A Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, recolle no seu artigo 6.2 aqueles elementos que teñen a consideración de elementos funcionais da estrada, entre os que se atopan os espazos destinados a sendas para peóns ou para a circulación de ciclistas. Así mesmo, o Consello da Xunta de Galicia aprobou, o 6 de maio de 2024, a Estratexia galega de mobilidade, cuxo obxectivo é analizar e planificar en todo o seu conxunto a mobilidade na Comunidade Autónoma de Galicia e adaptala aos retos da sociedade do futuro en materia de mobilidade sustentable.
Mediante a Resolución da directora da Axencia Galega de Infraestruturas do 26 de marzo de 2026 aprobouse provisionalmente o proxecto referido, que se tramitará segundo o disposto na Lei 8/2013 e no Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia.
Considerando o exposto e o establecido na normativa vixente,
ACORDO:
Primeiro. Someter ao trámite de información pública o proxecto de trazado de fomento da mobilidade sustentable. Itinerario peonil e ciclista na LU-234. Lugo, de clave LU/25/087.06, no concello de Lugo (Lugo), para que as persoas que o consideren oportuno poidan formular, mediante un escrito dirixido á Axencia Galega de Infraestruturas, as alegacións que crean convenientes relativas á concepción global da actuación e das distintas alternativas analizadas, de ser o caso, de acordo co disposto no artigo 21.1 da Lei 8/2013 e no artigo 50 do Decreto 66/2016.
Segundo. Someter ao trámite de información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto, descritos na relación anexa, para que calquera persoa poida achegar por escrito a rectificación dos posibles erros da relación publicada ou opoñerse á necesidade da ocupación. Neste caso, indicará os motivos polos que deba considerarse preferente a ocupación doutros bens ou a adquisición doutros dereitos distintos aos da relación ao fin que se persegue, de acordo co disposto nos artigos 17, 18 e 19 da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre expropiación forzosa.
Terceiro. O prazo para presentar alegacións será de trinta (30) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.
A documentación do proxecto estará á disposición da cidadanía na sede central da Axencia Galega de Infraestruturas, no Servizo de Infraestruturas de Lugo, no Concello de Lugo e na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, onde tamén figura un extracto do documento cos obxectivos, localización e descrición da actuación:
https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/informacion-publica/estudos
Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2026
María Deza Martínez
Directora da Axencia Galega de Infraestruturas
