DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Xoves, 26 de marzo de 2026 Páx. 20037

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 6 de marzo de 2026 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a promoción exterior da industria audiovisual e dos videoxogos de Galicia, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento CT404D).

BDNS (Identif.): 894215.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/894215

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias desta convocatoria as persoas que se describen a seguir, sempre que desenvolvan a súa actividade maioritariamente en Galicia e cumpran cos requisitos establecidos nestas bases:

a) As persoas físicas (autónomas) e xurídicas privadas que estean constituídas como empresa produtora audiovisual, produtora de videoxogos ou distribuidora audiovisual, que desenvolvan a súa actividade baixo as epígrafes 961.1 e 962.1 do IAE ou 582.1 e 620 da CNAE.

b) As persoas físicas (autónomas) e xurídicas privadas que estean constituídas como empresa produtora baixo a epígrafe 961.1 do IAE, sempre que poidan acreditar un mínimo dun 20 % de propiedade da obra audiovisual do proxecto que se presenta a esta convocatoria.

c) As persoas físicas que figuren como responsables da dirección, ou do guión, da obra audiovisual do proxecto que se presenta a esta convocatoria.

Segundo. Finalidade

Determinar as condicións de concesión das subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a promoción exterior da industria audiovisual e dos videoxogos de Galicia que se convocan para o ano 2026.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 6 de marzo de 2026 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a promoción exterior da industria audiovisual e dos videoxogos de Galicia, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento CT404D).

Cuarto. Importe

Estas subvencións financiaranse con cargo aos créditos orzamentarios da Axencia Galega das Industrias Culturais asignados para esta finalidade no orzamento de 2026, na aplicación orzamentaria 2026.13.A1.432B.470.0, co código de proxecto 2015-00003, por importe de 80.000 euros.

Quinto. Prazos de presentación de solicitudes

Os prazos para a presentación das solicitudes serán:

– Para eventos que se celebren entre o 16 de novembro de 2025 e o 31 de maio de 2026, iniciarase unha vez transcorridos cinco días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ás 9.00 horas, e estará aberto como máximo ata o 1 de xuño de 2026, ás 20.00 horas. No caso de que o día de inicio do prazo sexa inhábil, o prazo comezará o día hábil seguinte.

– Para eventos que se celebren entre o 1 de xuño de 2026 e o 31 de outubro de 2026, o prazo iniciarase o día 2 de xuño de 2026, ás 9.00 horas, e estará aberto ata o 15 de outubro de 2026, ás 20.00 horas.

Presentarase unha solicitude para cada evento.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2026

José Carlos López Campos
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais