DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Xoves, 26 de marzo de 2026 Páx. 20039

III. Outras disposicións

Universidade de Vigo

EXTRACTO da Resolución do 24 de marzo de 2026 pola que se convocan axudas propias para a mobilidade de persoal investigador no ano 2026.

BDNS (Identif.): 893690.

De acordo co disposto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria, cuxo texto completo se pode atopar na Base de datos nacional de subvencións:

(https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/893690).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Grupo 1:

– Alumnado de doutoramento. Quen sexa beneficiaria ou beneficiario dunha axuda de apoio á etapa predoutoral non poderá solicitar axuda para a mesma estadía para a que ten concedido financiamento autonómico ou estatal.

Grupo 2:

– Persoal investigador contratado no marco de calquera programa competitivo de persoal investigador predoutoral en formación que se atopen no período de orientación posdoutoral (POP).

Segundo. Obxecto

Esta convocatoria está prevista no Plan estratéxico de subvencións da Universidade de Vigo e ten como obxecto financiar parcialmente as estadías en centros de investigación, ou empresas no caso de programas coa mención de «Doutoramento industrial», de fóra de Galicia do persoal investigador que cumpra os requisitos sinalados, co obxectivo de contribuír ao intercambio de coñecemento e á mellora e internacionalización da súa actividade investigadora.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 24 de marzo de 2026 pola que se convocan axudas propias para a mobilidade de persoal investigador no ano 2026.

Cuarto. Contía

A contía total do crédito destinado a estas axudas será de cen mil euros (100.000 €) con cargo á aplicación orzamentaria 2026 00VI 131H 481.02.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Desde o día 25 de marzo ata o 15 de abril de 2026.

Vigo, 24 de marzo de 2026

O reitor da Universidade de Vigo
P.D. (Resolución do 30.5.2024; DOG do 10 de xuño)
Belén Rubio Armesto
Vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación