En cumprimento do establecido no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e no artigo 199 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei do solo de Galicia, faise público que o Pleno do Concello, na sesión do 5 de marzo, acordou a aprobación definitiva do estudio de detalle sobre as aliñacións en relación co proxecto de edificio de vivenda na praza Ponte Friol, tramitado por solicitude de Desarrollo Inmobiliario Friol, S.L.
Ten por finalidade resolver a implantación dun novo edificio de vivendas conforme o planeamento municipal, respectando unha servidume de paso pola estrema sueste, adaptando aliñacións e contribuíndo á mellora do espazo público mediante a creación dun soportal accesible en planta baixa. A proposta cumpre integramente coas normas subsidiarias de planeamento do concello, Regulamento de planeamento de Galicia, Orde TMA/851/2021 en materia de accesibilidade, Código técnico da edificación e Lei do hábitat de Galicia. Constitúe desenvolvemento do planeamento xeral vixente ao completar ou reaxustar aliñacións e rasantes que non están completamente fixadas no planeamento, respecto dos viarios que naquel se recollen. A solución adoptada, en canto supón soamente completar aliñacións ou rasantes, intégrase nos aspectos ambientais do planeamento xeral, e non xorden discrepancias no proceso de aprobación ao non presentarse alegacións nin reclamacións no trámite de información pública realizado de conformidade co establecido na lexislación reguladora.
De conformidade co disposto no artigo 199 do Regulamento de planeamento urbanístico, o contido do plan á disposición do público figurará no enderezo electrónico friol.sedeelectronica.gal e procederase a súa inscrición no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
Contra o acordo, definitivo en vía administrativa, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Segundo o disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1988, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación, sen prexuízo de calquera outro recurso que considere conveniente, ou do exercicio das accións que procedan ante a xurisdición competente.
Friol, 9 de marzo de 2026
José Ángel Santos Sánchez
Alcalde
