DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Mércores, 15 de abril de 2026 Páx. 22914

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

EXTRACTO da Orde do 31 de marzo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as axudas a oficinas de farmacia da Comunidade Autónoma de Galicia que se localicen en zonas farmacéuticas especiais, para o ano 2026 (código de procedemento SA481B).

BDNS (Identif.): 896300.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/896300

Primeiro. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2026, en réxime de concorrencia non competitiva, axudas para as oficinas de farmacia que se localicen en zonas farmacéuticas especiais (código de procedemento SA481B).

2. A finalidade destas axudas é compensar os gastos de funcionamento das oficinas de farmacia e apoiar as contratacións de farmacéuticos/as adxuntos/as para as quendas de garda ou suplencias para as épocas vacacionais, realizados no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026, o que permitirá ás persoas titulares das oficinas de farmacia situadas en zonas farmacéuticas especiais exerceren o seu dereito á conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

Segundo. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas publicadas nesta orde as persoas titulares de oficinas de farmacia que se encontren localizadas en zonas farmacéuticas especiais e cuxo/a titular estea empadroado/a en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para estes efectos, teñen a consideración de zona farmacéutica especial as seguintes: A Gudiña, A Mezquita, A Peroxa, A Teixeira, As Nogais, A Veiga, Baleira, Baltar, Calvos de Randín, Carballeda de Valdeorras, Castrelo do Val, Cervantes, Chandrexa de Queixa, Folgoso do Courel, Larouco, Laza, Manzaneda, Montederramo, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, O Bolo, Ourol, Parada de Sil, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Samos, San Xoán de Río e Vilariño de Conso, consonte o aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 20 de outubro de 2025.

2. Para resultar beneficiario/a destas axudas, a oficina de farmacia da que é titular deberá acreditar cumprir algún dos seguintes criterios:

a) Tratarse dunha oficina de farmacia a que se lle aplique o índice corrector segundo os criterios do Real decreto 823/2008, do 16 de maio, polo que se establecen as marxes, deducións e descontos correspondentes á distribución e dispensación de medicamentos de uso humano.

b) Tratarse dunha oficina de farmacia que, malia non reunir o criterio sinalado na letra anterior, teña acreditada no ano 2025 unha facturación por receitas oficiais do Sistema nacional de saúde inferior a 235.000,00 € anuais.

c) Tratarse dunha oficina de farmacia que realizase no ano 2025 gardas 24h/365 días, sempre e cando teña acreditada no ano 2025 unha facturación por receitas oficiais do Sistema nacional de saúde inferior a 500.000,00 € anuais.

d) Tratarse dunha oficina de farmacia que realizase no ano 2025 gardas diúrnas os 365 días do ano, sempre e cando teña acreditada no ano 2025 unha facturación por receitas oficiais do Sistema nacional de saúde inferior a 500.000,00 € anuais.

e) Tratarse dunha oficina de farmacia que realizase no ano 2025 gardas diúrnas de luns a sábados, sempre e cando teña acreditada no ano 2025 unha facturación por receitas oficiais do Sistema nacional de saúde inferior a 400.000,00 € anuais.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 31 de marzo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as axudas, a oficinas de farmacia que se localicen en zonas farmacéuticas especiais, para o ano 2026 (código de procedemento SA481B).

Cuarto. Contía

Para o financiamento destas axudas destínase un orzamento total de 99.600,00 €, que se imputarán á aplicación orzamentaria 1203.411A.470.00, código de proxecto 202600042, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes e iniciarase ás 9.00 horas do quinto día hábil posterior ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

O prazo finalizará ás 20.00 horas do día en que se cumpra un mes desde a data de inicio do prazo. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Sexto. Outros datos

Para ser beneficiario/a destas axudas deberá presentarse, obrigatoriamente por medios electrónicos, unha solicitude a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal co código SA481B.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2026

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade