DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Xoves, 16 de abril de 2026 Páx. 23291

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 27 de marzo de 2026, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación do monte chamado Montes de Ponte Sampaio, solicitado a favor da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Ponte Sampaio (Pontevedra).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do regulamento para a execución da Lei de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, na sesión que tivo lugar o 24 de febreiro de 2026, baixo a presidencia de Antonio Crespo Iglesias, director territorial, coa asistencia dos vogais Amalia Elsa Pazos Pintos, xefa do Servizo de Montes, Xosé Carlos Morgade Martínez, representante das CMVMC da provincia, Paula Nieto Grande, letrada da Xunta de Galicia, e do secretario do Xurado José Alberto Cousido Fernández, funcionario adscrito ao Servizo Xurídico-Administrativo, adoptou a seguinte resolución:

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 10.2.2020, a Presidencia da CMVMC de Ponte Sampaio (Pontevedra) presentou a solicitude de clasificación como monte veciñal en man común dunha parte do monte denominado Montes de Ponte Sampaio que non foi incluída na Resolución de clasificación do Xurado de MVMC de Pontevedra do 11.12.1981, na que consta unha superficie de 163 ha.

A comunidade manifesta que vén utilizando e aproveitando unha superficie de 442,68 ha, que figuran no Catastro ao seu nome e que levan sendo aproveitadas e desfrutadas polos veciños da parroquia desde tempo inmemorial.

Así mesmo, solicita que se identifique a superficie gráfica-catastral incluída na resolución de clasificación dos anos 80.

Coa solicitude xúntase unha memoria técnica realizada pola enxeñeira técnica agrícola colexiada número 1.063 do COITA de Pontevedra, a relación de parcelas catastrais a nome da CMVMC de Ponte Sampaio e a cartografía dixital das parcelas catastrais das que é titular. Todas as superficies indicadas neste informe son superficies sen proxección.

Segundo. O 16.6.2020, o xefe da Sección de Topografía informa da posibilidade de identificación das parcelas e que algunhas están clasificadas.

O 17.7.2020, a xefa da Área de MVMC do Servizo de Montes de Pontevedra informou de que na resolución do Xurado MVMC de Pontevedra se constata unha incongruencia na identificación das parcelas e subparcelas que integran o MVMC e no cálculo da superficie total, xa que se clasifican 163 ha e a suma total é de 238 ha e a superficie do esbozo do estudo previo de clasificación é de 263 ha.

Esta diferenza de superficie impide a correcta xestión do monte ante as administracións públicas, xa que non poden acreditar unha superficie superior a 163 ha (a resolución firme de clasificación dun MVMC é o seu título de propiedade, segundo o artigo 13 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de MVMC de Galicia). A CMVMC declara o uso de 442,68 ha que figuran no Catastro ao seu nome e que veñen sendo aproveitadas e desfrutadas polos veciños desde tempo inmemorial.

O estudo previo existente no Rexistro de MVMC de Pontevedra recolle que os montes de Ponte Sampaio proveñen do monte de utilidade pública núm. 456 do catálogo, cunha superficie de 190 ha, e descríbeos do seguinte xeito: Landreira, Costa e outros (140 ha), Ameán (16 ha), Pedra Forna (6 ha), Cavada Vella (2 ha) e Chanciña (22 ha).

O 11.12.1981, o Xurado de MVMC de Pontevedra clasificou como MVMC, a favor dos veciños da parroquia de Ponte Sampaio, os montes Landreira, Costa e outros, Ameán, Pedra Forna, Cavada Vella e Chanciña.

Coas técnicas actuais en cartografía dixital e en aplicación da disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, conclúese que os MVMC clasificados teñen a seguinte correspondencia gráfica catastral:

– Landreira, Costa e outros: 121,18 ha. Parcelas catastrais: 36900A41100002, 36900A40500078, 36900A40500077, 36900A40500076 e 36900A40500075.

– Amean: 26,51 ha. Parcela catastral: 36900A40900227.

– Pedra Forna: 12,64 ha. Parcela catastral: 36900A40801015.

– Cavada Vella: 2,18 ha. Parcela catastral: 36900A40900472.

– Chanciña: 28,45 ha. Parcela catastral: 36900A40700161.

Polo tanto, das 442,68 ha que a CMVMC de Ponte Sampaio declara que son da súa propiedade, pódese afirmar que 190,96 ha se corresponden coa clasificación realizada polo Xurado de MVMC de Pontevedra o 11.12.1981. O resto da superficie (251,75 ha) denominada Montes de Ponte Sampaio é obxecto de estudo no presente expediente de clasificación.

Terceiro. O 10.8.2020, o Xurado de MVMC de Pontevedra acordou incoar o expediente de clasificación dos montes de Ponte Sampaio e nomear instrutora a Amalia Elsa Pazos Pintos. Este acordo notificóuselle o 12.8.2020 ao Concello de Pontevedra e o 18.8.2020 á CMVMC de Ponte Sampaio. A parcela finalmente incoada defínese como:

Nome: Montes de Ponte Sampaio.

Cabida: 251,75 ha.

Norte: CMVMC de Baltar, CMVMC de Sobreiro, CMVMC de Chan do Casal (concello de Ponte Caldelas).

Sur: estrada asfaltada Soutomaior-Ponte Sampaio e pista asfaltada do propio monte comunal.

Leste: CMVMC de Comboa-Romariz (concello de Soutomaior).

Oeste: CMVMC de Canicouva e estrada PO-264.

Cuarto. O 15.7.2020, a xefa da Área de MVMC do Servizo de Montes emitiu o informe preceptivo en que, en resumo, identifica 13 coutos redondos, principalmente cun uso e aproveitamento forestal, con piñeiro e eucalipto. Así mesmo, existen zonas con uso cinexético e zonas socio-recreativas con campos da festa e parques infantís, todas coa titularidade catastral da CMVMC de Ponte Sampaio.

Así mesmo, gran parte da superficie obxecto de clasificación figura en convenio coa Administración forestal, co número de elenco 3615584, asinado o 8.9.1986, cunha superficie inicial de 287 ha e actual de 273,30 ha. Na zona incluída no convenio, a Administración forestal é a que realiza a xestión forestal: aproveitamentos forestais madeireiros, repoboacións forestais e mantementos de pistas forestais e devasas que pertencen ao monte veciñal.

Quinto. O 21.7.2023, o Rexistro da Propiedade de Pontevedra núm. 1 certifica que as parcelas respecto das cales se insta a clasificación non figuran inscritas no Rexistro. Ordénanse as anotacións preventivas no Rexistro da Propiedade de Pontevedra. Notifícase o trámite de audiencia e publícase o edicto no Concello de Pontevedra.

Igualmente, publícase no DOG o anuncio do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se fai público o acordo de iniciación do expediente de clasificación dos montes de Ponte Sampaio a favor da CMVMC de Ponte Sampaio, parroquia de Ponte Sampaio, no concello de Pontevedra (DOG núm. 189, do 4 de outubro).

Sexto. Transcorrido o prazo concedido no período de audiencia, non se formularon alegacións.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é competente para coñecer os expedientes de clasificación (artigo 9 da LMVMC).

Segundo. De conformidade co artigo 1 desa norma, son montes veciñais en man común «...os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

Cómpre ter en conta que a titularidade dunha referencia catastral non acredita por si soa a propiedade; non obstante, constitúe un indicio de posesión, circunstancia que é valorada polo Xurado na súa deliberación.

Terceiro. Unha vez revisada a documentación existente no expediente, queda acreditado de forma sólida e fidedigna o aproveitamento consuetudinario en man común dos montes de Ponte Sampaio pola agrupación veciñal.

Así mesmo, o informe preceptivo emitido polo Servizo de Montes de Pontevedra concorda coa memoria técnica presentada pola CMVMC de Ponte Sampaio.

Polo exposto, o Xurado

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo da resolución de clasificación do Xurado de MVMC de Pontevedra, do 11.12.1981, dos montes Landreira, Costa e outros, Ameán, Pedra Forna, Cavada Vella e Chanciña, cunha superficie de 190,96 ha, e clasificar como veciñal en man común os Montes de Ponte Sampaio (251,75 ha) a prol dos veciños da CMVMC de Ponte Sampaio (Pontevedra), de acordo coa descrición reflectida nesta resolución e conforme a planimetría elaborada polo Servizo de Montes.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo perante o mesmo Xurado no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses, consonte o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 27 de marzo de 2026

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra