Denominación: Área de Rehabilitación Integral do Núcleo Antigo de Cortegada.
Ámbito: rural de carácter continuo.
Clase: área de rehabilitación integral rural.
Antecedentes de feito:
1. O 12 de xaneiro de 2022, o Concello de Cortegada presenta no Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) unha solicitude para a declaración dunha área de rehabilitación integral (en diante, ARI) no núcleo antigo de Cortegada, no seu termo municipal. Coa solicitude xúntase o certificado do acordo adoptado polo Pleno do 16 de decembro de 2021.
2. O ámbito comprende o núcleo antigo da parroquia de Santa María de Cortegada, que concentra a meirande parte dos servizos municipais e onde converxen as principais vías de comunicación deste concello, que pertence á Comarca do Ribeiro. Abrangue unha superficie de 36.780,59 m².
3. Sobre a declaración da ARI solicitada emitiuse informe favorable, tanto desde o punto de vista técnico e urbanístico como administrativo, por parte das unidades competentes do IGVS.
Consideracións legais e técnicas:
1. A Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, regula as ARI nos seus artigos 49 ao 51. Concretamente, o artigo 50.1.b) establece que as ARI terán a categoría de rurais cando o seu ámbito pertenza a concellos con menos de cinco mil habitantes e a súa configuración sexa predominantemente rural. Neste suposto, o ámbito delimitado deberá ter, como mínimo, vinte vivendas.
2. O Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, regula no seu capítulo II, sección 2ª, artigo 8, o procedemento para a declaración das ARI.
No expediente para a declaración desta ARI recóllense todos os aspectos sinalados no artigo 8.2 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro.
3. De conformidade cos artigos 49 da Lei 1/2019, do 22 de abril, e 8.1 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, as ARI declararanse mediante unha resolución da Presidencia do IGVS, por solicitude dos concellos interesados.
Por todo o exposto, e de conformidade coas competencias atribuídas no artigo 49 da Lei 1/2019, do 22 de abril,
RESOLVO:
Declarar a área de rehabilitación integral do núcleo antigo de Cortegada, de ámbito rural de carácter continuo, no seu termo municipal, segundo o ámbito delimitado nos planos que se xuntan como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 7 de abril de 2026
María Martínez Allegue
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo
ANEXO

