I
A Comunidade Autónoma de Galicia, no exercicio das competencias normativas en materia de tributos cedidos, vén establecendo deducións específicas a través da Lei de medidas fiscais e administrativas de Galicia, co obxectivo de apoiar as familias e favorecer a igualdade de oportunidades no acceso á educación obrigatoria.
Con esa finalidade, axudar ás familias galegas no gasto derivado da escolarización dos descendentes matriculados en centros docentes sostidos con fondos públicos, o artigo 2.Cinco da Lei 5/2025, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, engade un novo punto, o vinte e cinco, ao artigo 5 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, relativo á dedución pola adquisición de libros de texto e material escolar, dedución que se aplica a todas aquelas familias galegas que non sexan beneficiarias da participación no fondo solidario de libros de texto e/ou da percepción de axudas públicas para a adquisición de libros de texto e material escolar e que teñan unha renda per cápita igual ou inferior a 30.000,00 €.
Esta dedución toma como base o gasto realizado na adquisición de libros de texto e na adquisición de material escolar e establece un límite conxunto de 105 €. Polo tanto, esta dedución ten dous compoñentes e a lei establece que, mediante orde, a persoa titular da consellaría competente en materia de facenda concretará as categorías ou os elementos e os límites dun deses compoñentes, o material escolar, para a aplicación da dedución.
No uso da habilitación prevista e co fin de dotar de seguridade xurídica tanto os contribuíntes como a propia Administración tributaria, resulta necesario delimitar con precisión que bens se consideran material escolar e cales son os límites aplicables a eles para os efectos da dedución fiscal.
II
Esta orde está composta de catro artigos, dunha disposición adicional única e dunha disposición derradeira única.
Esta norma responde aos principios de boa regulación previstos na normativa vixente. Así, a orde atende aos principios de eficacia, xerarquía, descentralización, desconcentración e coordinación que, de conformidade co disposto no artigo 103.1 da Constitución española, deben presidir a actuación administrativa, e adecúase aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia que establece o artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e aos principios de simplicidade e accesibilidade recollidos tamén no artigo 37 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.
Deste xeito, en aplicación dos principios de necesidade e eficacia, a norma persegue un interese xeral por canto desenvolve o establecido no punto vinte e cinco do artigo 5 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado. En cumprimento, ademais, dos principios de accesibilidade, de transparencia e de proporcionalidade, identifícanse claramente os obxectivos perseguidos coa norma e esta é o instrumento previsto para tal efecto no devandito artigo. En aplicación do principio de eficiencia, a norma racionaliza a xestión dos recursos públicos e, en virtude dos principios de simplicidade e de seguridade xurídica, a norma garda coherencia co resto do ordenamento xurídico, pois recolle as modificacións necesarias, é a canle adecuada para facelo e xera un marco normativo estable, predicible, integrado, claro e certo, co obxectivo de que sexan fáciles o seu coñecemento e a súa comprensión.
O texto da orde foi sometido ao trámite de información pública no Portal de transparencia e goberno aberto. Así mesmo, conta con todos os informes preceptivos, incluídos o informe de sustentabilidade económico-financeira emitido pola Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico, o informe da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade e o informe da Asesoría Xurídica.
Por todo isto, conforme o exposto, de acordo co establecido no artigo 37.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e en virtude da habilitación establecida no artigo 5.Vinte e cinco do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia,
ACORDO:
Artigo 1. Obxecto
Esta orde ten por obxecto concretar as categorías e os elementos do concepto de material escolar e establecer os criterios e límites para a súa aplicación na dedución fiscal pola adquisición do dito material no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 5.Vinte e cinco do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo.
Artigo 2. Definición de material escolar
1. Enténdese por material escolar o conxunto de bens funxibles, instrumentos e recursos didácticos necesarios para o seguimento das ensinanzas nos niveis de educación primaria, secundaria obrigatoria e educación especial impartidos en centros docentes sostidos con fondos públicos.
2. Inclúense nese concepto:
– Cadernos de actividades.
– Cadernos, blocs, carpetas, arquivadores e papel de uso escolar.
– Instrumentos de escritura: bolígrafos, lapis, rotuladores, gomas, afía lapis, regras, compases, escuadras e cartabóns.
– Material de debuxo e manualidades: pinturas, pinceis, plastilina, tesoiras escolares, cola.
– Mochilas e estoxos.
– Libros de lectura establecidos polo centro educativo.
– Dicionarios.
– Calculadoras básicas exixidas polo currículo.
– Material escolar deportivo: roupa e calzado deportivo para a materia de educación física.
Artigo 3. Exclusións
Non terán a consideración de material escolar para os efectos da dedución fiscal:
– Dispositivos electrónicos de uso xeral (ordenadores, tabletas, teléfonos móbiles).
– Uniformes, agás os referidos á roupa deportiva para a materia de educación física.
– Servizos complementarios (comedor, transporte escolar, actividades extraescolares).
– Material de carácter recreativo non vinculado ao currículo.
Artigo 4. Límite do gasto
O límite máximo do gasto total en material escolar por período impositivo será de 300 €. No caso da categoría de material escolar deportivo, ese límite será de 150 €.
Disposición adicional única. Aplicación da dedución no período 2025
O disposto nesta orde aplícase na dedución pola adquisición de libros de texto e material escolar na cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente ao período impositivo 2025, unicamente sobre os importes correspondentes ás adquisicións recollidas nas facturas emitidas entre o 1 de xullo e o 31 de decembro, ambos os dous incluídos.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2026
Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública
