A Consellería de Sanidade é o órgano da Administración autonómica responsable da superior dirección e desenvolvemento das funcións e competencias en materia de sanidade, de conformidade co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e na Constitución española, segundo o Decreto 144/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade.
A Lei 16/1997, do 25 de abril, de regulación de servizos das oficinas de farmacia, co obxecto de mellorar a atención farmacéutica á poboación, establece o marco xurídico básico destes establecementos, que teñen que completar as comunidades autónomas competentes na materia.
Neste sentido, o artigo 28.8 do Estatuto de autonomía dispón que son competencia da Comunidade Autónoma galega o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado nos termos que esta estableza en materia de establecementos farmacéuticos.
Corresponde á Xunta de Galicia, no marco do Estatuto de autonomía de Galicia, e en colaboración con outras administracións públicas e entidades públicas e privadas, garantir, dentro do seu ámbito territorial, unha atención farmacéutica continuada, integral, en condicións de equidade e coa calidade adecuada para permitir facer efectivo o dereito da cidadanía á protección da saúde prevista na Constitución española.
Pola súa parte, o texto refundido da Lei de garantías e uso racional dos medicamentos e produtos sanitarios, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2015, do 24 de xullo, fixa os criterios básicos de ordenación do sector farmacéutico, tanto no que respecta aos establecementos farmacéuticos como ao uso racional dos medicamentos e produtos sanitarios, encomendando ás diferentes administracións con competencias en materia de sanidade a ordenación das oficinas de farmacia, os servizos farmacéuticos e as prestacións farmacéuticas.
A Lei 3/2019, do 2 de xullo, de ordenación farmacéutica de Galicia, ten por obxecto regular a atención farmacéutica, entendida como un servizo de interese público que comprende un conxunto de actuacións que deben prestarse en todos os niveis do noso sistema sanitario, dirixidas a garantir á cidadanía o acceso rápido, eficaz, oportuno, equitativo e racional aos medicamentos e produtos sanitarios que se precisen. Esta atención farmacéutica préstase a través de distintos establecementos e servizos, entre os cales se atopan as oficinas de farmacia.
Esta lei determina, ademais, que a instalación de oficinas de farmacia está sometida a planificación, para a cal se toman como base as unidades de atención primaria que, para os efectos da lei, se corresponden coas demarcacións municipais en que se ordena o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, e se crean as zonas farmacéuticas, que se clasifican en urbanas, semiurbanas e rurais, segundo a poboación do seu concello, establecendo módulos para o cálculo do número de oficinas de farmacia que corresponden a cada zona.
As características xeográficas e a dispersión poboacional da Comunidade Autónoma provocan que existan oficinas de farmacia en zonas farmacéuticas rurais que se atopan en situación de especial vulnerabilidade.
O Consello da Xunta de Galicia, con data do 20 de outubro de 2025, acordou declarar un total de 29 zonas farmacéuticas como «zonas farmacéuticas especiais», atendendo ás súas características xeográficas, demográficas e sanitarias e de acordo cos criterios previamente consensuados cos colexios oficiais de farmacéuticos e farmacéuticas de Galicia.
É por isto polo que a Consellería de Sanidade ten interese en desenvolver unha orde que regule a concesión de axudas ás oficinas de farmacia da Comunidade Autónoma de Galicia que se atopan en zonas farmacéuticas declaradas especiais, co obxecto de facilitar a viabilidade das boticas rurais e, en consecuencia, garantir o acceso da poboación a este servizo.
Esta orde establece as bases reguladoras destas axudas, que se convocan en réxime de concorrencia non competitiva, por non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e adáptase ao disposto na devandita lei, así como ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa de desenvolvemento, e á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como ao Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
Por todo o exposto, conforme o establecido na normativa anterior, así como na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, en uso das facultades que teño atribuídas con base no artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, para a debida aplicación dos créditos orzamentarios aos fins para os que foron establecidos,
ACORDO:
Artigo 1. Obxecto e finalidade
1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2026, en réxime de concorrencia non competitiva, axudas para as oficinas de farmacia que se localicen en zonas farmacéuticas especiais (código de procedemento SA481B).
2. A finalidade destas axudas é compensar os gastos de funcionamento das oficinas de farmacia e apoiar as contratacións de farmacéuticos/as adxuntos/as para as quendas de garda ou suplencias para as épocas vacacionais, realizados no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026, o que permitirá ás persoas titulares das oficinas de farmacia situadas en zonas farmacéuticas especiais exercer o seu dereito á conciliación da vida persoal, familiar e laboral.
Artigo 2. Financiamento
1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 99.600,00 €, que se imputarán á aplicación orzamentaria 1203.411A.470.00, código de proxecto 202600042.
2. De conformidade co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderase ampliar a contía máxima do crédito dispoñible cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ou a través dunha transferencia de crédito. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura dun prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo dun prazo para resolver.
Artigo 3. Requisitos das persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das presentes axudas as persoas titulares de oficinas de farmacia que se encontren localizadas en zonas farmacéuticas especiais e cuxo/a titular estea empadroado/a en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.
Para estes efectos, teñen a consideración de zona farmacéutica especial as seguintes: A Gudiña, A Mezquita, A Peroxa, A Teixeira, As Nogais, A Veiga, Baleira, Baltar, Calvos de Randín, Carballeda de Valdeorras, Castrelo do Val, Cervantes, Chandrexa de Queixa, Folgoso do Courel, Larouco, Laza, Manzaneda, Montederramo, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, O Bolo, Ourol, Parada de Sil, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Samos, San Xoán de Río e Vilariño de Conso, consonte o aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 20 de outubro de 2025.
2. Para resultar beneficiario/a destas axudas, a oficina de farmacia da que é titular deberá acreditar que compre algún/s dos seguintes criterios:
a) Tratarse dunha oficina de farmacia a que se lle aplique o índice corrector segundo os criterios do Real decreto 823/2008, do 16 de maio, polo que se establecen as marxes, deducións e descontos correspondentes á distribución e dispensación de medicamentos de uso humano.
b) Tratarse dunha oficina de farmacia que, malia non reunir o criterio sinalado na letra anterior, teña acreditada no ano 2025 unha facturación por receitas oficiais do Sistema nacional de saúde inferior a 235.000,00 € anuais.
c) Tratarse dunha oficina de farmacia que realizase no ano 2025 gardas 24h/365días, sempre e cando teña acreditada no ano 2025 unha facturación por receitas oficiais do Sistema nacional de saúde inferior a 500.000,00 € anuais.
d) Tratarse dunha oficina de farmacia que realizase no ano 2025 gardas diúrnas os 365 días do ano, sempre e cando teña acreditada no ano 2025 unha facturación por receitas oficiais do Sistema nacional de saúde inferior a 500.000,00 € anuais.
e) Tratarse dunha oficina de farmacia que realizase no ano 2025 gardas diúrnas de luns a sábados, sempre e cando teña acreditada no ano 2025 unha facturación por receitas oficiais do Sistema nacional de saúde inferior a 400.000,00 € anuais.
Artigo 4. Tipo de axuda e contía
1. A subvención consistirá nunha cantidade fixa e predeterminada (importe a tanto global) destinada a compensar os gastos xerais de funcionamento da oficina de farmacia (alugueiro ou asimilados, vinculados á dispoñibilidade do local da oficina de farmacia, limpeza, electricidade, auga, calefacción, seguridade, servizos de telecomunicacións, adquisición e mantemento do software necesario para levar a cabo os actos de prestación farmacéutica, gastos financeiros, de asesoría xurídica ou financeira, IBI do local da oficina de farmacia, cotas de colexiación, pólizas dos seguros relacionados coa actividade subvencionada, gastos polos servizos das cooperativas de distribución de produtos farmacéuticos), os correspondentes á contratación de persoal farmacéutico (farmacéuticas ou farmacéuticos adxuntos ou suplentes) para o apoio das épocas vacacionais e/ou servizos de garda e as cotas de autónomo da persoa titular, comprendidos entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026.
2. O importe da axuda que percibirá a persoa beneficiaria asignarase en función do tipo e número de criterios establecidos no artigo 3.2 que cumpra a oficina de farmacia, na contía e límites que para cada un deles se indica a seguir:
a) No caso de oficinas de farmacias ás que se lles está a aplicar o índice corrector do Real decreto 823/2008, do 16 de maio: 18.000,00 €/ano.
b) No caso de oficinas de farmacia con facturación por receitas oficiais do Sistema nacional de saúde inferior a 235.000,00 € anuais, sen estaren na situación do artigo 3.2.a): 12.000,00 €/ano.
c) No caso de oficinas de farmacia que realicen gardas 24h/365 días con facturación por receitas oficiais do Sistema nacional de saúde inferior a 500.000,00 € anuais: 8.400,00 €/ano.
d) No caso de oficinas de farmacia que realicen gardas diúrnas 365 días con facturación por receitas oficiais do Sistema nacional de saúde inferior a 500.000,00 € anuais: 7.200,00 €/ano.
e) No caso de oficinas de farmacia que realicen gardas diúrnas de luns a sábados con facturación por receitas oficiais do Sistema nacional de saúde inferior a 400.000,00 € anuais: 6.000,00 €/ano.
Para o suposto de que a oficina de farmacia cumpra máis dun criterio, o importe máximo total da subvención por persoa beneficiaria para a totalidade do período a que se refire a subvención, incluíndo os gastos xerais de funcionamento de locais e de persoal, será de 18.000,00 €/ano.
Artigo 5. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas
1. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, sempre que se cumpran os requisitos que se establecen nos números seguintes.
2. No caso de percibírense outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente os requisitos tidos en conta para a concesión das axudas agora convocadas. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
3. En ningún caso o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere os gastos da actividade subvencionada.
4. As persoas solicitantes deberán cubrir as declaracións que constan no recadro de declaración que se recollen no anexo I de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade.
No caso de variaren as circunstancias inicialmente declaradas, deberán achegar, a través da Carpeta cidadá, tal como establece o artigo 10 da norma, o anexo II (Declaración de variación da situación inicial), indicando a nova situación.
Artigo 6. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algunha persoa titular dunha oficina de farmacia interesada presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, e iniciarase ás 9.00 horas do quinto día hábil posterior ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.
O prazo finalizará ás 20.00 horas do día en que se cumpra un mes desde a data de inicio do prazo. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras desta orde de subvencións.
Artigo 7. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
• Documentación que acredite, de ser o caso, a representación da persoa titular da oficina de farmacia.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
6. Calquera cambio que se produza nos datos contidos na documentación que se achegue coa solicitude deberá comunicarse á Dirección Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, que poderá requirir á persoa solicitante todos cantos documentos e aclaracións considere necesarios para completar o expediente.
Artigo 8. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) O DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) O DNI ou NIE da persoa representante.
c) Os datos de residencia con data de última variación no padrón.
d) O certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
e) O certificado de estar ao día nas obrigas coa Axencia Tributaria do Estado.
f) O certificado de estar ao día nas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia.
g) A consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas da persoa solicitante.
h) Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.
i) Consulta de subvencións e axudas públicas afectadas pola regra de minimis.
j) Certificación da oficina de farmacia de estar inscrita no rexistro administrativo correspondente.
k) Relación de gardas diúrnas e nocturnas realizadas no ano 2025.
l) Datos de facturación por receitas oficiais do Sistema nacional de saúde do ano 2025.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Artigo 9. Instrución e procedemento de concesión
1. O procedemento de concesión da axuda é o de concorrencia non competitiva, por non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas polas persoas que reúnan os requisitos establecidos, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. En consecuencia, o órgano competente para a tramitación do procedemento comezará a instrución dos expedientes seguindo a orde de presentación das solicitudes, de acordo co disposto no artigo 71.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
2. A instrución do procedemento correspóndelle á Dirección Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, quen realizará as correspondentes propostas de resolución.
3. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se considerará que desisten da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos no artigo 21 da devandita lei.
4. Sen prexuízo do disposto no número anterior, o órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución, e poderá requirir a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e a resolución do procedemento.
5. As solicitudes que recollan os datos e a documentación necesaria tramitaranse por un procedemento abreviado en que o órgano instrutor formulará ao órgano concedente a proposta de resolución logo de comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos para a súa concesión.
6. Respecto dos expedientes nos cales concorran causas de inadmisión, así como de declaración ou aceptación da desistencia, o órgano instrutor formulará a correspondente proposta. En todo caso, non se admitirán a trámite e ditarase a resolución de inadmisión e arquivaranse as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.
Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 11. Resolución
1. Correspóndelle á persoa titular da Consellería de Sanidade resolver este procedemento.
Con anterioridade a ditarse a resolución de concesión deberá quedar acreditado que a persoa beneficiaria está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. O prazo máximo para resolver e notificar é de tres (3) meses, contados a partir da data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.
Artigo 12. Notificación
1. A resolución deberá serlles notificada ás persoas beneficiarias de forma individualizada, de acordo co previsto no artigo 40 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 13. Recursos
As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro desta orde porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, se esta fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Artigo 14. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016,do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 15. Xustificación e pagamento
1. As persoas beneficiarias da subvención deberán presentar, antes do 15 de decembro de 2026, a seguinte documentación xustificativa, segundo proceda:
a) Copia das nóminas dos/das farmacéuticos/as adxuntos/as contratados e documento acreditativo do pagamento das cotas da Seguridade Social e da cota de autónomos.
b) Facturas e/ou xustificantes de pagamento de subministracións e outros gastos de funcionamento da oficina de farmacia, consonte o sinalado no artigo 4.1.
2. Os pagamentos correspondentes realizaranse de acordo co procedemento de aprobación do gasto e pagamento recollido no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Artigo 16. Anticipos e garantías
1. Co obxecto de facilitar a asunción dos custos de funcionamento das oficinas de farmacia, realizarase un pagamento único do 100 % da contía da subvención en concepto de anticipo, logo da autorización do Consello da Xunta, que será efectivo tras ser ditada a resolución de concesión da axuda.
2. A teor do establecido no artigo 65.4.i) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, non será necesario achegar unha garantía dado que os pagamentos non superan a contía de 18.000,00 €.
Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias
As entidades beneficiarias destas axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e ademais, especificamente, a:
a) Someterse ás accións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Sanidade, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, a achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou a adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión.
c) Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que fundamentan a concesión da subvención.
d) Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da axuda nos rexistros públicos que procedan, conforme a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de de xuño.
e) Reintegrar os fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 17, así como nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 xuño.
f) Colaborar nos programas que promovan as administracións sanitarias sobre garantía de calidade da atención farmacéutica e sanitaria en xeral, promoción e protección da saúde, prevención da enfermidade e educación sanitaria.
g) Dar a axeitada publicidade á axuda pública recibida. Para tal fin instalarase na oficina de farmacia, en lugar visible, un cartel de tamaño non inferior a DIN A4 en que se fará constar a lenda: «Este establecemento farmacéutico recibiu unha subvención da Xunta de Galicia para o mantemento da atención farmacéutica».
Artigo 18. Revogación e causas de reintegro
1. No caso de producirse algunha das causas establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o establecido no artigo 74 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, procederase á revogación da axuda, así como ao reintegro, de ser o caso, da axuda percibida e dos xuros de demora correspondentes.
2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda poderá dar lugar ao reintegro da axuda percibida e dos xuros de demora correspondentes.
3. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as axudas percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para estes efectos, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento, e en función dos seguintes criterios:
a) O incumprimento das condicións establecidas para a concesión da axuda suporá a obriga de reintegrar o 100 % da axuda concedida.
b) O incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como nos supostos establecidos no artigo 33 desa mesma lei e/ou calquera outro que resulte da normativa aplicable, e non recollido nos puntos anteriores suporá a obriga de reintegrar ata o 100 % da axuda concedida.
4. As cantidades que teñan que reintegrar as persoas beneficiarias terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto no artigo 14.4 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na normativa comunitaria de aplicación.
5. De conformidade co previsto no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a persoa beneficiaria poderá realizar a devolución voluntaria das cantidades indebidamente percibidas mediante o ingreso na conta habilitada da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga). O importe da devolución incluirá os xuros de demora. No documento de ingreso deberán identificarse o número do expediente, o concepto da devolución e o nome e DNI da persoa beneficiaria. Unha vez ingresado, deberase informar a Dirección Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da devolución voluntaria realizada.
Artigo 19. Infraccións e sancións
Ás persoas beneficiarias das axudas recollidas na presente orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Artigo 20. Publicidade e Información ás persoas interesadas
1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, as subvencións concedidas, con expresión da convocatoria, do programa e crédito orzamentario a que se imputen, da persoa beneficiaria, da cantidade concedida e da finalidade ou finalidades da subvención.
2. De acordo co establecido no artigo 14.1, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e, xunto cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, todo iso nos termos establecidos no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas públicas.
Disposición adicional única. Habilitación
A persoa titular da Consellería de Sanidade ditará as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2026
Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade
