DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Venres, 27 de marzo de 2026 Páx. 20135

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 21/2026, do 16 de marzo, polo que se aproba o cambio de denominación do Ilustre Colexio Oficial de Procuradores de Vigo, que pasa a denominarse Ilustre Colexio da Procura de Vigo.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A propia lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996, do 13 de setembro, estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, funcións que se asignaron á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade, Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo a estrutura establecida no Decreto 59/2023, do 14 de xuño).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón, no seu artigo 13, que o cambio de denominación dun colexio profesional será por iniciativa do propio colexio, e a súa aprobación realizarase mediante decreto do Consello da Xunta.

Dando cumprimento á dita disposición, o Colexio acordou na Asemblea Xeral Extraordinaria do 21 de novembro de 2025, conforme o quórum e maiorías previstos nos seus Estatutos, o cambio da denominación.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade do cambio de denominación presentado, en uso das facultades que me foron conferidas, por proposta do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de marzo de dous mil vinte e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1. Cambio da denominación

Aprobar o cambio de denominación do Ilustre Colexio Oficial de Procuradores de Vigo, que pasa a denominarse Ilustre Colexio da Procura de Vigo.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais e os seus Consellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de marzo de dous mil vinte e seis

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes