DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Xoves, 16 de abril de 2026 Páx. 23273

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 5 de marzo de 2026, da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 2 de marzo de 2026, polo que se declara de interese autonómico o proxecto de ampliación das instalacións de Prefabricados Santa Comba, no concello de Santa Comba (A Coruña).

En cumprimento do disposto no artigo 42.4 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, a Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia da Coruña o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 2 de marzo de 2026, polo que se declara de interese autonómico o proxecto de ampliación das instalacións de Prefabricados Santa Comba, cuxo contido se recolle no anexo a esta resolución.

Contra o devandito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2026

Nicolás Vázquez Iglesias
Secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético

ANEXO

Forjados Santa Comba, S.L., empresa no sector da construción con 50 anos de historia, ten as súas instalacións no lugar de Braña Rica, no municipio de Santa Comba (A Coruña), onde desenvolve a súa actividade, centrada fundamentalmente na elaboración de produtos prefabricados de formigón.

O obxecto do proxecto para o que se solicita a declaración de interese autonómico é a creación dunha zona de solo urbanizable para destinalo á ampliación das instalacións industriais que Forjados Santa Comba ten actualmente A previsión da empresa é empregar esta zona fundamentalmente para aumentar a produción nas liñas de elementos pesados.

O ámbito de actuación conta cunha superficie de 155.128,22 m², nos cales se inclúen tanto as instalacións actuais coma os terreos necesarios para a súa ampliación.

O proxecto está aliñado co Plan estratéxico de Galicia 2030, concretamente co eixo 3. Competitividade e crecemento, en particular coas prioridades 3.1. Mellorar as capacidades de investigación e innovación e a adopción de tecnoloxías avanzadas, dado o proceso de modernización da planta, e 3.4. Promover as infraestruturas produtivas e as de rede, pola mellora e modernización da produtividade e a creación de emprego no territorio rural galego que supón o proxecto.

A necesidade de recorrer a un instrumento de intervención directa na ordenación do territorio como son proxectos de interese autonómico (PIA) xorde das limitacións ao desenvolvemento urbanístico provocadas pola ausencia dun planeamento urbanístico actualizado.

Por todo iso, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 2 de marzo de 2026, adoptou, entre outros, o seguinte

ACORDO:

1. Declarar de interese autonómico o proxecto de ampliación das instalacións de Prefabricados Santa Comba no concello de Santa Comba (A Coruña).

2. O órgano competente por razón da materia para a tramitación do expediente é a Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, que deberá cumprir co procedemento legal establecido.

3. As determinacións contidas no referido proxecto, unha vez aprobado definitivamente polo Consello da Xunta, vincularán o planeamento do Concello de Santa Comba, na provincia da Coruña, que terá que adaptarse a elas dentro dos prazos que para tal efecto se determinen.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2026

Nicolas Vázquez Iglesias
Secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético