No Diario Oficial de Galicia número 5, de 9 de xaneiro de 2026, publicouse a Orde do 19 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para silvicultura produtiva de coníferas e para actuacións silvícolas con obxectivos ambientais e non produtivos en frondosas e na rehabilitación de soutos de castiñeiros, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común de España para o período 2023-2027, e se convocan para o ano 2026.
O obxecto da convocatoria é establecer as bases que regulan as axudas para silvicultura produtiva de coníferas e para actuacións silvícolas con obxectivos ambientais e non produtivos en frondosas e na rehabilitación de soutos de castiñeiros, en réxime de concorrencia competitiva, e convocalas para o ano 2026 (código de procedemento MR605C).
Nesta orde inclúense as seguintes intervencións contidas no Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027 (PEPAC), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader):
a) Intervención 6883-Investimentos forestais produtivos.
• Subintervención 6883_02-Investimentos forestais produtivos_2, que financia actuacións de silvicultura produtiva de coníferas (liña I).
b) Intervención 6881.4-Investimentos forestais non produtivos en actuacións silvícolas con obxectivos ambientais.
• Subintervención 68814_05-Silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos, que financia actuacións non produtivas de silvicultura de frondosas (liña II).
• Subintervención 68814_06-Silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos + uso público, que financia actuacións de rehabilitación de soutos de castiñeiros (liña III).
Obsérvase que varios artigos desta orde poderían dar lugar a diferentes interpretacións, polo que procede modificalos.
En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, en uso das facultades que me confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,
DISPOÑO:
Artigo 1. Modificación da Orde de 19 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para silvicultura produtiva de coníferas e para actuacións silvícolas con obxectivos ambientais e non produtivos en frondosas e na rehabilitación de soutos de castiñeiros, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común de España para o período 2023-2027, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento MR605C)
A Orde do 19 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para silvicultura produtiva de coníferas e para actuacións silvícolas con obxectivos ambientais e non produtivos en frondosas e na rehabilitación de soutos de castiñeiros, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común de España para o período 2023-2027, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento MR605C), queda modificada do seguinte xeito:
Un. A letra h) do artigo 2, Ámbito de aplicación, queda redactada do seguinte xeito:
«h) Os terreos que foron obxecto dunha axuda no marco da Orde do 30 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para silvicultura produtiva de coníferas e para actuacións silvícolas con obxectivos ambientais e non produtivos en frondosas e na rehabilitación de soutos de castiñeiros, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común de España para o período 2023-2027, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR605C)».
Dous. O punto 7 do artigo 3, Beneficiarias, queda redactado do seguinte xeito:
«7. As agrupacións forestais de xestión conxunta (AFXC) deberán estar inscritas no correspondente rexistro, de acordo co establecido na Orde do 26 de abril de 2022 pola que se desenvolve a tramitación electrónica das solicitudes para o recoñecemento como agrupación forestal de xestión conxunta (código de procedemento MR608B). Porén, de acordo co previsto no artigo 3.1 desta orde, tamén poderán acollerse a esta liña aquelas agrupacións que presentasen a solicitude de inscrición dentro do prazo de presentación das solicitudes de axuda. Neste segundo caso, deberán figurar inscritas no devandito rexistro antes do pagamento da axuda».
Tres. O segundo parágrafo do punto 1 do artigo 4, Intensidade e compatibilidade da axuda, queda redactado como segue:
«A concesión da axuda será incompatible con outras subvencións para o mesmo obxecto e superficie».
Catro. O segundo parágrafo do punto 2 do artigo 4, Intensidade e compatibilidade da axuda, queda redactado como segue:
«A concesión da axuda será incompatible con outras subvencións para o mesmo obxecto e superficie».
Cinco. O ordinal 3º do artigo 5, Actuacións obxecto de axuda e condicións técnicas específicas para a liña I (Subintervención 6883_02-Investimentos forestais produtivos_2, que financia actuacións de silvicultura produtiva de coníferas), queda modificado do seguinte xeito:
«3º. Na superficie forestal poboada con especies obxecto de axuda subvenciónanse as actuacións do módulo de silvicultura produtiva de coníferas, conforme o establecido no anexo VIII desta orde».
Seis. Os ordinais 4º e 5º do artigo 5, Actuacións obxecto de axuda e condicións técnicas específicas para a liña I (Subintervención 6883_02-Investimentos forestais produtivos_2, que financia actuacións de silvicultura produtiva de coníferas), quedan redactados do seguinte xeito:
«4º. O módulo de silvicultura produtiva de coníferas é finalista, é dicir, ao finalizar as execucións das actuacións do módulo, o terreo obxecto de axuda debe estar rozado, os pés que se deixen para a corta final deben ter unha poda alta, debe estar realizado o primeiro rareo segundo o formulado no informe técnico sobre os rareos e o establecido no modelo silvícola de adhesión, ou no modelo específico ou propio coa mesma orientación e finalidade que este, e os restos dos tratamentos deben estar triturados ou extraídos do terreo.
5º. As condicións, os requisitos técnicos e as actuacións do módulo de silvicultura produtiva de coníferas reflíctense no anexo VIII desta orde».
Sete. O artigo 6, Actuacións obxecto de axuda e condicións técnicas específicas para a liña II (Subintervención 68814_05-Silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos, que financia actuacións non produtivas de silvicultura de frondosas), queda redactado do seguinte xeito:
«Para a liña II (Subintervención 68814_05-Silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos, que financia actuacións non produtivas de silvicultura de frondosas), as condicións de subvencionalidade son as seguintes:
1º. Será obxecto de subvención a execución das actuacións do módulo de silvicultura non produtiva de frondosas necesarias para a xestión forestal activa das masas de frondosas de especies relacionadas no anexo I da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, agás masas da especie Castanea sativa mill. e Castanea x hybrida (que son obxecto da liña III), con destino a consolidar unha masa de frondosas, así como as necesarias nas masas de frondosas xa consolidadas.
2º. Os terreos obxecto de axuda deberán estar poboados con algunha especie de frondosas que cumpra as condicións indicadas no punto primeiro, e sobre as cales se poida aplicar algún dos seguintes modelos silvícolas QR1, QR2, QP2, QS1, BC1, PA1, PFMV, PF2, SEF e XFAS establecidos na Orde do 19 de maio de 2014 pola que se establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia, modificada pola Orde do 9 de febreiro de 2021.
Tamén poden ser obxecto de axuda os terreos poboados con algunha das especies de frondosa que cumpra as condicións indicadas no punto primeiro, ás cales se poidan aplicar os modelos silvícolas específicos ou propios que teñan a mesma orientación e finalidade que os modelos indicados no parágrafo anterior.
3º. Na superficie forestal poboada con especies obxecto de axuda subvenciónanse as actuacións do módulo de silvicultura non produtiva de frondosas necesarias para a xestión forestal activa das masas de frondosas indicada no ordinal 1º, conforme o establecido no anexo IX desta orde.
4º. As condicións, os requisitos técnicos e as actuacións do módulo de silvicultura non produtiva de frondosas reflíctense no anexo IX desta orde».
Oito. O punto 1.1 da liña III-A (silvicultura básica para rehabilitación de soutos de castiñeiros) do artigo 7, Actuacións obxecto de axuda e condicións técnicas específicas para a liña III (Subintervención 68814_06-Rehabilitación de soutos), queda redactado do seguinte xeito:
«1º. Será obxecto de subvención a execución das actuacións do módulo de silvicultura básica para rehabilitación de soutos de castiñeiros sobre masas de castiñeiros da especie Castanea sativa mill. e Castanea x hybrida cunha densidade mínima de 50 pés/ha se se aplica o MS CS3 e a establecida no modelo silvícola para o CS1 no caso de ser o que se aplica. Na solicitude da axuda poderán admitirse densidades menores á indicada cando a densidade final despois do tratamento sexa de 50 pés/ha; esta densidade poderase alcanzar con plantacións puntuais das especies Castanea indicadas.
2º. Os terreos obxecto de axuda deberán estar poboados con algunha especie das indicadas no punto primeiro, e sobre a cal se poida aplicar o modelo silvícola CS1 ou CS3, establecidos na Orde do 19 de maio de 2014 pola que se establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia.
Tamén poden ser obxecto de axuda os terreos poboados con algunha das especies indicadas no punto primeiro, ás cales sexa posible aplicar os modelos silvícolas específicos ou propios que teñan a mesma orientación e finalidade que os modelos indicados no parágrafo anterior.
3º. No terreo obxecto de axuda subvenciónanse as actuacións do módulo de silvicultura para a rehabilitación de soutos de castiñeiros, conforme o establecido no anexo X desta orde.
4º. As condicións, os requisitos técnicos e as actuacións do módulo de silvicultura básica para a rehabilitación de soutos de castiñeiros reflíctense no anexo X desta orde».
Nove. O punto 1.2 da liña III-B (silvicultura básica para rehabilitación de soutos de castiñeiros e podas de renovación de copas) queda redactado do seguinte xeito:
«1º. Será obxecto de subvención a execución de todas as actuacións do módulo de silvicultura básica para rehabilitación de soutos de castiñeiros e podas de renovación de copas sobre masas de soutos da especie Castanea sativa mill. e Castanea x hybrida cunha densidade mínima de 50 pés/ha. Na solicitude da axuda poderán admitirse densidades menores á indicada cando a densidade final despois do tratamento sexa de 50 pés/ha; esta densidade poderase alcanzar con plantacións puntuais das especies Castanea indicadas.
2º. Os terreos obxecto de axuda deberán estar poboados con algunha especie das indicadas no punto primeiro, e sobre as cales se poida aplicar o modelo silvícola CS3, establecido na Orde do 19 de maio de 2014 pola que se establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia.
Tamén poden ser obxecto de axuda os terreos poboados con algunha das especies indicadas no punto primeiro, ás cales sexa posible aplicar os modelos silvícolas específicos ou propios que teñan a mesma orientación e finalidade que os modelos indicados no parágrafo anterior.
3º. No terreo obxecto de axuda subvenciónanse as actuacións do módulo de silvicultura básica para a rehabilitación de soutos de castiñeiros e para podas de formación de copas, conforme o establecido no anexo X desta orde.
4º. As condicións, os requisitos técnicos e as actuacións do módulo de silvicultura básica para a rehabilitación de soutos de castiñeiros e podas de renovación de copas reflíctense no anexo X desta orde».
Dez. O punto 9 da letra a), Documentación xeral, do punto 1 do artigo 14, Documentación complementaria, queda redactado do seguinte xeito:
«a.9) Para a liña I (Subintervención 6883_02-Investimentos forestais produtivos_2, que financia actuacións de silvicultura produtiva de coníferas), de ser o caso, o número de inscrición no rexistro de silvicultor/a activo/a ou, pola contra, a solicitude de recoñecemento como silvicultor/a activo/a segundo o establecido na Orde do 26 de abril de 2022 pola que se desenvolve a tramitación electrónica das solicitudes para o recoñecemento como agrupación forestal de xestión conxunta (código de procedemento MR608B) e como persoa silvicultora activa (código de procedemento MR608C)».
Once. Modifícase a epígrafe Roza do anexo IX, Actuación do módulo de silvicultura non produtiva de frondosas e condicións e requisitos técnicos mínimos (Subintervención 68814_05) liña II, do seguinte xeito:
|
Actuación |
Requisitos técnicos e condicións técnicas mínimas |
|
Roza |
A roza será selectiva sobre o 100 % da superficie e, unha vez realizado o traballo, a altura da vexetación leñosa non poderá superar os 10 cm. A roza afectará preferentemente as especies heliófilas ou cuxo excesivo desenvolvemento poida comprometer a viabilidade do arboredo ou a biodiversidade das especies de subsolo da masa de frondosas. Se na superficie de actuación hai pés puntuais doutras especies arbóreas que non sexan frondosas autóctonas deberán eliminarse, salvo xustificación técnica. Ademais, é obrigatoria a eliminación de eucalipto (Eucalyptus sp.), acacia negra (Acacia melanoxylon), mimosa (Acacia dealbata) falsa acacia (Robinia pseudoacacia) e piñeiro (Pinus sp.). |
Doce. Modifícanse as medidas da placa no anexo XII da orde, Paneis e placas e inclúese a URL de acceso á Instrución AXR PEPAC 01/2023: información, publicidade e visibilidade.
Artigo 2. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Así mesmo, os solicitantes que presentaron a súa solicitude entre o 12 de xaneiro e o 20 de febreiro de 2026 poderán modificar a súa solicitude inicial dentro do prazo que establece esta orde.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2026
María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural

_fmt.png)