DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Xoves, 16 de abril de 2026 Páx. 23190

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 8 de abril de 2026 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes da Resolución do 27 de xaneiro de 2026 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas a proxectos de descarbonización e renovación industrial de industrias tractoras nas comarcas afectadas polo peche das centrais térmicas, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027. Territorio P2 A Coruña, e se procede á súa convocatoria para os anos 2026, 2027, 2028 e 2029, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG408N).

Mediante a Resolución do 27 de xaneiro de 2026 publicouse o acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aprobou as bases reguladoras das axudas a proxectos de descarbonización e renovación industrial de industrias tractoras nas comarcas afectadas polo peche de centrais térmicas no marco do Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027. Territorio P2 A Coruña, e procedeuse á súa convocatoria para os anos 2026, 2027, 2028 e 2029, en réxime de concorrencia competitiva (DOG núm. 20, do 30 de xaneiro de 2026).

No parágrafo segundo do Resolvo establecíase que o prazo de presentación de solicitudes sería de tres (3) meses a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. O dito prazo así computado remata o 30 de abril de 2026.

Tendo en conta a complexidade da preparación destas solicitudes, tanto polo volume de investimento mínimo como polas características técnicas da documentación exixida, que requiren da elaboración de informes específicos e a necesidade de análise e estudos previos á presentación, considérase que o prazo de tres (3) meses establecido inicialmente non abonda para a correcta preparación das solicitudes. Con tal motivo, e en prol da eficiencia do propio programa, considérase necesario ampliar o prazo de solicitudes fixado inicialmente na convocatoria.

Por todo o anterior, e de conformidade co disposto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e dado que non se causan prexuízos a terceiros, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Ampliar o prazo de presentación de solicitudes de axuda establecido no parágrafo segundo da resolución de convocatoria das axudas a proxectos de descarbonización e renovación industrial de industrias tractoras nas comarcas afectadas polo peche das centrais térmicas, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027. Territorio P2 A Coruña, ata o 1 de xuño de 2026.

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2026

Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica