O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra resolveu, na súa reunión do 24.2.2026, aprobar o deslindamento parcial entre a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Romai (Portas) e o Concello de Portas, con base nos seguintes feitos e consideracións técnicas.
Antecedentes e consideracións técnicas:
Primeiro. Na Resolución do 20.2.1989, do Xurado de MVMC de Pontevedra, clasifícanse diversos montes veciñais da CMVMC de Romai: Porto do Salto, Cubelo e Tarrío, Moradela, Cachadiña e Maras, Vilavedra e Vilar, Macica ou Tras das Pías.
No texto referente á parcela Vilavedra indícase que non se clasifica unha superficie de 4,00 ha por pertencer ao Concello de Portas; esta superficie non foi xeorreferenciada nin excluída do estudo previo de clasificación.
Este deslindamento localiza a situación das 4,00 ha excluídas e pertencentes ao Concello de Portas. Consta no expediente a seguinte documentación:
– Informe proposta de deslindamento da CMVMC de Romai, parroquia de Romai, concello de Portas, con terreos municipais no monte denominado Vilavedra, sito na parroquia de Romai (Portas). Asinado o 12.8.2022 pola enxeñeira técnica forestal colexiada núm. 807 do COETF de Galicia.
– Certificado do 27.3.2023, do secretario da CMVMC de Romai, da aprobación na asemblea xeral do 12.2.2023 do deslindamento co Concello de Portas na parcela Vilavedra.
– Copia do Inventario municipal de bens do Concello de Portas da parcela denominada Vilavedra (campo de fútbol de Romai), de 4,00 ha.
– Certificado do 9.8.2023, do Rexistro da Propiedade de Caldas de Reis, de inscrición do predio Vilavedra como monte de libre disposición co CRU: 36001000230386 no folio 191 do libro 33 e tomo 461 do arquivo.
– Informe de validación gráfica catastral con CSV: 2K8NR6V9PG0Y6KHT.
– Cartografía ETRS89-DATUM 29.
Segundo. O Servizo de Montes considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 54 da LMG, polo que propón que o Xurado aprobe o deslindamento segundo a liña presentada.
Terceiro. O artigo 54 da LMG establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará unha resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás persoas interesadas.
A vista do exposto, este xurado
RESOLVE:
Aprobar o deslindamento parcial entre a CMVMC de Romai (Portas) e o Concello de Portas, nos termos antes indicados.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de MVMC de Pontevedra no prazo dun mes, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 LPAC, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o xulgado do contencioso-administrativo, no prazo de dous meses de acordo cos artigos 8 e 46 da LXCA.
Pontevedra, 27 de marzo de 2026
Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra
