DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Martes, 7 de abril de 2026 Páx. 21265

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 3/2026, do 30 de marzo, de modificación da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, pola que se establecen medidas de prevención e protección integral contra a violencia no Sistema de saúde de Galicia.

Exposición de motivos

I

A violencia no lugar de traballo é recoñecida pola Organización Internacional do Traballo (OIT) como un perigo ocupacional, prevalecente en certas profesións, que debe ser prevido e evitado mediante políticas integrais de seguridade e de saúde, adoptando, para iso, as medidas de precaución correspondentes.

A propia OIT e a Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo recoñecen que as profesionais e os profesionais do ámbito sanitario están especialmente expostos a sufriren agresións e situacións de violencia, o que obriga a centrar, cada día máis, a atención dos poderes públicos.

Os profesionais e as profesionais son o principal activo do Sistema de saúde de Galicia e, porén, están a sufrir agresións de diferente tipo no exercicio da súa actividade laboral. Son situacións violentas que os poñen en risco e que lles poden provocar efectos nocivos, tanto na seguridade e na saúde da persoa afectada como no funcionamento do sistema sanitario no seu conxunto. Proba disto é que, de acordo cos datos extraídos dos sistemas de información de que dispón a Administración sanitaria de Galicia, no ano 2024, o número de profesionais do Servizo Galego de Saúde que comunicou algún tipo de violencia ascendeu a un total de 856 persoas, das cales 516 sufriron agresións verbais ou xestuais e 340 experimentaron violencia física. No mesmo intervalo temporal, atendendo ao nivel asistencial en que se produciron estes actos, resultou que na atención primaria e extrahospitalaria se detectaron 511 actos de violencia e no nivel de atención hospitalaria se contabilizaron 345 deses actos.

As agresións físicas ou verbais ás profesionais e aos profesionais no exercicio das súas funcións, por parte de pacientes, familiares ou acompañantes quebran o vínculo de confianza que debe existir no desenvolvemento das funcións de carácter sanitario e supoñen un motivo de preocupación para as profesionais e os profesionais e, por tanto, para todo o Sistema de saúde de Galicia.

A pesar de que na reforma operada no Código penal, no que atinxe ao tipo penal do delito de atentado respecto dos suxeitos pasivos deste, equipárase o funcionariado público como unha autoridade pública, coa consecuencia de as persoas agresoras enfrontaren penas de cárcere máis duras e indemnizacións maiores, o problema da violencia no contexto sanitario continúa a presentar unha tendencia crecente.

II

O problema descrito ten carácter sistémico, como o proba o feito de que no pleno da Comisión de Recursos Humanos do Sistema Nacional de Saúde, do 26 de xullo de 2017, se acordase a creación dun grupo de traballo que elaborase as bases dun sistema de información de agresións a profesionais do Sistema de saúde. En maio de 2018, constituíuse un grupo de traballo específico, e na falta dun sistema de información previo que recompilase, de forma homoxénea, os datos das agresións notificadas nos distintos servizos sanitarios, elaborouse un documento consensuado que integraba un conxunto mínimo de datos (CMD) de agresións a profesionais no ámbito sanitario, con base nos datos achegados polas comunidades autónomas e polo Instituto Nacional de Xestión Sanitaria.

Durante o ano 2023, estableceuse un subgrupo de traballo dedicado a analizar e a valorar as modificacións no CMD xa existente. Como resultado da iniciativa, foron introducidos novos parámetros no CMD para facilitar a recompilación de información. As modificacións propostas, así como as actualizacións nalgúns parámetros, foron consideradas adecuadas no conxunto do grupo de traballo no inicio de 2024 e, posteriormente, foron presentadas ante a Comisión Técnica Delegada da Comisión de Recursos Humanos do Sistema Nacional de Saúde, na súa sesión do día 26 de febreiro de 2024. Estaba previsto que a mudanza referida no CMD fose implementada xa no ano 2025.

No entanto, alén do cómputo de datos, existe unha realidade que afecta negativamente o desempeño profesional e que precisa de medidas concretas de carácter inmediato para reverter a tendencia alcista das agresións e para dar a protección necesaria aos principais activos do Sistema de saúde de Galicia.

Na nosa comunidade, a violencia de que é vítima o persoal do Sistema público de saúde de Galicia deu lugar a que, nos últimos anos, se deseñasen uns protocolos e se implementasen distintas medidas para atallar estas situacións, mais o certo é que desde a pandemia se produciron mudanzas sociais que requiren a actualización destas medidas e a ampliación de accións, pondo especial énfase nas de carácter preventivo.

De conformidade co artigo 4 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, enténdese por «prevención» o conxunto de actividades ou de medidas adoptadas ou previstas en todas as fases de actividade, co fin de evitar ou de diminuír os riscos derivados do traballo, considerándose como tales as doenzas, as patoloxías ou as lesións sufridas por causa ou por ocasión do traballo. Para tal efecto, o artigo 5 da lei citada establece como obxectivos da prevención a promoción da mellora das condicións de traballo dirixida a elevar o nivel de protección da seguridade e da saúde das persoas traballadoras, recoñecendo, no seu artigo 14, o dereito a unha protección eficaz na materia de seguridade e de saúde.

Para este efecto, o artigo 15 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, establece os principios da acción preventiva, entre os cales se atopan: evitar os riscos; avaliar aqueles que non se puideren evitar; combatelos na súa orixe; e planificar a prevención, tendo en conta o estado da técnica, a organización do traballo ou as relacións sociais, entre outros.

III

Por conseguinte, cómpre implementar medidas concretas para impulsar unha mudanza na tendencia actual. Isto comporta a realización das modificacións lexislativas necesarias e que, deseguido, se describen.

Esta lei consta dun artigo único con dezaseis puntos que abordan as modificacións que se indican.

Desa maneira, a primeira modificación afecta o artigo 3 do título preliminar e consiste en incorporar para os efectos desa lei o que se entende por «violencia no ámbito sanitario» e por «profesional do ámbito sanitario». Neste sentido, a Comunidade Autónoma de Galicia, coñecedora da realidade da violencia neste ámbito e co seu firme compromiso de impedir tales actuacións e de protexer os profesionais e as profesionais no desenvolvemento da súa actividade, considera fundamental estender as medidas de prevención e de protección fronte a estes actos de violencia a todo o Sistema sanitario de Galicia, con independencia da titularidade pública ou privada do centro de prestación de servizos, así como a todas as e a todos os profesionais que realizan a actividade sanitaria de carácter asistencial ou calquera outra que, sen ser estritamente asistencial, garde relación con esta actividade, como o transporte sanitario, entre outras. Igualmente, prevese neste mesmo punto que a representación e a defensa, por parte das letradas e dos letrados da Xunta, do persoal sanitario que sufrise actos de violencia sanitaria, nos casos en que proceder, rexerase polo disposto na Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público.

Modifícase tamén o artigo 15 do capítulo III do título I para reflectir, dentro dos deberes da cidadanía, ademais do deber xenérico de respecto ao persoal que presta os seus servizos no Sistema de saúde de Galicia, o deber de respecto da súa honra e do seu prestixio profesional. En correlación con ese deber, establécese o seu incumprimento como infracción sanitaria. Tamén se fai referencia á importancia da relación de confianza que debe existir entre o persoal sanitario que desenvolve funcións asistenciais e os pacientes e as pacientes e o modo en que certas condutas, como a gravación e a difusión a terceiros do contido desa relación, sen o consentimento ou mesmo contra a vontade expresa do profesional ou da profesional, poden ter consecuencias para ambas as partes, tanto desde o punto de vista deontolóxico como administrativo.

Engádese un artigo 39 ter, que fai referencia expresa e regula as implicacións e as consecuencias que, para os procedementos e as actuacións administrativas, terá a concorrencia destas respecto das actuacións iniciadas polos mesmos feitos na vía penal.

Por outra banda, modifícase o capítulo IV do título II, relativo ás infraccións e ás sancións. A redacción actual da lei trata conxuntamente condutas que deben ter distinto tratamento, como son a coacción ou a ameaza, que teñen o mesmo tratamento que a agresión ou calquera forma de violencia exercida sobre os profesionais ou as profesionais no exercicio das súas funcións. Para tal efecto, dáse un carácter diferenciado ás infraccións cometidas na materia de violencia no ámbito sanitario e, para este fin, recóllense diferentes condutas que son tipificadas como infracción leve, grave e moi grave, segundo o caso, cun artigo con entidade propia para cada un dos tipos e unha gradación das sancións en función da gravidade dos feitos.

Así, a modificación pretende dar un tratamento específico e diferenciado para as agresións e as demais actitudes violentas, de forma que se individualicen, se tipifiquen e se sancionen en función da súa gravidade, coa posibilidade de adoptar sancións accesorias e medidas provisionais específicas máis acaídas para este tipo de infraccións. Alén diso e consonte o preceptuado no artigo 28.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, prevese tamén, de xeito expreso, a posibilidade de que o órgano ao cal corresponda o exercicio da potestade sancionadora exixa á persoa infractora a reposición da situación alterada ao seu estado orixinal, ademais da indemnización correspondente polos danos e perdas causados. Isto traducirase, nestes casos, na obriga de se facer cargo dos gastos de asistencia sanitaria da vítima e, se for o caso, dos danos causados pola súa conduta infractora no mobiliario, nas instalacións ou no equipamento do centro sanitario, ou nas pertenzas ou efectos persoais da vítima.

Así mesmo, modifícase o capítulo X do título II, referido ao contrato de servizos sanitarios, para incorporar no punto 6 do artigo 74 a posibilidade de que o empregador ou a empregadora exixa a subscrición dun seguro que garanta a defensa xurídica e o resarcimento dos danos derivados dos actos de violencia sufridos polo persoal que presta servizos para o Sistema público de saúde de Galicia, a través dun contrato de servizos sanitarios, así como de que se dispoña dun plan de prevención e de formación na materia de violencia no ámbito sanitario, en termos equivalentes aos exixidos para o Servizo Galego de Saúde.

Tamén se aborda a modificación dos capítulos III, «Selección, provisión e promoción interna», e VI, «Saúde laboral», do título VIII, para garantir a mobilidade do persoal vítima de violencia no ámbito sanitario, ben como para introducir a figura do Plan de prevención contra a violencia no ámbito sanitario. Este plan efectuará unha avaliación integral previa do risco de danos por violencia en función de factores relevantes en cada centro, de cara a adoptar as medidas específicas que for preciso implantar, e obrigará a facilitar formación e información na materia.

Engádese un novo parágrafo ao artigo 119, «Saúde laboral», que recolle a posta á disposición do persoal vítima dun acto de violencia dos servizos específicos encargados de prestaren o apoio psicolóxico, que en cada caso se precise, e tamén de tramitaren as denuncias que se puideren presentar. Tamén se lle facilitará o asesoramento, a través da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, sobre as accións e as denuncias que cómpre interpor.

Engádese un artigo 119 bis, relativo ao Plan galego de prevención contra a violencia no ámbito sanitario, como un instrumento para garantir o dereito de todos os e de todas as profesionais a recibiren a asistencia e a protección das administracións públicas e dos servizos de saúde no exercicio da súa profesión ou no desempeño das súas funcións, de conformidade co previsto no artigo 17.h) da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, e que será aplicable en todos os centros asistenciais do Sistema público de saúde de Galicia e nos seus entes instrumentais vinculados.

Alén diso, prevese a creación dun rexistro galego de actos de violencia externa no ámbito sanitario, no cal se inscribirán e se rexistrarán todos os actos de violencia que foren sancionados. Para este efecto, engádese un artigo 119 ter en que se crea este rexistro.

Por outra banda, modifícase o capítulo I do título IX, «Docencia e formación», para os efectos de introducir medidas de formación específica para o persoal do Sistema público de saúde de Galicia, semellantes ás xa existentes sobre coñecementos e habilidades sanitarias e igualdade –previstas xa no punto 3 do artigo 125 da lei– e que teñan por obxecto situacións de emerxencia provocadas por pacientes con condutas violentas, a abordaxe de condutas desafiantes para o manexo de situacións, así como para coñecer os mecanismos e as técnicas de autocontrol ante agresións físicas e as técnicas de pausado e de control da situación. Para este fin, engádese un artigo 125 bis, relativo á implantación de medidas específicas de formación e de capacitación na materia de prevención da violencia no ámbito sanitario.

Completan o texto unha disposición adicional, referida á realización de campañas de sensibilización social; unha disposición derrogatoria; unha disposición transitoria para o mantemento da vixencia das medidas de prevención adoptadas; e dúas disposicións derradeiras, relativas ao desenvolvemento regulamentario e á entrada en vigor.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo, en nome do rei, a Lei de modificación da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, pola que se establecen medidas de prevención e protección integral contra a violencia no Sistema de saúde de Galicia.

Artigo único. Modificación da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia

A Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Engádese o punto 23 ao artigo 3, que terá a seguinte redacción:

«23. Violencia no ámbito sanitario: a violencia física, psíquica, verbal ou dixital, exercida por pacientes, familiares ou acompañantes contra as profesionais e os profesionais do ámbito sanitario, durante o exercicio das súas funcións ou con ocasión delas.

Para estes efectos, terá a condición de profesional do ámbito sanitario aquela persoa que realiza unha actividade sanitaria de carácter asistencial, de administración, de admisión, de traslado de pacientes, así como calquera outra que, sen ser estritamente asistencial, garde relación con esta actividade, en centros sanitarios, no domicilio da persoa usuaria, nos dispositivos de transporte sanitario ou de atención sanitaria urxente, así como o persoal con funcións de inspección de servizos sanitarios.

A representación e a defensa, por parte das letradas e dos letrados da Xunta, do persoal sanitario que sufrise actos de violencia sanitaria consonte o disposto nesta lei, nos casos en que proceder, axustarase ao disposto na Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público».

Dous. O punto 2 do artigo 15 queda redactado como segue:

«2. Manter o debido respecto ao persoal que presta os seus servizos no Sistema de Saúde de Galicia, así como á súa honra e ao seu prestixio profesional, absténdose de realizar actos que puideren supor unha lesión ou un menoscabo da súa seguridade e integridade física e moral ou da relación de confianza no desempeño das súas funcións. Para estes efectos, a gravación, sen o consentimento ou coa oposición expresa dos profesionais ou das profesionais que desenvolvan as súas funcións asistenciais, ben como a difusión das gravacións efectuadas durante a actuación profesional, entenderanse como unha quebra da relación de confianza, de forma que o persoal atinxido poderá suspender a asistencia, deixando constancia diso na historia clínica. En calquera caso, quedará garantida a atención sanitaria da persoa usuaria».

Tres. Engádese un punto 3 ao artigo 39 bis, que terá a seguinte redacción:

«3. Con independencia das sancións que lles foren impostas, os suxeitos responsables da comisión de infraccións en materia de violencia no ámbito sanitario están obrigados a repor as cousas ao seu estado anterior. Nestes casos, o órgano ao cal corresponda o exercicio da potestade sancionadora exixiralles o aboamento dos gastos de asistencia sanitaria da vítima, así como os que cubriren a reparación dos danos causados pola súa conduta infractora no mobiliario, nas instalacións ou no equipamento do centro sanitario, e igualmente a reparación dos danos materiais causados nas pertenzas ou nos efectos persoais da vítima».

Catro. Engádese un artigo 39 ter, que terá a seguinte redacción:

«Artigo 39 ter. Concorrencia co proceso penal

1. Se a persoa instrutora, en calquera momento do procedemento, considerar que os feitos sobre os que instrúe puideren ser constitutivos de ilícito penal, porao en coñecemento do órgano competente para resolver, o cal, se estima razoable a consideración da persoa instrutora, porá estes feitos en coñecemento do Ministerio Fiscal, solicitándolle o testemuño sobre as actuacións practicadas respecto da comunicación.

Igualmente, solicitarase ao Ministerio Fiscal a comunicación sobre as actuacións practicadas cando se tiver coñecemento de que se está a seguir un proceso penal sobre os feitos aos cales se refire o procedemento administrativo. Será solicitada a mesma comunicación cando o proceso penal se siga sobre os feitos que foren resultado ou consecuencia dos feitos a que se refire o procedemento administrativo.

2. Nos casos previstos no punto 1, cando, para a resolución do procedemento, for indispensable a obtención do pronunciamento previo do órgano xurisdicional penal, o transcurso do prazo máximo legal para resolver o procedemento e para notificar a resolución poderase suspender desde o momento no cal se solicite ao Ministerio Fiscal o testemuño sobre as actuacións practicadas, o que se notificará ás persoas interesadas, ata que a Administración tiver constancia do arquivo por parte do Ministerio Fiscal ou do pronunciamento que corresponda do órgano xurisdicional competente, o que tamén lles será notificado. En calquera caso, tras recibir a comunicación do Ministerio Fiscal que confirme a existencia de actuacións ante a xurisdición penal, o órgano competente para resolver o procedemento sancionador acordará a súa suspensión ata que recaia unha resolución xudicial firme.

3. A suspensión do procedemento administrativo sancionador non impide o mantemento das medidas cautelares adoptadas, sempre que sexan compatibles coas acordadas no proceso penal. Non se entenderán compatibles se as medidas cautelares penais son suficientes para conseguir os obxectivos cautelares considerados no procedemento administrativo sancionador.

O acto polo cal se manteñan ou se adopten as medidas cautelares deberá ser comunicado ao Ministerio Fiscal.

4. En calquera caso, os feitos declarados probados pola resolución xudicial penal firme vincularán os órganos administrativos respecto dos procedementos sancionadores que se tramiten.

A Administración revisará de oficio as resolucións administrativas fundadas en feitos contraditorios cos declarados probados na resolución penal, de acordo coas normas que regulan os procedementos de revisión de oficio».

Cinco. Engádese un artigo 41 ter, que terá a seguinte redacción:

«Artigo 41 ter. Infraccións leves en materia de violencia no ámbito sanitario

Tipifícanse como infraccións leves en materia de violencia no ámbito sanitario as seguintes:

a) A falta de respecto ou o insulto ás autoridades sanitarias e aos seus axentes e ás profesionais ou aos profesionais a que se refire o segundo parágrafo do punto 23 do artigo 3, ben como a quebra da relación de confianza durante o exercicio das súas funcións ou con ocasión destas, cando non constituíren unha infracción grave ou moi grave, sen prexuízo das consecuencias ou dos efectos procedentes desde o punto de vista penal e deontolóxico.

b) A realización de actos ou de condutas que alteren ou perturben o desenvolvemento normal da actividade asistencial ou o funcionamento ordinario dos centros sanitarios, cando non constituíren unha infracción grave ou moi grave.

c) A destrución, o menoscabo ou a deterioración das instalacións e equipamentos dos centros sanitarios ou dos medios de transporte sanitario, sempre que non afectaren o funcionamento ordinario do centro ou o desenvolvemento normal da actividade asistencial».

Seis. Engádese un artigo 42 ter, que terá a seguinte redacción:

«Artigo 42 ter. Infraccións graves en materia de violencia no ámbito sanitario

Tipifícanse como infraccións graves en materia de violencia no ámbito sanitario as seguintes:

a) A resistencia, as ameazas, a coacción, o acoso dixital ou o ciberacoso, o acoso psicolóxico e as represalias ás autoridades sanitarias ou aos seus axentes e aos profesionais ou ás profesionais a que se refire o segundo parágrafo do punto 23 do artigo 3, durante o exercicio das súas funcións ou con ocasión destas.

b) A destrución, o menoscabo ou a deterioración das instalacións e equipamentos dos centros sanitarios ou dos medios de transporte sanitario, sempre que afectaren o seu funcionamento normal.

c) Calquera outra forma de presión exercida contra as autoridades sanitarias e contra as profesionais e os profesionais aos cales se refire o segundo parágrafo do punto 23 do artigo 3, cando non constituír unha infracción moi grave.

d) A reincidencia pola comisión de máis dunha infracción leve no termo dun ano».

Sete. Engádese un artigo 43 ter, que terá a seguinte redacción:

«Artigo 43 ter. Infraccións moi graves en materia de violencia no ámbito sanitario

Tipifícanse como infraccións moi graves en materia de violencia no ámbito sanitario as seguintes:

a) A agresión física ás autoridades sanitarias ou aos seus axentes e aos profesionais ou ás profesionais a que se refire o segundo parágrafo do punto 23 do artigo 3, durante o exercicio das súas funcións ou con ocasión destas.

b) A reincidencia na comisión de infraccións graves nos últimos cinco anos».

Oito. Engádese un artigo 44 ter, que terá a seguinte redacción:

«Artigo 44 ter. Sancións en materia de violencia no ámbito sanitario

1. As infraccións en materia de violencia no ámbito sanitario serán sancionadas gardando a adecuación debida entre a gravidade do feito constitutivo da infracción e a sanción aplicada, e establecerase unha gradación desta en grao mínimo, medio e máximo para cada nivel de cualificación. Para determinar a sanción que se vaia impor, dentro de cada un destes graos, deberase atender os criterios establecidos no artigo 29.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, así como o incumprimento das advertencias previas, o número de persoas postas en risco ou afectadas, especialmente se se trata de colectivos vulnerables, e a gravidade da alteración sanitaria producida.

2. As infraccións tipificadas nos artigos 41 ter, 42 ter e 43 ter serán sancionadas con multas, conforme a gradación seguinte:

a) Infraccións leves:

1º. Grao mínimo: de 300 a 500 euros.

2º. Grao medio: de 501 a 1.000 euros.

3º. Grao máximo: de 1.001 a 1.500 euros.

b) Infraccións graves:

1º. Grao mínimo: de 1.501 a 2.000 euros.

2º. Grao medio: de 2.001 a 2.500 euros.

3º. Grao máximo: de 2.501 a 3.000 euros.

c) Infraccións moi graves:

1º. Grao mínimo: de 3.001 a 7.000 euros.

2º. Grao medio: de 7.001 a 12.000 euros.

3º. Grao máximo: de 12.001 a 15.000 euros.

3. A autoridade competente para resolver o expediente poderá acordar, igualmente, como sancións accesorias nos supostos de infracción grave ou moi grave cometida no ámbito do Sistema Público de Saúde de Galicia, a asignación doutra profesional ou doutro profesional sanitario distinto á persoa infractora e/ou a súa adscrición a un centro sanitario diferente da mesma localidade, por un prazo non superior a cinco anos».

Nove. Engádese un artigo 45 ter, que terá a seguinte redacción:

«Artigo 45 ter. Competencia para sancionar as infraccións en materia de violencia no ámbito sanitario

Os órganos autonómicos competentes para o exercicio da potestade sancionadora pola comisión de infraccións en materia de violencia no ámbito sanitario tipificadas nesta lei son:

a) A persoa titular da dirección territorial da consellaría competente en materia de sanidade que corresponder en razón do ámbito territorial da comisión da infracción, cando se trate de infraccións leves.

b) A persoa titular da secretaría xeral técnica da consellaría competente en materia de sanidade, cando se trate de infraccións graves.

c) A persoa titular da consellaría competente en materia de sanidade, cando se trate de infraccións moi graves».

Dez. Modifícase o punto 2 do artigo 46 ter, que queda redactado como segue:

«2. As medidas provisionais deberán ser proporcionadas á natureza e á gravidade das infraccións cometidas e poderán consistir nalgunha das previstas no artigo 46 ou en calquera outra que asegure a eficacia da resolución que se poida ditar.

No suposto de os actos cometidos pola persoa infractora poderen constituír infraccións graves ou moi graves en materia de violencia no ámbito sanitario, poderáselle asignar á persoa infractora outro ou outra profesional sanitaria distinta e/ou a persoa infractora poderá se adscrita a un centro sanitario diferente da mesma localidade.

Non se poderán adoptar medidas provisionais que puideren causar un prexuízo de difícil ou imposible reparación ás persoas interesadas ou que implicaren unha violación de dereitos amparados polas leis».

Once. Modifícase o punto 6 do artigo 74, que queda redactado como segue:

«6. Os servizos e as actividades sanitarias ou asistenciais que o Sistema Público de Saúde de Galicia contrate co sector privado de asistencia sanitaria terán que axustarse aos mesmos parámetros, estándares, dereitos ou criterios de actuación exixibles para os do propio Sistema Público de Saúde de Galicia. Para tal efecto, os pregos de licitación incorporarán a obriga para a empresa contratista de dispor dun plan de prevención e de formación en materia de violencia no ámbito sanitario, en termos equivalentes aos exixidos para o Servizo Galego de Saúde.

Así mesmo, a Administración poderá exixir ao empregador ou á empregadora a subscrición dun seguro que garanta ao persoal vítima dun acto de violencia no ámbito sanitario a cobertura da asistencia xurídica e o resarcimento económico dos prexuízos derivados daquel».

Doce. Modifícase o punto 10 do artigo 115, que queda redactado como segue:

«10. A Administración establecerá medidas de mobilidade do persoal tendentes a protexer as vítimas de violencia de xénero e de violencia no ámbito sanitario e tendentes a favorecer a conciliación da vida persoal e familiar e a protección da saúde laboral. Para este efecto, poderanse subscribir convenios de colaboración con outras administracións públicas».

Trece. Modifícase o artigo 119, que queda redactado como segue:

«Artigo 119. Saúde laboral

A Administración sanitaria, no marco da lexislación xeral en materia de saúde laboral e de prevención de riscos laborais, adoptará as medidas oportunas para protexer a saúde dos traballadores e das traballadoras do sector sanitario público, a través de órganos dedicados en exclusiva a esta función. Estableceranse medidas de coordinación que obriguen a participar as unidades dos centros e os órganos cando, por razón da materia, tiver relevancia a súa cooperación na protección da saúde laboral e na prevención de riscos laborais no sector.

O Servizo Galego de Saúde porá á disposición do persoal vítima dun acto de violencia no ámbito sanitario un servizo específico encargado de prestar o apoio psicolóxico que, en cada caso, se precisar. Tamén porá á disposición un servizo encargado de tramitar as denuncias que se puideren presentar con ocasión dun acto de violencia no ámbito sanitario».

Catorce. Engádese un novo artigo 119 bis, que queda redactado como segue:

«Artigo 119 bis. Plan galego de prevención contra a violencia no ámbito sanitario

1. O Plan galego de prevención contra a violencia no ámbito sanitario constitúe o instrumento para garantir o dereito de todos e de todas as profesionais a recibiren asistencia e protección das administracións públicas e dos servizos de saúde no exercicio da súa profesión ou no desempeño das súas funcións, de conformidade co previsto no artigo 17.h) da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.

O Plan será aplicable en todos os centros asistenciais do Sistema Público de Saúde de Galicia e nos seus entes instrumentais vinculados.

2. O Plan será elaborado polo órgano directivo do Servizo Galego de Saúde con competencias en materia de saúde laboral e deberá ser obxecto de negociación na mesa de negociación colectiva correspondente».

3. O Plan galego de prevención contra a violencia no ámbito sanitario terá o seguinte contido mínimo:

a) As medidas de prevención, nas cales se incluirán, como mínimo, as seguintes:

1º. As actuacións dirixidas ás persoas usuarias do Sistema Público de Saúde de Galicia.

2º. As condicións de seguridade dos lugares de traballo. Para este efecto, a avaliación de riscos dos postos de traballo deberá conter a valoración do risco de violencia.

3º. As medidas de formación e de capacitación do persoal.

4º. As medidas organizativas encamiñadas a evitaren as situacións de violencia no ámbito sanitario e a atenuaren os seus efectos.

b) O procedemento de actuación fronte a unha agresión.

c) As accións dirixidas contra a persoa agresora.

d) O plan de comunicación.

e) A avaliación e o seguimento. Incorporarase obrigatoriamente un informe anual en que se recollan os datos relativos ás agresións producidas, coa súa cualificación correspondente como leves, graves ou moi graves, en relación cos actos asistenciais realizados, co obxecto de permitir a análise non só da súa evolución absoluta, senón tamén da súa evolución relativa.

4. O Plan galego de prevención contra a violencia no ámbito sanitario garantirá, de maneira específica, a protección do persoal do ámbito sanitario que, por razón de sexo ou polas súas características persoais, físicas ou pola situación de discapacidade, for especialmente propicio a sufrir un acto de violencia.

Tamén adoptará as medidas específicas en beneficio daquel persoal traballador, que, por razón das súas condicións de traballo ou do servizo ou unidade a que se atope adscrito, estiver exposto a un maior risco de sufrir un dano por violencia no ámbito sanitario.

5. O Plan será aprobado polo Consello da Xunta, por proposta da consellaría competente en materia de sanidade e producirá efectos a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Igualmente, será tamén obxecto de publicación no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia.

6. O Plan será revisado anualmente, de acordo cos datos e coas evidencias recollidas no seu seguimento e aplicación».

Quince. Engádese un novo artigo 119 ter, que terá a seguinte redacción:

«Artigo 119 ter. Rexistro galego de actos de violencia externa no ámbito sanitario

1. Créase o Rexistro galego de actos de violencia externa no ámbito sanitario no cal o órgano competente para sancionar inscribirá e rexistrará todos os actos de violencia que foren sancionados.

2. A información que nel se conteña non terá carácter público e unicamente será utilizada polos órganos competentes para as finalidades previstas no campo da prevención e da protección da violencia no ámbito sanitario.

3. O Rexistro será único para todo o Sistema de Saúde de Galicia e permitirá obter información desagregada dos seus indicadores por sexo e por categoría profesional. Regulamentariamente determinaranse o seu funcionamento e o seu órgano de adscrición.

4. O Rexistro poderá ser empregado con fins estatísticos, de acordo coa Lei 6/2024, do 27 de decembro, de estatística de Galicia».

Dezaseis. Engádese un novo artigo 125 bis, que terá a seguinte redacción:

«Artigo 125 bis. Medidas de formación e de capacitación en materia de prevención da violencia no ámbito sanitario

1. Conforme o previsto no punto 3 do artigo 119 bis, o Plan galego de prevención contra a violencia no ámbito sanitario conterá medidas de formación e de capacitación do persoal, como un elemento preventivo que facilite ao persoal o manexo de recursos e de habilidades para enfrontar aquelas situacións de violencia que se suscitaren con ocasión do seu exercicio profesional.

2. Para ese efecto, corresponde á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde a xestión da formación no Sistema Público de Saúde de Galicia, consonte o artigo 2 dos seus estatutos, aprobados polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos.

3. Para ese efecto, as medidas de formación e de capacitación incluirán, no mínimo, os seguintes aspectos:

a) A elaboración e a actualización do material informativo dirixido a profesionais, sobre as recomendacións e as pautas de actuación ante situacións conflitivas e agresións.

b) A organización de actividades e de iniciativas específicas de formación en liña sobre a prevención de agresións, dirixidas a todo o persoal empregado público da saúde do Sistema Público de Saúde de Galicia, así como sobre técnicas para o manexo de situacións conflitivas e verbo dos procedementos para o apoio, o asesoramento e a asistencia á persoa agredida.

c) A elaboración de material audiovisual sobre a xestión de situacións conflitivas.

d) A realización de cursos e de obradoiros prácticos nos centros de traballo, dando prioridade a servizos, a unidades, a centros ou a grupos profesionais de maior risco, sobre as habilidades comunicativas, a xestión de situacións conflitivas e o control de pacientes agresivos. Estes cursos incluiranse anualmente na programación anual das actividades preventivas do Servizo Galego de Saúde.

e) A realización de actividades formativas conxuntas con interlocutores policiais e sanitarios.

f) A inclusión de recomendacións, de guías e/ou de protocolos de actuación ante agresións en todas as actividades formativas xerais de prevención de riscos laborais e nas xornadas de acollemento de novas incorporacións. Igualmente, incluirase esta materia nos cursos de xestión da prevención dirixidos a mandos intermedios e a persoal directivo.

4. As persoas que accedan á condición de persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde, logo de superaren un proceso selectivo, deberán realizar, con carácter obrigatorio, dentro dos seis meses posteriores á toma de posesión do destino adxudicado, unha actividade formativa básica sobre as medidas preventivas e a protección contra a violencia no ámbito sanitario, que organizará a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

5. A formación en materia de violencia no ámbito sanitario computará como mérito nos procesos de selección e de provisión de prazas que convoque o Sistema Público de Saúde de Galicia, ben como para o acceso aos distintos graos da carreira profesional».

Disposición adicional única. Campañas de sensibilización social

1. A consellaría competente na materia de sanidade realizará campañas dirixidas á poboación xeral, co fin de aumentar a sensibilización e o respecto ao papel das profesionais e dos profesionais a que se refire o punto 23 do artigo 3.

2. As campañas de sensibilización social terán un carácter continuado.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opuxeren ao disposto nesta lei.

Disposición transitoria única. Vixencia das medidas de prevención adoptadas

As medidas de prevención contra a violencia no ámbito sanitario vixentes á entrada en vigor desta lei manteranse transitoriamente ata a implantación das medidas adoptadas ao abeiro desta lei.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento regulamentario

Autorízase o Consello da Xunta para aprobar os regulamentos que foren necesarios para aplicar e desenvolver esta lei.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de marzo de dous mil vinte e seis

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente