DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Martes, 31 de marzo de 2026 Páx. 20635

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

EXTRACTO do Anuncio do 20 de marzo de 2026, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, polo que se fan públicas as datas, as horas e os lugares para o levantamento de actas previas á ocupación dos bens e dereitos afectados polas instalacións de produción de enerxía eléctrica do proxecto denominado parque eólico Olerón, nos concellos de Rois e Brión, promovido por Norvento, S.L.U. (expediente IN661A/2010/12).

Mediante a Resolución do 13 de febreiro de 2026, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, outorgouse a declaración de utilidade pública á modificación do proxecto do parque eólico Olerón, sito nos concellos de Rois e Brión (A Coruña) e promovido por Norvento, S.L.U. (expediente IN661A/2010/12). Esta resolución publicouse no DOG núm. 41, do 3 marzo de 2026.

A declaración de utilidade pública, segundo o previsto no artigo 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, implica a necesidade de ocupar os bens ou adquirir os dereitos afectados e a súa urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

En virtude do anterior, de conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, as persoas afectadas coas cales non se alcanzou acordo deberán comparecer o día 22 de maio de 2026 na Casa do Concello de Brión, das 9.00 ás 14.00 horas.

Esta relación permanecerá exposta, para os efectos oportunos, no taboleiro de anuncios do Concello de Brión, así como na páxina web oficial desta consellería:

https://medioambiente.xunta.gal/enerxias-renovables/outros-anuncios

Ás persoas afectadas tamén se lles remitirá unha citación individual, na cal se indicarán expresamente o día e a hora asignados para o levantamento de actas previas á ocupación. Así mesmo, o calendario de actuacións permanecerá exposto no taboleiro de anuncios do Concello de Brión. Todas as persoas interesadas, así como as que teñan calquera tipo de dereitos ou intereses sobre os bens, deberán comparecer persoalmente ou ser representadas por unha persoa debidamente autorizada, achegarán os documentos que acrediten a súa titularidade e poderán asistir acompañadas dos seus peritos e dun notario por conta propia.

Así mesmo, advírteselles a todas as persoas interesadas que poderán formular alegacións ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático ata o momento do levantamento de actas previas, para os únicos efectos de emendar posibles erros que se cometesen ao relacionar os bens afectados pola urxente ocupación, segundo establece o artigo 56 do Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2026

Paula María Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático