En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, na sesión que tivo lugar o 24 de febreiro de 2026, baixo a presidencia de Antonio Crespo Iglesias, director territorial, coa asistencia dos e das vogais Amalia Elsa Pazos Pintos, xefa do Servizo de Montes, Xosé Carlos Morgade Martínez, representante da CMVMC da provincia, Paula Nieto Grande, letrada da Xunta de Galicia, así como do secretario do Xurado José Alberto Cousido Fernández, funcionario adscrito ao Servizo Xurídico-Administrativo, adoptou a seguinte resolución:
Antecedentes de feito:
Primeiro. O 31.10.2018, a CMVMC de Lourizán (Pontevedra) presenta unha solicitude de clasificación como monte veciñal en man común da parcela denominada Gandarela, coa seguinte descrición:
Referencias catastrais: 36900A01300283 e parte da 36900A01300481.
IVG catastral CSV: 8ADEQB511M241J3X.
Cabida: 2.764 m2.
Norte: rúa Camelias.
Sur: predio particular.
Leste: urbanización residencial de Ence e outros predios particulares.
Oeste: dominio público marítimo-terrestre.
Coa solicitude xúntase memoria técnica e levantamento topográfico das parcelas realizado polo enxeñeiro técnico agrícola colexiado número 563 do COETF de Galicia e xustificación da forestación da parcela realizada polos alumnos do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Lourizán, da Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional.
O 2.1.2019, o xefe da Sección de Topografía informa da posibilidade de identificación das parcelas e de que non se encontran clasificadas. Constan os seguintes titulares catastrais: a parcela 36900A01300283 está a nome da CMVMC de Lourizán e a parcela 36900A01300481, a nome dun particular.
Segundo. Na sesión do 9.7.2019, o Xurado acordou incoar o correspondente expediente de clasificación do antedito monte a prol da CMVMC de Lourizán e nomear instrutora a Amalia Elsa Pazos Pintos. Este acordo notificouse o 16.7.2019 ao Concello de Pontevedra e o 18.7.2019 á CMVMC de Lourizán.
Terceiro. O 15.7.2020, o persoal técnico do Servizo de Montes emitiu un informe preceptivo:
«(...) Da revisión da documentación achegada ao expediente polos solicitantes, dos informes da Sección de Topografía e da inspección en campo realizada o 7.2.2019 dedúcese a información seguinte:
1. É un terreo de 2.764 m2 de superficie correspondente coa parcela 36900A01300283 a nome da comunidade e 36900A01300481 de titularidade particular, descontando de ambas as dúas parcelas o dominio público marítimo-terrestre.
2. Accédese a este terreo pola rúa Camelias. Está delimitado ao norte pola estrada PO-546 e a avda. da rúa Camelias, polo leste polo peche da urbanización de Ence e predio particular, sur con predio particular e oeste co dominio público marítimo.
3. A maior parte deste terreo é unha plantación, a carón do dominio público marítimo-terrestre, duns 2-3 anos, de 14 especies autóctonas arbóreas e arbustivas: pradairo, ameneiro, érbedo, bidueiro, acivro, nogueira, loureiro, carballo e salgueiro e espiño, herba da pedra, herba salgueira e sabugueiro. A plantación está limitada por postes de granito rosa Porriño de 1,60×0,15x0,15 e foi realizada en colaboración pola CMVMC de Lourizán, a Asociación Cultural de Pontemuíños, o Laboratorio de Medio Ambiente e o CFEA de Lourizán, para a recuperación do espazo natural da Xunqueira da Gandarela, segundo reza nun cartel informativo que se encontra no medio da plantación.
O terreo foi desbarbado, aínda que neste momento encóntrase cun substrato arbustivo e subarbustivo composto por herba, fiúncho e silvas (...)».
Cuarto. O 19.8.2020 e o 16.6.2022 o Rexistro da Propiedade de Pontevedra certificou que o predio de que se insta a clasificación non se atopa inscrito no Rexistro. Ordénanse as anotacións preventivas no Rexistro da Propiedade de Pontevedra, notifícase o trámite de audiencia e publícase un edicto no Concello de Pontevedra.
O 11.6.2021 publicouse no DOG o Anuncio do 25 de maio de 2021, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica o acordo de inicio do expediente de clasificación do monte Gandarela a favor da CMVMC de Lourizán. No DOG número 96, do 20.5.2024, publicouse unha corrección de erros do dito anuncio.
Dentro do período do trámite de audiencia non se recibiron alegacións.
Fundamentos de dereito:
Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é competente para coñecer os expedientes de clasificación (artigo 9 da LMVMC).
Segundo. De conformidade co artigo 1 desa norma, son montes veciñais en man común «...os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».
Hai que ter en conta que a titularidade dunha referencia catastral non acredita por si soa a propiedade, pero constitúe un indicio de posesión que interrompe o uso continuado dunha parcela e pode impedir a súa clasificación como MVMC.
Terceiro. Unha vez revisada a documentación existente no expediente acredítase de forma sólida e fidedigna o aproveitamento consuetudinario en man común en parte da parcela Gandarela pola agrupación veciñal da cal é titular catastral e que puxeron á disposición dos alumnos do Centro de Formación de Lourizán para realizar un arboredo de especies forestais conforme o indicado no informe preceptivo do Servizo de Montes de Pontevedra.
Polo exposto, o Xurado
ACORDA:
Clasificar como veciñal en man común a parte da parcela Gandarela, que ocupa a referencia catastral 36900A01300283 (excluído o dominio público) a prol dos veciños da CMVMC de Lourizán (Pontevedra), de acordo coa descrición que se reflicte a continuación e conforme a planimetría elaborada polo Servizo de Montes.
Novos lindes e superficie:
Monte: Gandarela.
Ref. catastral: 36900A01300283 (eliminado o dominio público).
Cabida: 2.330 m2.
Norte: rúa Camelias.
Sur: 36900A013004810000QS.
Leste: urbanización residencial de Ence e outros predios particulares.
Oeste: dominio público marítimo-terrestre.
Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso de reposición con carácter potestativo ante o mesmo Xurado no prazo dun mes, ou ben interpor directamente un recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses, consonte o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.
Pontevedra, 27 de marzo de 2026
Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra
