DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Xoves, 16 de abril de 2026 Páx. 23309

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 27 de marzo de 2026, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación do monte chamado Cerqueiral, solicitado a favor da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Entenza (Salceda de Caselas).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, na sesión que tivo lugar o 24 de febreiro de 2026, baixo a presidencia de Antonio Crespo Iglesias, director territorial, coa asistencia dos e das vogais Amalia Elsa Pazos Pintos, xefa do Servizo de Montes, Xosé Carlos Morgade Martínez, representante da CMVMC da provincia, Paula Nieto Grande, letrada da Xunta de Galicia, Jorge Gregorio Vaqueiro e Álvaro Pereira Bernárdez, vogais representantes dos veciños da CMVMC de Entenza, e do secretario do Xurado José Alberto Cousido Fernández, funcionario adscrito ao Servizo Xurídico-Administrativo, adoptou a seguinte resolución:

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 3.11.2023, o presidente da CMVMC de Entenza (Salceda de Caselas) presentou unha solicitude de clasificación como monte veciñal en man común da parcela denominada Cerqueiral, coa seguinte descrición:

Nome: Cerqueiral.

Parroquia: Entenza (Salceda de Caselas).

Cabida: 472 m2.

Ref. catastral: parte da parcela catastral 36049A03700477.

Linde norte: estrada provincial Caldelas-Salceda.

Linde sur: camiño público.

Linde leste: Paz Martínez Rodríguez.

Linde oeste: estrada provincial Caldelas-Salceda e camiño público.

Coa solicitude xúntase acordo de solicitude de clasificación da Asemblea Xeral da CMVMC de Entenza, memoria técnica realizada polo enxeñeiro de montes colexiado número 2.144 do COEM de Madrid, acordo notarial do 2.7.2008 de deslindamento coa titular catastral Paz Martínez Rodríguez e informe de validación gráfica catastral co CSV T7V83XNC4R1SEP1T, que representa a parcela Cerqueiral.

Acredítase con documentación histórica a orixe comunal no censo de montes baldíos, reguengos e de dono/a non coñecido/a que se encontran no Partido Xudicial de Tui do ano 1847. Achéganse xustificantes actuais de limpeza da parcela.

O 21.11.2023, o xefe da Sección de Topografía informa da posibilidade de identificación da parcela e de que non está clasificada.

Segundo. Na sesión do 28.5.2025, o Xurado acordou incoar o correspondente expediente de clasificación do antedito monte a prol da CMVMC de Entenza e nomear instrutora a Amalia Elsa Pazos Pintos.

Terceiro. O 4.6.2025 solicitóuselle ao Rexistro da Propiedade de Tui que efectuara a anotación preventiva, facendo constar a existencia do expediente de clasificación e que o terreo referido pode resultar afectado pola resolución final daquel. Así mesmo, solicítaselle certificación dos asentos que poidan afectar o terreo en cuestión (existencia doutros titulares, cargas ou limitacións de dominio).

Cuarto. O 26.6.2025, a técnica do Distrito Forestal Vigo-Baixo Miño visita a parcela e informa: «(...) a parcela atópase ocupada por unha masa mixta de piñeiros duns 40 anos e eucaliptos duns 15. Polo estado da vexetación dedúcese que a parcela é rozada con certa asiduidade. A parcela está delimitada por unha estrada provincial e unha pista municipal. Na parte leste está deslindada por unha mouteira de granito».

Quinto. O 9.7.2025, notifícaselle o acordo de inicio ao Concello de Salceda de Caselas, dáselle un período de audiencia dun (1) mes e remítese edicto para a súa exposición no taboleiro de anuncios do Concello e nos lugares de costume da parroquia de Entenza para o coñecemento de persoas interesadas en xeral.

O 20.7.2025, notifícaselle o acordo de inicio á CMVMC de Entenza e dáselle un período de audiencia dun (1) mes.

O 12.8.2025, o Concello de Salceda de Caselas remite certificado de publicación no taboleiro de anuncios da sede electrónica do concello.

O 27.8.2025 publícase no DOG o Anuncio do 1 de agosto de 2025, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica o acordo de iniciación do expediente de clasificación do monte Cerqueiral, a favor da CMVMC de Entenza, na parroquia de Entenza, no concello de Salceda de Caselas.

Durante todo o período de audiencia non se reciben alegacións.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é competente para coñecer os expedientes de clasificación (artigo 9 da LMVMC).

Segundo. De conformidade co artigo 1 desa norma, son montes veciñais en man común «...os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

Terceiro. Unha vez revisada a documentación existente no expediente, queda acreditado de forma sólida e fidedigna o aproveitamento consuetudinario en man común do monte Cerqueiral pola agrupación veciñal.

Polo exposto, o Xurado acorda:

Clasificar como veciñal en man común o monte Cerqueiral a prol dos veciños da CMVMC de Entenza (Salceda de Caselas), de acordo coa descrición reflectida nesta resolución e conforme a planimetría elaborada polo Servizo de Montes.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso de reposición con carácter potestativo ante o mesmo Xurado no prazo dun (1) mes, ou ben interpor directamente un recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous (2) meses, consonte o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 27 de marzo de 2026

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra