DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Xoves, 16 de abril de 2026 Páx. 23296

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 27 de marzo de 2026, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación dos montes chamados Cucos ou Cochos, Cultural-Coto-Rubindo-Pedreira, Volta da Moura e Volta da Moura Río Tinto, solicitados a favor da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Budiño (Salceda de Caselas).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, na sesión que tivo lugar o 24 de febreiro de 2026, baixo a presidencia de Antonio Crespo Iglesias, director territorial, coa asistencia dos vogais Amalia Elsa Pazos Pintos, xefa do Servizo de Montes, Xosé Carlos Morgade Martínez, representante das CMVMC da provincia, Paula Nieto Grande, letrada da Xunta de Galicia, e do secretario do Xurado José Alberto Cousido Fernández, funcionario adscrito ao Servizo Xurídico-Administrativo, adoptou a seguinte resolución:

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 5.8.2024, a persoa que exerce a representación da CMVMC de Budiño (Salceda de Caselas) presentou a solicitude de clasificación como monte veciñal en man común dos montes denominados Cucos ou Cochos, Cultural-Coto-Rubindo-Pedreira, Volta da Moura e Volta da Moura Río Tinto, coa seguinte descrición:

1. Nome do monte: Cucos ou Cochos.

Cabida: 2.423 m2:

Ref. catastral: parte das seguintes parcelas 36049A02609019, 36049A02600541, 36049A02609015, 36049A02600542, 36049A02600527, 36049A02600528, 36049A02600529, 36049A02600538, 36049A02600539, 36049A02600540, 36049A02600169, 36055A02700106, 36055A02700107, 36055A02700108.

Estremas:

Titulares

Norte

Herdeiros de Manuel Xesteira

Sur

Concello de Tui-CMVMC de Guillarei

Leste

Herdeiros de Manuel Xesteira e monte comunal de Guillarei

Oeste

Palmira Vila Ramírez

2. Nome do monte: Cultural, Coto, Rubindo e Pedreira.

Cabida: 20.647 m2

Ref. catastral: parte das seguintes parcelas 36049A02801444, 36049A02809047, 36049A02800045, 36049A02800010, 36049A02809012, 36049A02800021, 36049A02800007, 36049A02801426, 36049A02800023, 36049A02809048, 36049A02800022, 36049A02809013, 36049A02809014, 36049A02800046, 36049A02800047, 36049A02800011, 36049A02800012, 36049A02800013, 36049A02800016.

Estremas:

Titulares

Norte

Delio Pérez Lemos-Juan Costas Rendo-Estrada provincial-Camiño público

Sur

Josefa Lemos Vila-José Manuel Rendo Costas-Hermosinda Evengelina Cortiñas Viñas

Leste

ADIF

Oeste

Estrada provincial-Delio Pérez Lemos-Delfina González Vila

3. Nome do monte: Volta da Moura.

Cabida: 6.377 m2:

Ref. catastral: parte das seguintes parcelas 36049A02700142, 36049A02709002, 36049A02700140, 36049A02700139, 36049A02709002, 36055A00701257, 36055A00701256.

Estremas:

Titulares

Norte

Camiño público-Manuel Alonso Diz-Herdeiros de Severino Gómez

Sur

Luis Fernández Álvarez-Alejandro Álvarez Fernández-Autovía A-55-Camiño público

Leste

Autovía A-55

Oeste

Camiño público

4. Nome do monte: Volta da Moura Río Tinto.

Cabida: 484 m2:

Ref. catastral: parte das seguintes parcelas 36049A02600376, 36049A02600377.

Estremas:

Titulares

Norte

Severiano Gavin González

Sur

Estrada N-550-Cerámica Mas, S.A.

Leste

Cerámica Mas, S.A.

Oeste

Estrada N-550

Coa solicitude xúntase a seguinte documentación:

– Acordo da Asemblea Xeral da CMVMC de Budiño, do 18.6.2023, de solicitar a clasificación dos terreos.

– Memoria técnica do 5.8.2024, asinada pola enxeñeira técnica forestal colexiada número 908 do COETF de Galicia, que inclúe documentación histórica e actual da orixe das parcelas.

– Levantamento topográfico, certificación de titularidade catastral e informes de validación gráfica catastral.

– Cartografía en formato dixital ETRS89 DATUM 29.

O 16.9.2024, o xefe da Sección de Topografía informou da posibilidade de identificación das parcelas solicitadas e que non se atopan clasificadas.

Segundo. Na sesión do 28.5.2025, o Xurado acordou incoar o correspondente expediente de clasificación dos ditos montes a prol da CMVMC de Budiño e nomear instrutora a Amalia Elsa Pazos Pintos.

Terceiro. O 6.6.2025 solicitouse ao Rexistro da Propiedade de Tui a práctica da anotación preventiva facendo constar a existencia do expediente de clasificación e que os terreos referidos poden resultar afectados pola resolución final daquel. Asemade, solicitóuselle certificación dos asentos que poidan afectar o terreo en cuestión (existencia doutros titulares, cargas ou limitacións de dominio). O 26.6.2025, o Rexistro da Propiedade de Tui certificou a anotación preventiva e que non existen cargas rexistradas.

Cuarto. O 26.6.2025 a técnica do Distrito Forestal Vigo-Baixo Miño visitou as parcelas e informou:

«Terreo 1. Cucos ou Cochos:

– Uso forestal: practicamente se corresponde cun camiño comunal. Na parte sur, onde se ensancha a parcela, na marxe dereita do camiño vexeta unha masa de frondosas autóctonas, e na esquerda existe un depósito de pedras de granito. Apréciase que os traballos de roza se levan a cabo de forma máis habitual que no resto do camiño.

– Estremas: non é fácil apreciar as estremas, posiblemente se delimitase por unhas levadas que existen en ambas as marxes do camiño, hoxe case inapreciables.

Terreo 2. Cultural, Coto, Rubindo e Pedreira:

– Uso forestal: practicamente nulo; na parte oeste da parcela existe un gran prado segado sen apenas arboredo.

– Uso non forestal: social, recreativo, deportivo e cultural. Existen múltiples infraestruturas nesta parcela, a máis representativa o local social do pobo. Arredor del hai unha cancha de fútbol e baloncesto, un parque infantil, un parque de deporte para maiores, varios merendeiros con grellas....

– Estremas: a parcela está claramente deslindada, ben por infraestruturas como cerres, escaleiras e pistas asfaltadas como por sendas forestais.

Terreo 3. Volta da Moura:

– Uso forestal: marcado uso forestal. A parte leste correspóndese coa ribeira dun pequeno regato, as especies vexetais son as típicas destes espazos húmidos, nesta zona non se aprecia ningún tipo de xestión da vexetación. A parte oeste corresponde cun rexenerado de piñeiro duns 8 anos, aprécianse tratamentos silvícolas, aínda que non recentes.

– Estremas: gran parte da parcela está deslindada por unha pista forestal. A parte sur, por cambio de estado de masa; pasa de ser un rexenerado de piñeiro a unha masa adulta, existe unha pequena senda duns 3 metros que separa ambos os estratos. A parte noroeste, a da ribeira, é a que presenta maiores dúbidas en canto ao deslindamento, apenas se aprecia cambio na masa.

Terreo 4. Volta da Moura-Río Tinto:

– Uso forestal: parte da parcela está ocupada por unha masa de frondosas autóctonas sen ningún tipo de xestión. A parte norte está rozada, é de supor que a xestión a fai a propiedade do predio adxacente.

– Estremas: a parcela está claramente deslindada, parte por unha pista do polígono industrial e parte por un muro de granito».

Quinto. O 22.8.2025 notificóuselle o acordo de inicio ao Concello de Salceda de Caselas, déuselle un período de audiencia dun mes e remitíuselle o edicto para a súa exposición no taboleiro de anuncios do Concello e nos lugares de costume da parroquia de Santo Estevo de Budiño para o coñecemento de interesados en xeral.

O 26.8.2025 notifícase o acordo de inicio á CMVMC de Budiño e dáselle un período de audiencia dun mes.

O 22.9.2025, o Concello de Salceda de Caselas remitiu o certificado de publicación no taboleiro anuncios da sede electrónica do Concello.

O 16.9.2025 publicouse o Anuncio do 22 de agosto de 2025, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica o acordo de iniciación do expediente de clasificación dos montes Cucos ou Cochos, Cultural, Coto, Rubindo e Pedreira, Volta da Moura e Volta da Moura Río Tinto, a favor da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Budiño (Santo Estevo), (DOG núm.1 78, do 16 de setembro).

Durante todo o período de audiencia non se recibiron alegacións.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é competente para coñecer os expedientes de clasificación (art. 9 da LMVMC).

Segundo. De conformidade co artigo 1 desa norma, son montes veciñais en man común «... os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

Neste sentido, a actual Lei de montes de Galicia establece no seu artigo 58 como actividades forestais toda acción material relativa á conservación, a mellora e ao aproveitamento dos montes –tanto madeireiros como non madeireiros–, pastos, caza, cogomelos, aromáticas, froitos, etc., así como a subministración de servizos como o socio-recreativo, paisaxe, protección dos recursos hídricos, o aire e o solo e a cultura e o coñecemento forestal.

Terceiro. Unha vez revisada a documentación existente no expediente, extráense as seguintes conclusións en referencia ás parcelas que se indican a seguir:

Parcela 1. Cucos ou Cochos:

– O levantamento topográfico correspóndese nunha pequena parte coa parcela 36049A02600541, que está a nome da CMVMC de Budiño, e o resto afecta terreos que figuran no Catastro a favor de propietarios particulares individuais e da CMVMC de Guillarei (no concello de Tui), sen que no informe do técnico do persoal do distrito se poidan identificar muros de separación. Inclúe o camiño Regueira do Couto, público de titularidade municipal.

– A parcela consta no Inventario de bens do Concello de Salceda de Caselas que non se opuxo á súa clasificación.

– No Rexistro de MVMC de Pontevedra do Servizo de Montes consta a solicitude do 12.6.1985, do presidente da CMVMC de Budiño, de clasificación da parcela Cucos coas mesmas estremas, pero non coincide en superficie.

Parcela 2. Cultural, Coto, Rubindo e Pedreira:

– O levantamento topográfico correspóndese case na súa totalidade coas parcelas 36049A02800045 e 36049A02800021. Perímetro pechado por muros, ben que achegan medición topográfica do ano 1993, que afecta minimamente as estremas catastrais debido a:

– Polígono 37 e parcela 246.

– Libro de amillaramento de 1945 en que varios propietarios testan co monte comunal.

– Na parcela localízase a casa cultural, zona de aparcadoiro e instalacións socio-recreativas.

Parcela 3. Volta da Moura:

– O levantamento topográfico correspóndese case na súa totalidade coas parcelas 36049A02700140 e 36049A02700142, que figuran no Catastro a nome da CMVMC de Budiño. Inclúe parte dunha vía pública municipal.

– Achegan a memoria preliminar do deslindamento dos montes Cerquido e Eido Vello, pertencentes á parroquia de Budiño, no concello de Salceda de Caselas, de 1974 e plano de localización. O enxeñeiro informa da existencia de parcelas de posesión dubidosa e da existencia de ocupacións de terceiros.

– No Rexistro de MVMC de Pontevedra do Servizo de Montes consta a solicitude do 12.6.1985, do presidente da CMVMC de Budiño, de clasificación da parcela Volta da Moura, que non coincide en estremas nin en superficie.

Parcela 4. Volta da Moura-Río Tinto:

– O levantamento topográfico correspóndese case na súa totalidade coa parcela 36049A02600376, que figura no Catastro a nome da CMVMC de Budiño e invade lixeiramente a parcela catastral contigua.

– A parcela consta no Inventario de bens do Concello de Salceda de Caselas, que non se opuxo á súa clasificación. Achegan a memoria preliminar do Concello do deslindamento, de decembro de 1974, que indica: «a existencia de ocupacións de propiedade particular que se poden ir ampliando a custa do monte comunal». « ...Pero si se preveñen problemas de pertenza ou posesión na parcela primeira ou Volta da Moura, por causa da citada canteira e, co fin de evitar posibles prexuízos ás propiedades, estimamos que debe procederse ao deslindamento (...)».

– No Rexistro de MVMC de Pontevedra consta a solicitude do 12.06.1985, do presidente da CMVMC de Budiño, de clasificación da parcela Volta da Moura, que non coincide en estremas nin en superficie.

Polo exposto, o Xurado

ACORDA:

Clasificar como veciñal en man común os montes Cultural-Coto-Rubindo-Pedreira e Volta da Moura-Río Tinto a prol dos veciños da CMVMC de Budiño (Salceda de Caselas), tal e como se describen no punto primeiro dos antecedentes e que se corresponden cos informes de validación gráfica catastral con CSV: SQ3CT3VSBK94CGY3 e CSV: ANVYA2MK4PWGQP7K, e conforme a planimetría elaborada polo Servizo de Montes.

Clasificar parcialmente como veciñal en man común a parcela Cucos ou Cochos, composta unicamente pola referencia catastral 36049A02600541, e a parcela Volta da Moura, composta unicamente polas referencias catastrais 36049A02700140 e 36049A02700142, de acordo coa descrición que se indica a continuación e conforme a planimetría elaborada polo Servizo de Montes. Será o deslindamento administrativo ou xudicial o que determine a súa superficie definitiva.

1. Nome do monte: Cucos ou Cochos:

Cabida: 542 m2.

Ref. catastral: 36049A02600541.

Estremas:

Titulares

Norte

Parcelas particulares

Sur

Concello de Tui

Leste

Camiño Regueira do Couto

Oeste

Camiño e CMVMC de Guillarei

3. Nome do monte: Volta da Moura.

Cabida: 5.280 m2:

Ref. catastral: 36049A02700140 e 36049A02700142.

Estremas:

Titulares

Norte

Propietarios particulares e 36049A02709002

Sur

Propietarios particulares e 36049A02709002

Leste

Propietarios particulares e 36049A02709002

Oeste

Propietarios particulares e 36049A02709002

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo perante o mesmo Xurado no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses, consonte o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 27 de marzo de 2026

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de
Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra