DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Mércores, 8 de abril de 2026 Páx. 21723

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 2026, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, pola que se autoriza administrativamente o peche definitivo e desmantelamento da planta de coxeración de enerxía eléctrica que Solvida Sanxenxo, S.L. posúe no concello de Sanxenxo (Pontevedra), e se cancela a súa inscrición no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia.

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Solvida Sanxenxo, S.L. en relación coa autorización administrativa de peche e desmantelamento dunha central de coxeración situada no concello de Sanxenxo (Pontevedra) e a cancelación da súa inscrición no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 20 de novembro de 1998, a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio resolveu incluír no réxime especial creado polo Real decreto 2366/1994 a planta de coxeración de enerxía eléctrica prevista nas instalacións da empresa Solvida Sanxenxo, S.L. no concello de Sanxenxo, Pontevedra (expediente 98/235).

Segundo. O 17 de xuño de 1999, a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio resolveu autorizar a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica á empresa Solvida Sanxenxo, S.L. no concello de Sanxenxo (Pontevedra), e aprobar o seu proxecto de execución (expediente 98/235).

Terceiro. O 20 de xaneiro de 2000, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra autorizou a posta en marcha da planta de coxeración de enerxía eléctrica.

Cuarto. O 23 de xuño de 2003, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Innovación, Industria e Comercio resolveu efectuar a inscrición definitiva da planta de coxeración de enerxía eléctrica no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do recollido no Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre produción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración, cunha potencia total de 900 kW, outorgándolle o número RE-03-23.

Quinto. O 11 de novembro de 2011, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria resolveu autorizar administrativamente unha modificación substancial da instalación de coxeración que Solvida Sanxenxo, S.L. posúe en Padriñán, concello de Sanxenxo (Pontevedra), coas seguintes características principais:

– Substitución do equipamento motor-xerador diésel por un novo alimentado por gas natural cunha Pe de 1.000 kWe.

– Conexión do novo motor coa instalación actual.

Sexto. O 8 de marzo de 2012, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria resolveu aprobar o proxecto de execución dunha modificación substancial da planta de coxeración eléctrica coas seguintes características técnicas:

– Un contedor de coxeración con motor Caterpillar modelo G3512EPGG, alternador Caterpillar SR4B, sistema de potencia e control da instalación, sistema de recuperación e refrixeración da calor do motor, instalacións auxiliares.

– Recuperador de calor gases/auga pirotubular serie PR-7/GA-3/447 con potencia de 534 kW a 90 ºC.

– Instalación dun circuíto completo para a refrixeración de camisas e aproveitamento de auga; entre os elementos máis importantes está un intercambiador de calor de placas modelo M10-MFM de 631 kW, e aerorefrixerador.

– Circuíto aftercooler con intercambiadores de potencia 110 kW, modelos M10-MFM e M6-FG.

– Sistema de control de potencia, protección e sincronización á rede.

– Un centro de transformación de 1.250 kVA con relación de transformación 400V/15-20 kV e instalación das celas de protección e demais equipamentos eléctricos de medida.

Sétimo. O 23 de maio de 2012, a Delegación Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria autorizou a posta en servizo da modificación substancial da planta de coxeración de enerxía eléctrica.

Oitavo. O 30 de outubro de 2012, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria resolveu modificar as características técnicas da condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica, regulado polo Real decreto 661/2007, do 25 de maio, e modificar a inscrición definitiva, no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, da central de coxeración titularidade de Solvida Sanxenxo, S.L. situada en Padriñán, no concello de Sanxenxo (Pontevedra), cunha potencia total de 1.000 kW.

Noveno. O 23 de decembro de 2025, Talleres Electrotécnicos de Pontevedra, S. Coop., en nome e representación de Solvida Sanxenxo, S.L., solicitou a autorización administrativa de peche definitivo da planta de coxeración da súa titularidade situada no concello de Sanxenxo (Pontevedra).

Décimo. O 29 de decembro de 2025, requiríuselle a Solvida Sanxenxo, S.L. documentación adicional necesaria para continuar coa tramitación do procedemento. A solicitante presentou na mesma data, así como o 30 de decembro de 2025, a documentación requirida incluíndo unha solicitude asinada de cancelación da inscrición da planta de coxeración no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia.

Décimo primeiro. O 5 de febreiro de 2026, o Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria informou: «Á vista da documentación achegada, non se atopan impedimentos para continuar coa tramitación, para os efectos de que a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas emita a autorización de peche definitivo e desmantelamento da planta de coxeración formada por un motor Caterpillar de gas natural de 1.000 kWe, titularidade de Solvida Sanxenxo, S.L., con NIF B36303782, situada en Padriñán, concello de Sanxenxo».

Décimo segundo. O 20 de febreiro de 2026, Red Eléctrica de España, S.A. informou sobre a solicitude de peche da planta de coxeración, de conformidade co recollido no artigo 53.5 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, facendo constar que o peche definitivo da citada instalación non ten incidencia na garantía de cobertura da demanda nin na seguridade do sistema na rede de transporte.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas é competente para resolver este procedemento, con fundamento no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.

Segundo. O artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que a transmisión e peche definitivo de instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas, así como o peche temporal das instalacións de produción requirirán unha autorización administrativa previa.

Terceiro. O peche e o desmantelamento do sistema de coxeración non precisa someterse ao trámite de avaliación ambiental ao non estar incluído nos supostos recollidos na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

Cuarto. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, no Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión, e as súas instrucións complementarias, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a Solvida Sanxenxo, S.L. a autorización administrativa de desmantelamento e peche definitivo da planta de coxeración de enerxía eléctrica que posúe no concello de Sanxenxo (Pontevedra), segundo o proxecto técnico de execución denominado Desmontaxe, retirada e achatarramento da planta de coxeración Solvida Sanxenxo, asinado o 23 de decembro de 2025 polo enxeñeiro técnico industrial José Miguel Estévez Rodríguez, colexiado núm. 1.493 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña, e visado na mesma data co núm. 2580/25-ST.

Segundo. Cancelar a inscrición da planta de coxeración de enerxía eléctrica titularidade de Solvida Sanxenxo, S.L., debido ao seu peche, obxecto desta autorización administrativa, no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia, con número de rexistro autonómico RE-03-23.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

1. O peche definitivo e desmantelamento da instalación terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución referido no punto primeiro da parte dispositiva desta resolución.

2. Deberá cumprirse, en todo momento, canto establecen o Real decreto 337/2014, de 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión, e as súas instrucións complementarias, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

3. Para introducir modificacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, o Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deberalle comunicar a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.

4. O prazo para o peche e o desmantelamento da instalación será de dous anos contados a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución. Se, transcorrido o dito prazo, aquel non tivo lugar, producirase a caducidade desta autorización.

Unha vez rematado o desmantelamento, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de acta de peche ante o Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria, quen deberá emitila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

5. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia da persoa interesada.

6. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra este acto, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2026

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas