Visto o expediente para o outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica que se describe a seguir, tal e como se recolle no proxecto asinado o día 19.8.2025 polo enxeñeiro industrial David Núñez Fernández, colexiado número 1534 do ICOIIG, quen acredita a súa habilitación e competencia mediante unha declaración responsable asinada na data sinalada.
Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Enderezo: avenida de San Luis, 77, 28033 Madrid.
Denominación: Recuamento CS Fondo de Cea-32CKN8.
Situación: lugar da Lama, concello de San Cristovo de Cea.
Orzamento: 40.342,34 €.
Características técnicas:
– Novo CS (centro de seccionamento), compacto, de manobra exterior, do tipo 4L.
– Desmonte do CS Fondo de Cea existente e desmonte do tramo da LMT soterrada de conexión co dito CS.
– LMT soterrada, a 20 kV, de 70 m de lonxitude, en condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×240 mm² Al), con orixe e final no apoio núm. 76-9 da CNO807 despois de realizar E/S no novo CS proxectado.
– LMT soterrada, a 20 kV, de 11 m de lonxitude, en condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×240 mm² Al), con orixe no novo CS proxectado e final no empalme que se realizará na LMTS CNO807, na arqueta existente (punto D plano de manobras eléctricas).
Cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no capítulo II, título VII, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Resolución da Consellería de Economía e Industria, do 19 de febreiro de 2014, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG núm. 54, do 19 de marzo), así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), esta dirección territorial
RESOLVE:
Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción á devandita instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ao proxecto arriba sinalado e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación.
Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten de aplicación e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.
O prazo de posta en marcha da instalación que se autoriza será de seis meses, contado a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.
Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Ourense, 18 de marzo de 2026
Alicia María López Míguez
Directora territorial de Ourense
