conferencias, estudos, foros, seminarios, intercambios con expertos, xornadas formativas, libros.
• Ámbito deportivo:
– Torneos.
– Eventos deportivos especiais.
– Actividades dirixidas, ao aire libre, e relacionadas co benestar e coa vida activa, respectuosa coa contorna e coa natureza.
• Ámbito social:
– Programas de voluntariado en todas as súas dimensións.
– Programas sociais e educativos no campo da igualdade, da inclusión social e da participación cidadá.
4. As subvencións obxecto destas bases divídense en dúas categorías ou liñas, en atención ás entidades solicitantes:
Liña 1. Persoas físicas (traballadores autónomos) e persoas xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que están comprendidos na definición de pequena e mediana empresa (peme).
Liña 2. Entidades sen ánimo de lucro: entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro (entidades locais excluídas).
5. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e quedará suxeito ao Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro, serie L).
6. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado no parágrafo anterior, as solicitudes serán examinadas por unha comisión avaliadora, que se axustará aos principios contidos na sección 3ª, capítulo I, título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
Artigo 2. Financiamento, contía das subvencións e compatibilidade
1. As subvencións previstas nesta resolución financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 04.A2.761A.770.0, proxecto 2015 00005 (liña 1) e 04.A2.761A.781.0, proxecto 2015 00005 (liña 2), previstas nos orzamentos da Axencia de Turismo de Galicia para os anos 2026 e 2027, co seguinte detalle:
|
Liñas |
Aplicación orzamentaria |
2026 |
2027 |
Total |
|
Liña 1 |
04.A2.761A.770.0 |
700.000 € |
1.300.000 € |
2.000.000 € |
|
Liña 2 |
04.A2.761A.781.0 |
300.000 € |
700.000 € |
1.000.000 € |
|
1.000.000 € |
2.000.000 € |
3.000.000 € |
||
A modificación da distribución establecida no punto anterior requirirá a tramitación do correspondente reaxuste de anualidades no expediente de gasto, segundo se establece nos artigos 26 e 27 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
2. De conformidade co disposto no artigo 30 do citado regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cabe a posibilidade de ampliar o crédito cando o aumento veña derivado das causas establecidas no seu punto 2. O citado incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias sinaladas e, de ser o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.
Nestes casos publicarase a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.
Así mesmo, poderá alterarse a distribución entre os créditos establecidos no punto 1 deste artigo para cada unha das liñas sen que tal alteración precise dunha nova convocatoria. A estes efectos, deberán realizarse as modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que na convocatoria, segundo se dispón no artigo 31 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.
3. A determinación da contía das subvencións farase en atención ás liñas establecidas no artigo 1 e segundo os seguintes criterios:
Establécense unhas porcentaxes máximas de financiamento dos proxectos e unha achega máxima por proxecto segundo se establece no seguinte cadro:
|
Entidades privadas |
Máximo 60 % do orzamento subvencionable |
Ata 25.000 € |
|
Entidades sen ánimo de lucro |
Máximo 80 % do orzamento subvencionable |
Ata 25.000 € |
Para a determinación do orzamento subvencionable detraeranse do orzamento presentado os gastos non subvencionables.
4. As subvencións reguladas nesta resolución serán compatibles con calquera outra subvención, axuda, ingreso ou recurso que, para o mesmo proxecto ou finalidade leve financiamento con cargo aos créditos da Axencia de Turismo de Galicia e doutros organismos públicos ou privados, independentemente do fondo de procedencia e a súa tipoloxía (subvención directa, bonificación de xuros...).
En ningún caso o importe da axuda concedida máis o importe doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, poderá ser superior ao custe das actuacións obxecto do proxecto subvencionado.
5. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao Regulamento (UE) 2023/2831 relativo ás axudas de minimis, deberase garantir que, no caso de recibir as persoas beneficiarias outras axudas baixo este réxime de minimis, non se supera o límite de 300.000 euros durante calquera período de tres (3) anos. Este límite aplicarase independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido.
Artigo 3. Persoas beneficiarias
1. Poderán participar nesta convocatoria segundo as categorías ou liñas que se establecen no artigo anterior:
Liña 1. Persoas físicas (traballadores autónomos) e persoas xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que están comprendidos na definición de pequena e mediana empresa (peme).
Así mesmo, poderán presentarse solicitudes por agrupacións de persoas físicas e/ou xurídicas, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Liña 2. Entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro (excepto entidades locais).
Así mesmo, poderán presentarse solicitudes por agrupacións de entidades sen ánimo de lucro, de conformidade co disposto no citado artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. Non se permitirá a presentación de máis dun proxecto por solicitante e por anualidade. As datas dos proxectos a desenvolver non poderán coincidir coas festas oficiais ou tradicionais do lugar de celebración.
3. Os requisitos para ser persoa beneficiaria deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación das solicitudes.
Artigo 4. Gastos subvencionables e subcontratación
1. Teñen a consideración de gastos subvencionables, que terán que xustificarse polas persoas ou entidades beneficiarias de conformidade co disposto nestas bases reguladoras, aqueles gastos que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen para a anualidade 2026 entre o 1 de xullo de 2026 e o 30 de novembro de 2026 e para a anualidade do 2027, entre o 1 de xaneiro de 2027 e o 30 de novembro de 2027. O custe da adquisición dos gastos subvencionables non poderá ser superior ao valor de mercado.
2. En ningún caso serán subvencionables:
– Os gastos ordinarios de funcionamento e mantemento da entidade.
– Gastos relativos aos salarios de persoal propio.
– Gastos protocolarios, incluíndo obsequios.
– Dotación de premios, tanto en metálico coma en especie, ou trofeos.
– Imprevistos (todas as partidas deben ser concretas e estar claramente identificadas co obxecto da subvención no apartado doutros gastos do anexo IV).
– Investimentos e adquisicións de material inventariable, equipamentos ou calquera outro gasto que supoña un incremento para o patrimonio da persoa beneficiaria.
– O imposto sobre o valor engadido (IVE).
– Os gastos excluídos no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. As persoas beneficiarias poderán subcontratar o 50 % da actividade subvencionada nos termos establecidos no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 5. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá a persoa beneficiaria para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días, e indicaralle que, se así non o fixer, se lle terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
3. O prazo de presentación de solicitudes será, para a anualidade 2026, dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Para a anualidade de 2027, o prazo de presentación de solicitudes será desde o 1 de outubro ata o 31 de outubro de 2026.
Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.
4. No caso de que a solicitude sexa presentada por unha agrupación, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberán facerse constar naquela os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se aplicará por cada un deles. Deberá nomearse ademais un/unha representante ou apoderado/a único/a da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, corresponden á agrupación.
A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
5. As persoas ou entidades solicitantes deberán declarar responsablemente, tal e como consta no anexo II:
a) Se en relación con outras subvencións, axudas, recursos ou ingresos concedidos ou solicitados, solicitou, ou non, ou se recibiu, ou non, algunha outra subvención, axuda, recurso ou ingreso para o mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita a subvención.
b) Se se solicitou, ou non, ou se recibiu, ou non, algunha axuda de minimis.
c) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
d) Que se compromete a cumprir a normativa estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións.
e) Que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas, previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
f) Que se compromete a cumprir as obrigas e requisitos que se sinalan no artigo 19 das bases reguladoras.
g) Que a empresa solicitante cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L124, do 20 de maio), e se encadre na seguinte categoría:
– Microempresa: empresa que ocupa menos de 10 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros.
– Pequena empresa: empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros.
– Mediana empresa: empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non exceda 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non supera os 43 millóns de euros.
h) Que o proxecto non está iniciado o 1 de xullo de 2026 para os proxectos da anualidade de 2026, ou o 1 de xaneiro de 2027 para os proxectos da anualidade 2027.
No caso das agrupacións, estas declaracións emitiranse con base nas emitidas polos respectivos representantes de cada unha das entidades que a integran. Estas declaracións orixinais deberán quedar en poder da entidade representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.
Artigo 6. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación, segundo o modelo do anexo II:
1.1. Documentación administrativa:
a) Escritura de constitución.
b) Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.
c) Se a persoa solicitante é unha persoa xurídica, certificado do acordo de solicitude de axuda ou da autorización da persoa que asine en nome da entidade.
d) No caso de agrupacións, instrumento xurídico que regule a agrupación.
1.2. Documentación do proxecto:
a) Ficha xeral identificativa do proxecto ou actuación.
– Promotor.
– Nome do proxecto.
– Descrición do proxecto (máximo 10 liñas).
– Lugar de celebración.
– Datas de celebración.
b) Memoria detallada xustificativa, cunha extensión recomendada de 10 folios, podendo achegar fotografías ou gráficos aparte, pero que permita en todo caso unha definición exacta do proxecto ou actuación que se vai realizar.
Obrigatoriamente deberá conter a explicación clara e concisa de como o proxecto cumpre cos criterios a valorar, seguindo para esta redacción a mesma orde que se establece no punto 1 do artigo 12 (criterios de valoración) desta convocatoria. A dita memoria deberá conter ademais a xustificación dos aspectos puntuables que se sinalan no anexo III.
c) Anexo III que recolle aspectos, criterios e subcriterios de valoración puntuables de xeito obxectivo. A puntuación máxima destes criterios obxectivos son:
A. Desenvolvemento rural, inclusión e accesibilidade: ata 9 puntos.
B. Dinamización do Camiño: ata 5 puntos.
C. Calidade do contido e as actividades: ata 20 puntos.
D. Comunicación e difusión: ata 8 puntos.
Non serán obxecto de valoración os aspectos puntuables non xustificados suficientemente.
d) O orzamento desagregado, sen IVE, no que consten as partidas concretas e clasificadas, segundo o modelo do anexo IV.
e) As tres ofertas de diferentes provedores consonte ao artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de ser o caso.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no punto anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Sen prexuízo do disposto no parágrafo 1, a Axencia de Turismo de Galicia poderá requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e a resolución do procedemento.
As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.
6. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria achegaranse á Comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido nestas bases.
Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na que se indicarán as causas desta.
Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 8. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados por outras administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– DNI/NIE da persoa solicitante.
– DNI/NIE da persoa representante.
– NIF da entidade solicitante.
– NIF da entidade representante.
– Certificado de estar ao día no pagamento das súas obrigas coa Seguridade Social.
– Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).
– Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.
– Consulta de inhabilitacións de subvencións e axudas.
– Consulta de subvencións e axudas públicas afectadas pola regra de minimis.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 9. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 10. Órganos competentes
1. A Xerencia da Axencia de Turismo de Galicia é o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión destas axudas.
A devandita instrución rematará coa proposta de resolución que se elevará á persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia, e na cal se recollerá o informe emitido pola Comisión de Valoración prevista no artigo seguinte.
2. Corresponderalle á persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia ditar a resolución de concesión das subvencións con indicación do nome das persoas beneficiarias e a contía que lles corresponde.
Artigo 11. Comisión de Valoración
1. As solicitudes serán valoradas en réxime de concorrencia competitiva, conforme os criterios de adxudicación e baremación previstos nestas bases, por unha comisión de valoración que emitirá un informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada.
2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:
Presidencia: a persoa que ocupe a Xerencia da Axencia de Turismo de Galicia.
Vogalías:
– A persoa que ocupe a Secretaría de Coordinación Económica e Administrativa.
– A persoa que ocupe a Dirección de Admón. e RR. Amigos do Camiño ou persoa en que delegue.
– Un/unha experto/a nomeado/a pola Dirección da Axencia de Turismo de Galicia.
Secretaría: a persoa que ocupe a xefatura da Área de Fomento da Axencia de Turismo de Galicia.
3. Os/as suplentes, de ser o caso, serán designados/as pola Axencia de Turismo de Galicia.
4. No informe que formule a Comisión figurarán de xeito individualizado: a relación de proxectos para os que se propón a concesión da axuda, coa identificación, en relación con cada proxecto, da avaliación que lles corresponde, segundo os criterios recollidos no artigo seguinte; da persoa beneficiaria e o importe e porcentaxe da subvención proposta. De ser o caso, contará cunha lista dos proxectos admitidos que non acadasen subvención polo esgotamento do orzamento dispoñible. Así mesmo, expresará, de xeito motivado, a relación de proxectos para os que non se propón a concesión de subvención, por falta de documentación ou por non reunir os requisitos.
5. Con base no informe da Comisión, o órgano instrutor poderá emitir propostas sucesivas de concesión, ben por dispor de crédito por producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente propostos ou ben por incremento do orzamento inicialmente destinado a esta subvención.
Artigo 12. Criterios de valoración
1. Os criterios que se empregarán para a valoración das solicitudes terán aspectos puntuables, tanto automáticos ou obxectivos coma subxectivos, cun máximo de 52 puntos totais. Divídense nos 5 grupos seguintes:
|
Criterios |
Definición |
Máximo de puntos |
|
A. Desenvolvemento rural, inclusión e accesibilidade |
Contribución dos proxectos aos ditos obxectivos |
9 |
|
B. Dinamización do Camiño |
Alcance da actividade |
5 |
|
C. Calidade do contido e das actividades |
Como se implementa o contido na práctica |
20 |
|
D. Comunicación e difusión |
Cal é o enfoque de comunicación das actividades e en que medida contribúe á difusión dos valores e obxectivos asociados a Xacobeo 27 |
8 |
|
E. Viabilidade e sostibilidade do proxecto (criterio subxectivo) |
Implementación efectiva e sostibilidade |
10 |
|
Total |
52 |
|
Aqueles proxectos que na suma da valoración dos criterios establecidos nos puntos anteriores obteñan menos de 20 puntos sobre o máximo de 52, serán descartados.
A. Desenvolvemento rural, inclusión e accesibilidade (ata 9 puntos).
Esta epígrafe avalía ata que punto o proxecto se axusta a criterios de contribución ao desenvolvemento rural e de inclusión e accesibilidade.
• A1. Que contribúan ao desenvolvemento das áreas rurais, especialmente os municipios de menos de 5.000 habitantes, de cara a aumentar a sensibilidade cidadá en relación coa relevancia dos valores do Camiño de Santiago e/ou o intercambio cultural entre a poboación local e os peregrinos/as e/ou visitantes (máximo de 6 puntos).
– Desenvolvemento rural: 1 punto.
– Localización en municipios de menos de 5.000 habitantes: 4 puntos.
– Valores do Camiño e intercambio cultural coa poboación local: 1 punto.
• A2. Que as accións dirixidas a públicos diversos impulsen a inclusión, a accesibilidade e o achegamento do feito xacobeo ao público novo, aos maiores e a colectivos desfavorecidos (desempregados, inmigrantes, persoas con discapacidade, en risco de exclusión…) (máximo de 3 puntos):
– Público novo: 1 punto.
– Maiores: 1 punto.
– Colectivos desfavorecidos: 1 punto.
B. Dinamización do Camiño de Santiago (ata 5 puntos non acumulables).
A convocatoria pretende dinamizar os concellos que forman parte do Camiño de Santiago, polo que se valorará a itinerancia da actividade e/ou o impulso de múltiples actividades ao longo dun ou máis municipios dos diferentes Camiños e as súas variantes en Galicia:
• B1. Desenvólvese en polo menos un municipio do Camiño de Santiago (máximo de 1 punto).
• B2. Desenvólvese entre 2 e 4 municipios do Camiño de Santiago (máximo de 4 puntos).
• B3. Desenvólvese en 5 ou máis municipios do Camiño de Santiago (máximo de 5 puntos).
C. Calidade do contido e das actividades (máximo de 20 puntos).
Este punto avalía de que maneira se implementa o proxecto na práctica, incidindo no nivel de definición das actuacións previstas no marco da convocatoria.
Os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na puntuación deste punto, segundo o ámbito de actuación en que se enmarquen, serán os seguintes criterios obxectivos:
• C1. Que se axuste á audiencia proposta: 1 punto.
• C2. Que impulse o talento emerxente: 1 punto.
• C3. Que incorpore artistas e/ou creadores galegos na súa programación: 1 punto.
• C4. Que as actividades programadas inclúan figuras de repercusión e traxectoria recoñecidas, valorando aquelas que sexan notorias a nivel internacional ou nacional. Máximo 4 puntos, non acumulables:
– Só repercusión nacional (2 puntos).
– Repercusión nacional e internacional (4 puntos).
• C5. Que sexa multidisciplinar, é dicir, combina máis dunha das disciplinas admisibles na convocatoria: 2 puntos.
• C6. Que a proposta dispoña de solucións de accesibilidade para persoas con discapacidade: 1 punto.
• C7. Que se prevexan protocolos de respecto ao ambiente, a través de accións de medición e compensación do impacto do evento ou con campañas de sensibilización sobre o respecto ao ambiente. Máximo 2 puntos:
– Accións de medición e compensación: 1 punto.
– Activación de campañas de sensibilización: 1 punto.
• C8. Que recolla accións de participación cidadá: voluntariado, implicación activa da cidadanía no deseño ou na execución da actividade. Máximo 2 puntos:
– Voluntariado: 1 punto.
– Implicación da cidadanía: 1 punto.
• C9. Que se desenvolva en espazos públicos: 2 puntos.
• C10. Que as accións fomenten o equilibrio de xénero e a igualdade ou que presente unha programación en que, polo menos, o 50 % dos/das creadores/as, artistas ou participantes sexan mulleres: 1 punto.
• C11. Que o desenvolvemento da actividade estea calendarizado de xeito claro e o máis preciso posible. 2 puntos.
• C12. Emprego da lingua galega no desenvolvemento e execución do proxecto: 1 punto.
D. Comunicación e difusión (máximo de 8 puntos).
As propostas deberán incluír información detallada das accións que se pretenden poñer en marcha para asegurar a promoción efectiva das actividades. Valorarase o emprego da lingua galega no plan de comunicación e a difusión do plan de comunicación por canles dixitais:
• D1. Valorarase o emprego da lingua galega tamén no plan de comunicación (3 puntos).
• D2. Que o plan de comunicación prevexa a difusión en canles dixitais (5 puntos).
E. Viabilidade e sostibilidade do proxecto (criterios subxectivos: máximo de 10 puntos).
Esta epígrafe valora a viabilidade e sostibilidade do proxecto e a capacidade do solicitante para executar as actividades propostas.
Valorarase:
• E1. A adecuación do orzamento presentado aos obxectivos da actividade, ao contido proposto e aos prezos reais de mercado (máximo de 3 puntos).
• E2. A adecuación do equipo de traballo respecto ás actividades a desenvolver en canto a (máximo de 7 puntos):
–Tamaño e composición.
– Experiencia de traballo conxunto.
– Experiencia na liña de traballo similar ao proxecto a realizar.
– Resultados e cumprimento de obxectivos doutras actividades anteriores.
2. Se os fondos dispoñibles nesta convocatoria non fosen suficientes para conceder axudas a todas as solicitudes que acaden a puntuación mínima, concederanse por orde decrecente de puntuación ata o límite do crédito dispoñible.
Se por aplicación dos criterios de valoración dúas ou mais solicitudes acadasen igual puntuación e non existira crédito suficiente para atendelas a todas, atenderanse aquelas solicitudes cuxo importe solicitado fose menor.
Artigo 13. Audiencia
1. Efectuada a avaliación, a Comisión fará un informe co seu resultado, en vista do cal o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución provisional debidamente motivada que deberá ser notificada ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez (10) días, poidan formular alegacións de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Porén, poderase prescindir do trámite ao que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas pola persoa interesada. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.
Artigo 14. Resolución
1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elaborará a proposta de resolución definitiva que elevará á persoa titular da Axencia de Turismo de Galicia para a súa resolución. A dita proposta conterá a relación de expedientes instruídos, establecida por rigoroso orde de incoación, e nela indicarase o número de expediente, denominación e NIF do representante das entidades agrupadas, data de presentación da solicitude, a actuación subvencionable e a contía da subvención proposta, ou ben a causa da proposta de denegación ou inadmisión, segundo corresponda.
2. A persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a persoa solicitante á que se lle concede a subvención, a actuación subvencionada, así como a subvención concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a causa de inadmisión ou denegación da solicitude.
3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución á persoa interesada será de catro (4) meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.
4. As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.
Artigo 15. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 16. Réxime de recursos
As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente resolución de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia de Turismo de Galicia. O prazo para a interposición do recurso de reposición será dun mes, se o acto for expreso. Transcorrido o dito prazo, unicamente poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, de ser o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel no que, de acordo coa súa normativa específica, se producise o acto presunto.
b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis (6) meses contados a partir do seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.
Artigo 17. Modificación da resolución
1. Unha vez ditada a resolución de concesión, as persoas beneficiarias poderán solicitar a modificación do seu contido sempre que se produza unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención por circunstancias sobrevidas con posterioridade á resolución de concesión e sempre que se cumpran, en todo caso, os seguintes requisitos:
1º. Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.
2º. Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.
3º. Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supoñan a denegación da axuda ou subvención.
2. En todo caso, a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto do proxecto subvencionado e non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas, nin cambiar aspectos de valoración fundamentais no desenvolvemento da actividade. Tampouco pode supoñer modificación da contía da subvención concedida.
3. A persoa ou entidade beneficiaria deberá solicitar a modificación con carácter inmediato no momento no que se produzan as circunstancias sobrevidas, xunto cunha memoria xustificativa, do orzamento modificado, a relación e a identificación concreta dos cambios introducidos, así como da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite dun mes antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento subvencionado, sen prexuízo do disposto no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Axencia de Turismo de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente no que se lle dará audiencia ás persoas interesadas nos termos previstos no artigo 13.
Artigo 18. Renuncia
A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo V, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a persoa titular da Axencia ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada lei.
Artigo 19. Obrigas das persoas beneficiarias
a) Cumprir o obxectivo e realizar o proxecto subvencionado, de conformidade coa solicitude presentada e, de ser o caso, ao modificado coa autorización da Axencia de Turismo de Galicia. Deberán executar polo menos o 40 % do proxecto.
b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión da subvención.
c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Axencia de Turismo de Galicia, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
d) Acreditación con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, de estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
e) Comunicarlle á Axencia de Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais. Estas comunicacións deberanse efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
f) As persoas beneficiarias deberán dar a publicidade adecuada do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
En concreto, deberá facerse constar na súa publicidade, incluída a realizada a través de páxinas web, ou na información que xeren en relación co proxecto subvencionado, o financiamento dos seus proxectos pola Xunta de Galicia dentro do programa Xacobeo 2027. Para estes efectos deberán incluír o logotipo da Xunta de Galicia e do Xacobeo 2027, de conformidade co Manual de identidade corporativa da Xunta de Galicia e manual de uso da marca Xacobeo 2027 (https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/introducion).
Así mesmo, as persoas beneficiarias deberán incluír nas súas accións promocionais o logotipo da Xunta de Galicia e da marca Xacobeo 2027, de conformidade co Decreto 112/2021, do 22 de xullo, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia e co Decreto 3/2026, do 26 de xaneiro, polo que se regula a utilización da marca Xacobeo 2027. Os logotipos poderán descargarse na ligazón https://www.turismo.gal/marca01
Os folletos e outras publicacións tamén deberán incluír na contraportada o logotipo da Xunta de Galicia e da marca Xacobeo 2027, seguindo as indicacións do manual de uso.
As persoas beneficiarias obrigaríanse tamén, de ser o caso, a incorporar na súa publicidade o distintivo corporativo das empresas ou entidades que realicen doazóns para a execución deste programa, xunto coa imaxe do Xacobeo 2027, conforme as indicacións da Axencia de Turismo de Galicia.
En todo caso, a publicidade do proxecto debe respectar a guía de publicidade non sexista elaborada pola Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista, órgano dependente do Observatorio Galego de Violencia de Xénero. A citada publicidade non poderá atentar a dignidade da persoa ou vulnerar os valores e dereitos recollidos na Constitución, especialmente aqueles a que se refiren os artigos 18 e 20.4.
Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta da persoa beneficiaria.
g) As persoas beneficiarias quedan obrigadas a reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido pola subvención concedida, así como os correspondentes xuros de mora devindicados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:
– Por incumprimento dos compromisos e das obrigas relacionados neste artigo.
– Por obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.
– Por incumprimento total ou parcial do obxectivo da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.
– Por resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou privado.
– Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.
Artigo 20. Xustificación da subvención
1. As persoas beneficiarias terán que presentar a solicitude de cobramento asinada segundo o modelo do anexo VI, xunto coa documentación que a seguir se indica:
a) Memoria económica do custo das actividades realizadas que conterá:
a.1) Relación clasificada e ordenada dos gastos e investimentos da actividade, con indicación do acredor, nº de factura, concepto do gasto, o seu importe, data de emisión e data de pagamento, consonte o modelo do anexo VII. De ser o caso, indicaranse as desviacións producidas no orzamento que serviu de base ao seu outorgamento.
a.2) Facturas, que deberán especificar a que concepto corresponden segundo o investimento que serviu de base para a concesión da subvención, xunto coas certificacións bancarias ou, na súa falta, as copias das ordes de transferencia que xustifiquen o seu pagamento.
En ningún caso se admitirán xustificantes ou facturas de pagamento con data anterior á data de inicio das actuacións subvencionables. As facturas ou xustificantes non poderán ser anteriores ao período subvencionable que, no caso da anualidade de 2026, é desde o 1 de xullo de 2026 ata o 30 de novembro de 2026 e, no caso da anualidade de 2027, será desde o 1 de xaneiro de 2027 ata o 30 de novembro de 2027.
Non se admitirán como xustificantes de gasto albarás, notas de entrega, facturas pro forma, tíckets cando sexa obrigatoria a expedición de factura, nin as facturas que non conteñan todos os requisitos citados para a súa consideración como tal ou cuxa data non se axuste aos prazos citados.
Unha partida do orzamento auxiliable poderá xustificarse mediante unha ou varias facturas relativas aos conceptos de gasto incluídos na dita partida, sempre que a dita partida admita a desagregación en distintos conceptos.
b) Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actuacións realizadas. Deberá incluír fotos ilustrativas da execución da actividade ou do proxecto efectuado, e da inclusión da marca Xacobeo 27 nos soportes publicitarios da actividade ou proxecto (folletos, páxina web, etc.).
c) Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e da súa procedencia.
d) De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) Anexo VII: conta xustificativa.
f) Anexo VIII: modelo de declaracións actualizado. No caso das agrupacións do artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberá achegarse unha declaración por cada unha das entidades agrupadas.
2. A data límite para presentar a xustificación das actuacións subvencionables será, para a anualidade de 2026, o 30 de novembro de 2026 e, para as actividades da anualidade de 2027, será o 30 de novembro de 2027. O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas.
Só se considerará gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado na normativa reguladora da subvención.
Se a persoa beneficiaria xustifica conceptos e elementos subvencionables aprobados que representen menos do 40 % do importe da actuación subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención. Se a xustificación é superior ao 40 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, a persoa beneficiaria percibirá a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou os obxectivos para os cales se concedeu a axuda.
3. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e as demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso ditarase a oportuna resolución, nos termos establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro.
4. Cando a persoa beneficiaria da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a súa concesión, que non alteren esencialmente a natureza ou os seus obxectivos, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei de subvencións de Galicia, téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.
Artigo 21. Pagamento
1. Unha vez recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Axencia, antes de procederen ao seu pagamento, realizarán as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.
Procederá a minoración da subvención concedida cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, e sempre que esta minoración, debidamente xustificada pola entidade beneficiaria, non supoña unha realización deficiente da actuación subvencionada.
2. Previamente ao pagamento deberá acreditarse que as persoas beneficiarias se atopan ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, así como que non son debedoras por resolución de procedencia de reintegro.
Para tales efectos, a persoa solicitante deberá achegar certificación de estar ao día nas citadas obrigas no caso de que se opoña á consulta ou denegue expresamente que se soliciten polo órgano xestor, de conformidade co disposto no artigo 8.2. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que as persoas beneficiarias teñen débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase a persoa solicitante ou beneficiaria para que regularice a situación e presente por si mesma o correspondente certificado.
Artigo 22. Incumprimento, reintegros e sancións
1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, darán lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de mora correspondentes.
2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e á súa normativa de desenvolvemento.
3. No caso de agrupacións, o incumprimento dalgunha das obrigas asumidas por un membro da agrupación, o reintegro afectará toda a agrupación.
4. Procederá o reintegro total ou parcial das subvencións percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
5. No caso de que as persoas beneficiarias incumpran algunha das obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Axencia de Turismo de Galicia poderá iniciar, de ser o caso, un procedemento sancionador, de conformidade co previsto no título IV da dita lei.
Artigo 23. Control
1. A Axencia de Turismo de Galicia poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.
2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e á súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.
Artigo 24. Publicidade
No prazo máximo de tres (3) meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, persoa beneficiaria ou programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.
Igualmente, será aplicable o réxime de publicidade establecido na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
As persoas interesadas poderán facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Así mesmo, en cumprimento do disposto nos artigos 18 e 20.8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións, que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.
Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000 €), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Axencia de Turismo de Galicia.
Así mesmo, a solicitude para ser persoa beneficiaria da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda e Administración Pública, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 25. Remisión normativa
É de aplicación o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento; no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 y 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 2831, do 15 de decembro).
