Na sesión da Xunta de Goberno local do 10.2.2026 adoptouse o acordo para conceder a Organiza Nigrán, S.L. a licenza municipal de obras para a execución dun campamento de turismo. Este acordo foi completado e corrixido por outro posterior do mesmo órgano do 3.3.2026, quedando a parte dispositiva redactada do xeito que segue:
«Primeiro. Outorgar a Organiza Nigrán, S.L. a licenza municipal de obras para a execución dun campamento de turismo de 25 cabanas de madeira e zona de recepción, así como aparcadoiro e camiños peonís que conecten as cabanas, en dúas fases, nunha parcela con referencias catastrais 54035A02400207, 54035A02400129 e 54035A02400118, situada no Camiño do Lavadoiro, Grolos, Nigrán, de acordo coas determinacións contidas nos proxectos de execución refundidos achegados o 26.1.2026 (fase 1, visado colexial desa mesma data) e 28.1.2026 (fase 2, visado colexial desa mesma data), que deberá respectar os seguintes condicionamentos:
1. En ningún caso deberán excederse os seguintes límites na edificación proxectada:
Altura da edificación: 7 m.
Superficie ocupada: 1.639,37 m².
Superficie construída total: 1.639,37 m².
Número de vivendas autorizadas: ningunha.
Uso: campamento de turismo (artigo 35.1.d) LSG).
2. Antes do inicio das obras deberá presentarse ante o Concello a seguinte documentación:
a) Oficio de dirección da execución material das obras e da coordinación de seguridade e saúde.
b) De conformidade co establecido no artigo 59.c) do RSG, farase constar no Rexistro da Propiedade a vinculación da superficie exixible á construción e ao uso autorizados, expresando a indivisibilidade e as concretas limitacións ao uso e á edificabilidade impostas polo título habilitante de natureza urbanística ou a autorización autonómica.
Para estes efectos, declárase a vinculación urbanística da parcela á construción e ao uso autorizados, así como a súa indivisibilidade.
Xa que logo, con carácter previo ao inicio das obras, o interesado achegará a certificación do Rexistro da Propiedade en que se acredite a constancia expresa destas previsións.
Para os efectos do previsto no precepto citado e no artigo 27 do Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, do texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana, deberá facerse constar no Rexistro da Propiedade a seguinte inscrición:
“O titular ou titulares da parcela e os promotores da actividade quedan obrigados ante o Concello de Nigrán a cumprir todos os condicionantes contidos na licenza de obras outorgada no expediente 6663/2023, entre os cales se atopan, sen carácter exhaustivo, os seguintes:
1. A parcela deberá dedicarse integramente ao uso de campamento de turismo (artigo 35.1.d) LSG).
2. As condicións construtivas serán as sinaladas nos proxectos autorizados mediante a licenza de obras.
3. Deberá conectarse aos servizos urbanísticos existentes.
4. A conexión provisional aos servizos de abastecemento e saneamento municipal manterase unicamente durante a execución da obra e polo prazo máximo dun ano desde a notificación da licenza. A autorización poderá prorrogarse tras a oportuna solicitude mentres as obras non estean finalizadas, supeditada á vixencia da licenza de obras. Non poderá comezar o uso da obra para a finalidade autorizada mentres os servizos teñan carácter provisional. Para proceder á conexión definitiva aos servizos, o interesado deberá dispoñer da correspondente licenza de primeira ocupación.
A transmisión da parcela non modificará a situación do titular ou titulares respecto dos deberes do propietario, conforme o establecido na lexislación estatal do solo e na lexislación da ordenación territorial e urbanística aplicable, ou exixibles por actos de execución desta. O novo titular quedará subrogado nos dereitos e deberes do anterior propietario, así como nas obrigacións asumidas por este ante a Administración competente”.
A falta de inscrición das condicións anteriores no Rexistro da Propiedade pode constituír unha infracción administrativa.
Igualmente, con carácter previo á solicitude da licenza de primeira ocupación deberán realizarse as actualizacións correspondentes no Catastro inmobiliario.
3. A actividade de restauración autorízase exclusivamente como servizo complementario para as persoas aloxadas no campamento (conforme o Decreto 159/2019, do 21 de novembro, polo que se establece a ordenación dos campamentos de turismo): Queda terminantemente prohibido o seu funcionamento como establecemento de hostalaría de pública concorrencia aberto ao exterior.
4. Deberá implantarse de xeito efectivo o protocolo en materia de accesibilidade descrito nas memorias dos proxectos autorizados. A propiedade deberá garantir en todo momento a posibilidade de acceso rodado ata a plataforma da recepción e aloxamento adaptado para persoas con mobilidade reducida, asegurando un itinerario horizontal e continuo desde o desembarco do vehículo ata as zonas de uso accesible.
5. Durante a execución das obras deberase manter o balizamento de protección das masas arbóreas e respectar a prohibición de vertedura de augas pluviais á rede de saneamento municipal.
6. De conformidade co previsto no punto 1.4.12 das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Nigrán:
a) Gardaranse as precaucións e medidas de seguridade no traballo exixidas pola normativa vixente.
b) O promotor será responsable fronte ao Concello dos danos que se poidan ocasionar nas vías públicas ou nos servizos municipais.
c) Se as obras que se executen afectan servizos de carácter xeral ou público, os propietarios comunicaránllelo por escrito ás empresas correspondentes ou entidades administrativas, con oito (8) días de antelación ao seu inicio. No dito prazo as empresas ou entidades deberán tomar as medidas oportunas para evitar danos propios ou a terceiros, dos que serán responsables desde a finalización do prazo mencionado.
d) Os entullos e provisións de materiais non poderán amorearse na vía pública nin apoiarse nas cercas ou muros de cerramento.
e) As estadas auxiliares da construción deberán executarse baixo dirección facultativa competente e serán dotadas das precaucións necesarias para evitar que os materiais e ferramentas de traballo poidan caer á rúa, onde se colocarán os sinais de precaución que en cada caso sexan convenientes.
f) Colocarase unha cerca provisional de protección dun mínimo de dous metros de altura, executada en materiais que ofrezan seguridade e conservación decorosa, e que se situará na aliñación oficial permitindo o uso da beirarrúa en condicións de seguridade.
7. O informe de impacto ambiental emitido mediante a Resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade do 30.12.2025 (expediente 2025/0148) conclúe que non son previsibles efectos significativos sobre o ambiente e, polo tanto, non se considera necesario someter o proxecto á avaliación de impacto ambiental ordinaria.
Este informe establece que no desenvolvemento do proxecto se aplicarán as medidas protectoras, correctoras e de vixilancia ambiental propostas na documentación presentada polo promotor na tramitación ambiental, tendo en conta, así mesmo, unha serie de condicións que complementan, matizan ou subliñan as anteriores e que se recollen no punto 4º, Condicións ambientais, da aludida resolución.
8. Con carácter previo á utilización do inmoble para o uso pretendido formularase a preceptiva comunicación previa de primeira ocupación, para o cal se presentará a documentación exixida legal e regulamentariamente.
9. Igualmente, con carácter previo ao inicio da actividade, unha vez que teña efectos a comunicación previa de primeira ocupación, formularase unha comunicación previa que incorporará a declaración expresa de que se cumpren todos os requisitos para o exercicio da actividade e de que o local e as instalacións reúnen as condicións de seguridade, salubridade e as demais previstas no planeamento urbanístico. Para tal efecto, facilitaranse os datos de identificación da persoa titular e a referencia da licenza urbanística que ampara a obra realizada, así como o certificado final da obra asinado por un técnico competente e o certificado acústico.
Todo isto sen prexuízo da necesidade de obter os restantes títulos habilitantes que poida exixir a normativa sectorial para o inicio da actividade en cuestión, nomeadamente a lexislación en materia de turismo.
10. A actividade desenvolverase de conformidade coa lexislación vixente, co contido da comunicación previa e o proxecto e restante documentación técnica achegada, e coas seguintes condicións:
A. Cumpriranse os requisitos exixidos pola normativa de aplicación e manteranse as medidas correctoras precisas para o correcto desenvolvemento da actividade durante o tempo do seu exercicio.
B. Con carácter previo ao inicio da actividade obterá as autorizacións ou licenzas exixibles, formulará as comunicacións previas ou declaracións responsables e practicará as inscricións nos rexistros administrativos que procedan, cando aquelas se deban obter ou realizar en administracións públicas ou organismos distintos do Concello.
C. Ao tratarse dunha actividade continuada, axustarase ás exixencias derivadas da nova normativa que vaia entrando en vigor, logo da obtención das autorizacións que, de ser o caso, resulten necesarias para tal finalidade.
D. Comunicaranse ao Concello os cesamentos no exercicio da actividade e os cambios na súa titularidade.
11. Segundo o artigo 357.6 do RSG, deberase dispoñer a pé de obra dunha copia autorizada da licenza municipal. Igualmente, colocarase na dita obra un cartel indicador en que se farán constar o nome e apelidos dos técnicos directores e do contratista, a ordenanza de aplicación, os usos a que se vai destinar a construción, a data de expedición da licenza, o prazo de execución das obras, o número de andares autorizados e o número do expediente municipal.
12. A licenza enténdese concedida salvo o dereito de propiedade e sen prexuízo de terceiros.
13. Deberase dar cumprimento ás condicións impostas na normativa sectorial que resulte aplicable e, se for preceptiva, deberanse obter as correspondentes autorizacións que deban conceder organismos distintos do Concello por razón da materia, ou formular ante eles as comunicacións previas ou declaracións responsables que resulten exixibles.
14. Declararase a caducidade da licenza, logo do procedemento instruído con audiencia do interesado, polo transcurso dos seguintes prazos (artigo 145 da LSG):
a) Se non comezan as obras no prazo de seis meses contado desde o día seguinte ao da notificación do outorgamento da licenza municipal.
b) Se, estando iniciadas, estivesen interrompidas polo mesmo período.
c) Se aos tres anos as obras non estivesen rematadas. Neste suposto deberá solicitar unha nova licenza para as obras que falten por executar (..)».
Nigrán, 6 de marzo de 2026
Juan Antonio González Pérez
Alcalde
